Do 1 ao 4 de agosto desenvolverase a III edición do Sarria Blues no Camiño

SarriaXa
O festival de músicas afroamericanas celebrarase en diversos espazos ligados ao Camiño de Santiago que pasa por Sarria
Blues-no-camiño
12 Xul 2024

A III edición do Sarria Blues no Camiño xa ten data de celebración, sendo do 1 ao 4 de agosto cando terá lugar este festival de músicas afroamericanas que se desenvolve en diversos espazos ligados ao Camiño de Santiago que pasa por Sarria.

Este festival conta co apoio do Concello de Sarria e, durante o evento, haberá diversas temáticas de cultura, arte e fotografía, ademais da música.

Os concertos comezarán o xoves día 1 no Paseo do Malecón, coa actuación de The Blues Moonshiners e  Javier Turnes & The Hakemen. O venres o escenario será o Meigallo, onde actuarán C.T. Powell e Martins Aneiros Band, para continuar o sábado cun pasarúas ao estilo de Nova Orleans, coa música de The Dixie Blinders e a Banda de Música de Sarria. O festival concluirá o domingo coa proxección dun documental a tradicional festa e despedida na Rúa da Música.

As bandas

Nesta edición apóstase por bandas que interpretan os distintos estilos do blues e a música afroamericana en xeral, desde o máis tradicional ao máis urbano e electrificado. A maioría das bandas son de orixe galega, nunha aposta do festival por dar a coñecer o traballo dos nosos músicos.

The Blues Moonshiners son un trío de blues rural tradicional con sede en Santiago, Javier Turnes & The Hakemen é unha banda e blues & soul liderada por un dos maiores expertos en música afroamericana de Galicia e creador o Fisterra Blues Experience, e Martins Aneiros Band é a formación do histórico músico ferrolano Victor Aneiros, un bluesman que domina especialmente o son do Chicago Blues e que nesta ocasión presenta o seu novo disco xunto á cantante Paula Martins.

CT Powell é a banda liderada por Ciara Thornton–Powell, unha cantante de raíces afroamericanas que está apoiada pola veterana formación valisoletana Bluedays, e que interpreta un amplo repertorio de estilos que vai desde o góspel ao blues moderno.

Por último, The Dixie Blinders son unha formación sarriá integrada por músicos cunha longa experiencia de música rueira que interpretan fundamentalmente música dixie e jazz tradicional ao estilo das marching bands de Nova Orleans, un estilo que tamén interpretará a Banda de Música de Sarria, con repertorio especialmente preparado para a ocasión.

0.096223115921021