Por ser unha cidade diversa

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
14 Dec 2021

Por Fernanda Arrojo

Nas miñas colaboracións anteriores recomendaba Lugo por ser unha cidade accesible, agradable e confortable. Características que esta cidade foi adquirindo grazas á eliminación de barreiras físicas, sociomentais e persoais. E como foi posible todo isto? Pois ben, na miña humilde opinión, isto foi posibilitado pola conxunción de tres vontades que se produciron na nosa cidade ao longo do tempo.  Estas vontades son:

-A dun movemento asociativo moi reivindicativo, sobre todo en materia de accesibilidade (no que Auxilia tivo un papel importante).

-A dos poderes públicos, sobre todo a nivel municipal, que nas súas distintas lexislaturas realizaron a execución da maioría destas reivindicacións.

- E, finalmente, a da sociedade lucense no seu conxunto que aprendeu, co paso do tempo, a integrar na comunidade ao noso colectivo. 

Cada 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. E, afortunadamente, en Lugo este evento ten unha especial relevancia polo peso específico que ten o movemento asociativo existente nesta cidade. Movemento que non deixa de ser plural e diverso.

Plural non só tendo en conta as principais categorías de clasificación da Discapacidade (física e orgánica, psíquica e sensorial), senón que, constantemente, aparecen novas discapacidades, moitas veces provocadas pola alta incidencia tanto de accidentes de tráfico como dos cardiovasculares;  ou tamén pola aparición de enfermidades raras, moitas delas xenéticas. O que implica necesidades máis específicas que demandan atencións máis diversas.

Diversidade non só nas súas necesidades, senón tamén nas súas capacidades, é dicir, nas formas de facer, de funcionar.  De aí que o movemento asociativo reclame na actualidade a denominación de Diversidade Funcional por riba de calquera outra, incluída a de Persoa con Discapacidade.

Dicir Persoas con Diversidade Funcional é referirse a un grupo de persoas que teñen diferentes capacidades, facendo fincapé en que son, somos, CAPACES.

Por suposto, é fundamental que o medio se adapte a esta diversidade e non ao revés. E como?  Pois favorecendo a participación social en igualdade de condicións para toda a poboación. E se participa na sociedade sempre que non se atopen atrancos no desenrolo das vidas cotiás.

Acceder a un edificio, a un servizo educativo/cultural, a un recurso sanitario, a un espazo de lecer....é falar de Dereitos. Dereitos para todos e todas, sen ningún tipo de exclusión por xénero, etnia, orientación sexual ou idade.

E quero facer fincapé nesta última categoría: na idade. Tanto a crianza como a vellez con diversidade demandan unha maior e mellor protección social, mediante un cumprimento máis estrito dos seus dereitos:  a existencia dunha atención temperá e postemperá; ao longo da nenez e mocidade; unha educación inclusiva e normalizadora, non excluínte; unha prestación residencial encentros que sexan verdadeiros fogares de acollida; un servizo de axuda no fogar personalizado...son aspiracións lóxicas para ter unha vida digna. Que non caian no esquecemento e fagamos de Lugo unha cidade cada vez máis diversa.

0.15991497039795