Diversa Infantil ofrece dúas actividades para promover a educación sobre a inclusión
A Plataforma Diversa Infantil da Comarca de Sarria ofrece dúas actividades para este curso 2024/2025 a centros educativos, Asociacións de Nais e Pais (ANPAS), servizos de atención temperá (SATs), centros de terapias infantís, asociacións, centros culturais, concellos, etc., da Comarca de Sarria.
A primeira actividade é o préstamo do xogo colaborativo 'Cidades accesibles', co que se traballan conceptos sobre discapacidade, accesibilidade e barreiras sociais, arquitectónicas e comunicativas. Este está recomendado para alumnado de Educación Primaria e primeiros cursos de Educación Secundaria.
Así, informan de que hai unhas semanas Diversa Infantil colaborou co IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, onde o alumnado puido probar o xogo e pasar a formar parte do movemento #aulasdiversas.
Por outro lado, a segunda actividade consiste no contacontos co libro 'Pedro, o piloto de gaivotas', do escritor Manuel Darriba, que tamén forma parte da plataforma. Darriba falará de diversidade funcional e inclusión a través do seu álbum infantil ilustrado. Esta iniciativa está recomendada para alumnado de Educación Infantil e Primaria.
Con todo, agradecen á Fundación Dfa e ao proxecto #SomosDiversidad por facer posible dispoñer do xogo.
As persoas interesadas en algunha destas dúas actividades, terán que comunicarse coa Plataforma Diversa Infantil a través do correo diversainfantil@gmail.com.