Dor na vila polo pasamento de Jorge López, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Sarria
Jorge López Rodríguez, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Sarria, foi despedido no día de hoxe pola Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago nas súas redes sociais debido ao seu pasamento.
“Lamentamos o falecemento do noso querido amigo, un traballador incansable sempre ao servizo dos peregrinos”, firmaron desde a Fraternidade, facendo referencia á súa longa traxectoria como presidente da asociación ao servizo da veciñanza sarriá e aos peregrinos que percorreron o Camiño Francés ao seu paso por Sarria.
Nas instalacións de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, que están situadas na entrada da vila, sempre ofreceu, xunto coa traballadora Celsa Carballo, toda a información necesaria sobre a ruta do Camiño Francés, ademais de selar as credenciais cando comeza a tempada, en marzo.
Cabe destacar que, hai só un ano, Jorge López Rodríguez recibiu a consideración de socio de honra polo seu labor no Camiño Francés e cos peregrinos por parte do Círculo Chileno de Amigos del Camino de Santiago.