Documentan novos petroglifos no Páramo

SarriaXa
O Colectivo Patrimonio dos Ancares vén de documentar novos petroglifos no Concello do Páramo, case no límite co de Sarria.
Petroglifo Pena Aguieira2
24 Maio 2022

O Colectivo Patrimonio dos Ancares vén de documentar novos petroglifos no Concello do Páramo, case no límite co de Sarria, entre as parroquias de Sa e San Miguel de Vilapedre. Foi no castelo roqueiro de Pena Aguieira, a 650 metros de altitude. No lugar documéntase unha fortaleza medieval que foi derrubada durante a Revolta Irmandiña (1467-1469) tal como o testemuña o famoso preito Tabera-Fonseca.

Trátase dunha arbitraxe entre o arcebispo de Santiago, Alonso III de Fonseca, e o seu sucesor, Juan Pardo de Tabera, en que este reclamou ao primeiro dez millóns de maravedises polos danos sufridos polas fortalezas pertencentes á Mitra compostelá que Fonseca no reconstruíra.

A mediados dos anos noventa do pasado século XX localizáronse restos da estrutura central da fortificación e entalladuras nas rochas onde se apoiaban as estruturas de madeira, ademais de obxectos cerámicos, metálicos e unha bóla lítica incrustada nunha viga carbonizada correspondente a un proxectil.

Foi nun dos afloramentos rochosos situados no outeiro onde o Colectivo Patrimonio dos Ancares documentou as gravuras, formadas por, ao menos, tres coviñas das que parte un suco ou apéndice, un motivo en forma de cruz e, o máis interesante, un cadrado coas esquinas redondeadas con catro divisións formadas por dous trazos rectilíneos que se cruzan no medio; unha das liñas proxéctase cara o exterior.

4.000 ANOS DE ANTIGÜIDADE

Nun primeiro momento pensouse que a figura cadrada podía tratarse dun alquerque de tres (tres en raia), un xogo moi popular que se documenta gravado en pedra nalgún xacemento romano, e en varias fortalezas medievais, igrexas e mosteiros. Pero se se toman como referente outras gravuras galegas similares, e o feito de estar próxima a cazoletas con suco, é moi probable que sexa de factura prehistórica duns 4.000 anos de antigüidade, feito que semella confirmar o elevado grado de erosión de todos os motivos excepto a cruz que presenta as arestas máis vivas, gravada con posterioridade para, posiblemente, cristianizar un lugar ritualizado considerado como pagano.

No mes de novembro de 2021 solicitouse a Patrimonio a descatalogación dun inexistente castelo chamado de Pena Agüeira, en Becerreá, onde non se documentan ningún tipo de restos arqueolóxicos nin escritos. O erro debeuse á mala lectura realizada por algún historiador do citado preito, confundindo os topónimos Agüeira, unha parroquia de Becerreá, con Aguieira que é como se chama o monte situado no concello do Páramo.

SEGUNDO PETROGLIFO NO PÁRAMO

Este é o segundo grupo de petroglifos localizados no Concello do Páramo. O primeiro tamén foi documentado polo Colectivo Patrimonio dos Ancares, en colaboración coa asociación de recreación histórica de Lugo Tir na N´og, no mes de outubro de 2020 no monte do Pico da Cruz, na parroquia de Vilafiz.

A descuberta xa foi comunicada a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación.

0.18768692016602