Doce alumnos de centros de Lugo participan na XLI Olimpíada Galega de Química

LugoXa | SarriaXa
Unha ducia de alumnas e alumnos de cinco centros educativos da cidade de Lugo e a súa contorna participaron nas probas da XLI Olimpíada Galega de Química 2023, organizada pola Asociación de Químicos de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Químicos de Galicia.
8 Mar 2024

Unha ducia de alumnas e alumnos de cinco centros educativos da cidade de Lugo e a súa contorna participaron nas probas da XLI Olimpíada Galega de Química 2023, organizada pola Asociación de Químicos de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Químicos de Galicia. Concretamente, os estudantes do Colexio Fingoi de Lugo, IES Xoán Montes de Lugo, IES Pedregal de Irimia de Meira, IES Monterroso, IES Xograr Alfonso Gómez de Sarria participaron nas probas na Facultade de Ciencias.

A presenza de alumnos e alumnas nas probas, que coincidiron co Día Internacional da Muller, repartiuse nun equitativo 50 %.  As probas, que teñen dúas partes, comezaron ás 16.30 horas e consistiron na resolución de cuestións tipo test; de varios problemas e na interpretación dun suposto práctico de laboratorio. A temática versou sobre química, a partir dos deseños curriculares de Bacharelato de Galicia, nas materias de Física e Química de 1º de Bacharelato e de Química de 2º Bacharelato.

A XLI Olimpíada Galega de Química, segundo destaca Juan Sanmartín, vicepresidente da asociación e coordinador da proba, homenaxea este ano a Arturo Martínez, un químico ligado profesionalmente á empresa Cementos do Noroeste durante máis de corenta anos, primeiro como director de fábrica e logo como máximo responsable do laboratorio central do grupo cementero.  Martínez, natural de Mugardos, tivo a acertada iniciativa de incorporar, por primeira vez en España, cinzas volantes procedentes da combustión de carbón pulverizado.

Sanmartín celebra, un ano máis, a entusiasta participación do alumnado de bacharelato. A Olimpíada de Química Galega é a decana destas probas en España e xerme da Olimpíada Nacional de Química. Un tribunal único avaliará os exercicios e proclamará os vencedores. Os alumnos clasificados nos tres primeiros postos por cada un dos distritos universitarios (A Coruña, Santiago e Vigo) recibirán un galardón e diploma acreditativo e todos os participantes levarán un diploma de participación. As mellores alumnas e alumnos participarán na Olimpíada Nacional de Química, que este ano terá como sede a Universidade de Murcia do 26 ao 28 de abril de 2024. “Será unha oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións de galegos e galegas”, destaca Manuel Rodríguez Méndez, máximo responsable da Asociación de Químicos de Galicia e do Colexio Oficial de Químicos de Galicia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14040613174438