Diversa Infantil reuniuse co concelleiro de Medio Ambiente pola incorrecta colocación dun carrusel
Desde a Plataforma Diversa Infantil informan de que varias integrantes da entidade reuníronse co concelleiro da Área de Medio Ambiente, Sustentabilidade, Parques e Xardíns de Sarria; Borja García, para pedirlle explicacións sobre a instalación incorrecta dun novo carrusel no parque infantil do Chanto.
Así, explican que o carrusel está deseñado para ser un xogo totalmente inclusivo, pero neste caso "non se colocou a ras de chan, o que impide o acceso de nenas e nenos en cadeiras de rodas ou carriños".
Pola súa parte, o concelleiro recibiunas rapidamente e pediu desculpas polo erro. "Explicounos que hai que instalar unha drenaxe subterránea para escavar e poñer o carrusel a ras de chan, e non lle deu tempo polos prazos de execución da obra".
Mentres, as de Diversa pedíronlle que o resolvera canto antes e comprometeuse a iso. Ademais, tamén lle lembraron que o bambán adaptado da Praza da Vila "non ten un acceso axeitado para usuarios con mobilidade reducida", ao que o concelleiro respondeu que era consciente e que tamén quere arranxalo o antes posible.
Dende Diversa sosteñen que seguirán insistindo en que se mellore a accesibilidade dos parques infantís e, en xeral, de toda a vila.