Don Juan de la Coba Gómez (I)

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
Caricatura de Juan de la Coba “Galicia Moderna” o 15 de agosto de 1887
11 Nov 2022

Por Raúl Río

Foi a Manuel María a quen oín falar por primeira vez de Don Juan de la Coba Gómez. Tenme contado moitas cousas deste perito agrimensor de profesión e dos outros oficios e inventos deste peculiar personaxe, que seica naceu en Ourense aló polo ano 1829. O poeta chairego tíñalle moito aprecio e, debido a súa teima por querer saber mais deste home, o seu amigo Don Manuel Feixóo García, xuíz do Distrito de Ourense, agasallouno coa súa partida de defunción, pola que hoxe sabemos que morreu á unha da tarde do nove de novembro de 1899 no seu domicilio, no número 11 da rúa Pereira.

Manuel María escribiu varios artigos sobre a súa vida e foi quen alimentou o meu interese por saber algo mais deste enxeñoso personaxe que, entre outras moitas cousas, inventou o “trampitán”, un idioma para que non o entenderan os inimigos e que lle serviu como lingua literaria para escribir a maior parte das 82 obras, entre poesía, traxedias, contos e novelas, moitas delas inéditas. O poeta chairego era un apaixonado deste personaxe e recolle nun dos seus artigos este poema da súa obra “La fidelidad”, publicada en Ourense no ano 1897:

Ti tentene al tintantón
tenteban inchensos trules
tal chinifes pe pus antules
al netrepes á maltón.

Que traducida polo propio autor quere dicir:
Si cesase la ambición
cesaban inmensos males,
las guerras, que son fatales,
la discordia y confusión.
E penso que non lle faltaba razón ao home.

Sen embargo o seu amigo Enrique Labarta Pose, sempre coa súa ironía, non entendía a necesidade de inventar outro idioma, porque pensaba que para incomprensible xa chegaba un:

¿A qué hundirse en el arcano
de ese idioma incognoscible?
¿Para hacerse incomprensible
no le basta el castellano?

Don Juan foi algo de todo: poeta, dramaturgo, escultor, perito agrimensor, secretario da audiencia provincial, inventor... e incluso algúns tomárono por tolo. Quizás a súa faceta menos coñecida sexa a de escultor, pois, que se saiba so fixo un San Bieito que aínda está hoxe ó culto na igrexa de Santa Eufemia, fronte a catedral de San Martín de Ourense, e un San Roque que lle encargaron uns fregueses e que tivo moita aceptación, pois ao rematar de facer o santo de madeira, deuse conta de que faltaba o can e, a toda presa, esculpiu un can nun nabo moi grande, pintouno adecuadamente coa mesma pintura que a do santo, pero o nabo foise resumindo e o can foise facendo cada vez mais pequeno, polo que as beatas pensaban que era un milagre do santo e tíñanlle moita devoción. A el, sen embargo, seica non lle gustaba que lle falaran desa escultura.

Din que padecía insomnio e pasaba as noites en branco, escribindo e confeccionando o periódico “EL GRACIOSO”, que tiña por subtítulo “Periódico moral, literario y recreativo en prosa y verso”, que el editaba e imprimía nunha pequena imprenta que tiña na casa. No seu encabezamento poñía textualmente: “Propietario, Director y Único Redactor, Don Juan de la Coba Gómez”, e mais abaixo, “uno de los moi pocos primeiros escritores dramáticos de España, autor de muchas obras literarias, de las cuales 40 fueron aprobadas de Real órden y premiado con DIPLOMA DE HONOR como distinguido literato por el Certámen literario Universal de Barcelona”. Ademais, el era o linotipista, tipógrafo e único distribuidor e subscritor do xornal, que so constaba de dúas follas impresas polas dúas caras. Cando amencía, xa co seu xornal impreso, saía da casa para tomar un café con leite e churros. Pechaba a porta da casa con chave e logo metía o xornal por debaixo dela. Marchaba, cumpría con seu rito diario e o regreso, abría a porta, vía o xornal no chan, collíao e exclamaba: ¡Home, o diario, vou ver que noticias trae!, pois tamén el era o único e mellor lector co que contaba. Sentábase no sofá e lía tranquilamente as noticias que escribira e imprimira pola noite.

Non existen fotos del, so o debuxo de Taxes –Xesta– para “Galicia Moderna”, que acompaña este artigo, no que coloca de fondo un par de pancartas nas que figuran os títulos das obras escritas por el, debuxo que logo Don Juan remitiu nunha carta a Enrique Labarta Pose, na que lle dicía:

“Moi señor meu: Eu son o autor do trampitán, idioma que ninguén foi capaz de aprender e ademais, un dos mellores escritores dramáticos de España, pero teño moitos inimigos, que ben sabe seu primo, atácanme por todas partes, e quixera que vostede os rebatese na súa revista “Galicia humorística”.

Mándolle o meu retrato para que o publique de corpo enteiro e faga tamén o meu panexírico”.

Seguiremos no próximo número deste TERRA CHÁ.XÁ con outros interesantes inventos e aconteceres deste home tan peculiar, que tiña moitos detractores, pero tamén houbo moitos que o louvaron e quixeron recuperar a súa lenda con agarimo e interese científico.

0.18336200714111