Dúas cervexas para cinco

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
21 Aug 2023

Noelia Castro Yáñez

Non hai mellor mestra que a pura e tediosa repetición. É algo que me custa transmitir aos meus alumnos máis impacientes, pero coido que é algo moi certo. Unha premisa probada que podería ter categoría de Teorema. Neste último tramo da carreira de fondo que supón o segundo curso de Bacharelato, a vida puxo no meu camiño a unha alumna formidable, por levar á práctica a frase do comezo, por non renderse e amosarse inesgotable malia cando as forzas eran poucas. Insegura e cansa, pero repetindo unha e outra vez os exercicios propostos, aqueles que aportei como reto e mesmo outros buscados ex profeso, para traer dúbidas e ter ferramentas a maiores polo que puidera ter que enfrontarse. Isto é, unha alumna marabillosa academicamente. Pero tamén como persoa, e aquí xa amosei a miña sorpresa, porque é moi certo iso de que a meirande parte da xente é boa e agradable, pero hai unha minoría que fai moito ruído.

É relativamente doado atopar e traballar con persoas capaces, espremer o seu potencial para que sexan capaces de acadar un bo nivel de abstracción para cos problemas formulados, facelos capaces de interpretar enunciados e darlles ferramentas para que sexan quen de resolvelos optimizando o procedemento para facelo. Pero aí non remata a miña tarefa, trato de que o fagan pensando neles mesmos, centrados no folio en branco que teñen diante, lonxe de comparacións, alleos ás solucións do resto. Empregando as propostas das compañeiras como motor para impulsar os seus razoamentos dedutivos. Porque nas Matemáticas, ata eses exercicios que só semellan poderen resolverse partindo dunha idea feliz, poden practicarse coa pura e tediosa repetición proposta ao comezo. Porque cantos máis faga, máis ferramentas vou a ter para ser resolutiva en situacións non tan coñecidas.

Hoxe propuxen equipos para resolver exercicios que foron propostos nas probas de ABAU en anos anteriores e sorprendeume a cooperación, se unha non lembraba a condición de punto de inflexión, o da súa esquerda si o facía. E se ao de dous postos máis alá se lle esquecera que os extremos relativos se atopan igualando a primeira derivada a cero, o capitán do equipo tíñao moi claro. Era traballo en equipo, afianzando a confianza individual para formar parte dun todo que rematou en empate.

Estou completamente segura de que esta alumna da que falaba comparte os valores dos que escribo, e así mo amosa a súa historia persoal, con certas analoxías coa miña que semellan determinantes para que lle profese a miña admiración. Porque hai moitas cousas máis alá de chegar a un resultado correcto, a notación rigorosa e a linguaxe técnica son tan importantes coma a actitude posta para a súa resolución.

A firmeza no pensamento logo de facernos todas as preguntas posibles é importante, pero con isto tamén anoto que non unha opinión por amosarse taxante e rotunda é correcta. Posto que igual non contestou ás misivas axeitadas. Aplicable tanto ás eleccións producidas onte coma ás conversas de taberna. Escribiu aquel: “VAMOS A COMER TURISMO” e trato de imaxinar como sería o debate posterior de seguir a miña familia coa taberna da Ponte do Carro. Alí toda a veciñanza era respectada, e había o mesmo silencio para escoitar ao enxeñeiro xefe da Fábrica cao matachín iletrado. O que non eran toleradas eras as conductas soberbias de turistas que viñan sentando Cátedra, que por vir da capital pensaban que eramos uns pobres diaños. Dúas cervexas para cinco, e solicitando tapas a demanda. Non debemos ser turistas, senón viaxeiros.

Lembro un grupo de rapaces novos, tratando de burlar a unha camareira noviña que atendía da barra tan só cando a miña nai marchaba coidar dos vellos, entre risas apuntaron que as copas non estaban remexidas. Ante isto, ergueuse o falecido C. suxeitou os vasos dos cubalibres e meteu os seus propios dedos dentro para remexerllos. Coido que era iso o que querían, ou polo menos o que máis falta lles facía.

0.15149998664856