María José Fernández Matías impartirá en Sarria unha charla sobre transmisión de herdanzas e patrimonio

A Plataforma de Diversidade Funcional Infantil da Comarca de Sarria organiza para o vindeiro sábado 8 de febreiro unha charla xurídica sobre a transmisión de herdanzas e patrimonio ás persoas con discapacidade.
A sesión terá lugar na Casa da Cultura de Sarria ás 11.30 horas, cunha entrada libre e sen necesidade de inscrición previa.
A avogada María José Fernández Matías será a encargada de impartir a charla, adaptando a linguaxe xurídica de maneira amena e accesible para que tanto as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento como as súas familias poidan comprender mellor os aspectos legais relacionados coa herdanza e a xestión do patrimonio. Logo da charla, os participantes poderán xuntarse para un xantar.
A actividade busca ofrecer unha formación práctica e accesible, promovendo a inclusión e a comprensión das cuestións legais que afectan ás persoas con discapacidade.