Diversa Infantil de Sarria e COGAMI impulsan unha actividade formativa en centros educativos

SarriaXa
A sesión celebrarase o 10 de novembro e estará dirixida a profesionais e familias, cun programa centrado na educación inclusiva e o intercambio de experiencias
Plataforma-desenvolvemento-diversidade-Sarria
29 Oct 2025

A Plataforma Diversa Infantil de Sarria, en colaboración con COGAMI, organizará o vindeiro 10 de novembro unha acción formativa orientada á inclusión educativa e á sensibilización sobre a diversidade nos colexios.

çA actividade desenvolverase en horario de 16:30 a 18:00 horas e está dirixida tanto a profesionais do ámbito educativo como a familias interesadas en promover unha escola máis accesible e igualitaria.

Durante a sesión intervirán os integrantes de Diversa Infantil Noelia Gómez e Manuel Darriba, que compartirán experiencias e exemplos de boas prácticas en materia de inclusión.

O encontro abordará tres bloques temáticos. No primeiro, repasaranse as actividades de inclusión realizadas ata o momento, entre as que destacan unha exposición de adaptacións cotiás para persoas con discapacidade visitada por centros escolares da comarca, un xogo formativo sobre cidades accesibles dispoñible en préstamo para colexios, o contacontos do libro Pedro, o piloto de gaivotas —unha historia inclusiva protagonizada por un neno con discapacidade—, así como o asesoramento ofrecido a colexios e ANPAS.

O segundo bloque centraráse nas accións formativas xa desenvolvidas, como charlas a familias impartidas por profesionais sobre a tramitación de recursos educativos para menores con necesidades especiais, intervencións na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago sobre inclusión en colexios e encontros con alumnado de Ciclos Medios de Atención a Persoas en Situación de Dependencia.

Por último, presentarase o programa de actividades formativas ofertadas a centros educativos para o próximo curso, co obxectivo de seguir fortalecendo a educación inclusiva como eixo central do sistema educativo e fomentar unha convivencia escolar baseada na igualdade de oportunidades.

⚙ Configurar cookies
0.079568862915039