Diversa Infantil da comarca de Sarria promove actividades gratuítas para o curso 2025/2026

A Plataforma de Diversidade Infantil da Comarca de Sarria vén de poñer en marcha un novo programa de actividades gratuítas para o curso 2025/2026, co obxectivo de promover a inclusión, o benestar emocional e a sensibilización no ámbito educativo.
Unha das propostas é a maleta sensorial, un recurso en préstamo que inclúe xogos e materiais manipulativos pensados para traballar a atención, a coordinación motora, a integración sensorial e a calma, facilitando ademais a autoregulación emocional. Esta actividade está destinada a casas niño, escolas infantís, garderías, centros de educación infantil e primaria, así como outros colectivos vinculados á infancia.
A programación complétase co visionado dunha parte da serie documental Galicia Diversa e un coloquio posterior co seu guionista e director, Manuel Darriba. Esta sesión está recomendada para estudantes de secundaria, bacharelato, formación profesional, educación superior e outros grupos interesados en reflexionar sobre a diversidade e a convivencia.
A entidade lembra que tamén atenderá solicitudes de fóra da comarca e agradece a colaboración das persoas que adquiriron pulseiras solidarias para diferentes eventos, grazas ás cales foi posible adquirir o material da maleta sensorial.
As entidades interesadas poden solicitalas reservando data a través do correo diversainfantil@gmail.com.