E nisto chegou Prisciliano

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
4 Aug 2022

Por Moncho Paz

En 2013 os Amigos de Prisciliano, comandados por Ramón Chao, instalamos en Compostela unha escultura en homenaxe a este bispo alternativo que, xunto a outros compañeiros, foi o primeiro sentenciado a morte por herexía e executado polo goberno secular, en nome da Igrexa católica. A nosa idea inicial era que fose unha figura itinerante para transportar nun santoral de madeira, como facían antes coas imaxes relixiosas polas casas. Non puido ser, porque a obra saíu máis grande do previsto, concibida en terracota por inspiración do artista mallorquín Eduardo Servera. Por ese motivo tiven que recibila en Galicia nunha especie de cadaleito -especialmente preparado para o seu transporte dende as Illas Balears- e cando o abrín e conseguín desempaquetalo, atopei un sobre vermello que contiña un papel no seu interior coa seguinte misiva: “Ola, son Prisciliano. Veño para quedarme. Alégrome de saudarte”. Cousas de Ramón.

Apresureime para organizalo todo. Decidimos colocalo no escaparate de Altaira, espazo de arte promovido por Xurxo Martiño, mesmo na entrada de Compostela, para reivindicar a influencia de Prisciliano na cultura galega. Un ano despois trasladámolo ao barrio de San Lázaro, onde se atopa na actualidade, tras o acordo alcanzado con Xosé Mata Buela, con quen organizamos unha presentación oficial de Amigos de Prisciliano no marco das “Noites Xoves”. Considerado un símbolo da intolerancia política e relixiosa, Prisciliano fundou unha escola ascética, rigorista, de talante libertario, precursora do movemento monacal e oposta á crecente opulencia da xerarquía eclesiástica imperante no século IV. Os aspectos máis polémicos, en cuestións formais, eran o nomeamento de «mestres» ou «doutores» laicos, a presenza de mulleres nas xuntanzas de lectura e o seu marcado carácter austero.

A acto fundacional de Amigos de Prisciliano tivo lugar hai dez anos en Ourense, na sede que instalamos no barrio da Ponte grazas á colaboración desinteresada de Pepe Saburido, recoñecido activista cultural na cidade das Burgas. Ademais de Ramón Chao e de quen escribe este conto, a iniciativa foi promovida polo actor e guionista francés Jean-Claude Carrière (quen asumiu a “presidencia herética”), Ignacio Ramonet (presidente de honra), Gabriel Núñez Chao (secretario), Xosé Manuel Ledo Casebio (responsable de acción propagandística) e unha morea de homes e mulleres que recrutamos durante anos polo mundo adiante, como os poetas Miguel Barrera, Pilar Maseda e Iría Fernández Crespo, o escritor Kirmen Uribe ou o antropólogo Tadashi Yamamoto, entre outros. Asemade, conta cun amplo respaldo no eido da cultura, da música e das letras galegas.

A figura histórica de Prisciliano foi o punto de encontro dos irmáns Xosé e Ramón Chao Rego, tras un longo distanciamento que se pechou nos anos oitenta, cando comezan a estudar ao herexe, rematando coa edición dos seus respectivos libros en marzo de 1999. Xosé publica Prisciliano, profeta contra o poder (Vigo, Promocións Culturais Galegas) e Ramón fai o mesmo con Prisciliano de Compostela (Barcelona, Seix Barral), editado posteriormente en galego co título O camiño de Prisciliano (A Coruña, Espiral Maior).

Xosé aborda a figura de Prisciliano dende unha perspectiva histórica e teolóxica. Na súa madureza intelectual, toma conciencia coa loita obreira en Ferrolterra, o que lle permite achegarse aos símbolos da identidade galega. Xosé é o verdadeiro impulsor da figura de Prisciliano en Galicia, creando escola cos seus amigos Bernardo García Cendán (ponte con Ramón en París e un dos fundadores do Instituto de Estudos Chairegos en Vilalba) e Alfonso Blanco Torrado (fundador da Asociación Cultural Xermolos en Guitiriz). Xosé foi nomeado Fillo Adoptivo de Compostela en 2004. Pola súa banda, Ramón reivindica a Prisciliano dende o eido cultural, a través dunha peculiar peregrinación en motocicleta dende París a Compostela, para coñecer a verdadeira historia da vida, da traxectoria e da morte do herexe. Durante esa viaxe coñece a diversas persoas que, cos seus relatos, van marcando a seguinte etapa do camiño. En realidade, trátase de dúas liñas paralelas: a da vida de Prisciliano e a da traxectoria persoal do autor. Hai un momento de inflexión: cando o seu fillo Manu recupera o instinto ao chegar a Compostela e alí crea o proxecto A Feira das Mentiras, como confesará anos despois nunha entrevista: “Cheguei a Galicia e o país enteiro curoume”. Ramón asume a súa condición de Fillo Pródigo de Vilalba en 2011, durante unha visita á terra natal en compañía de Ignacio Ramonet.

Tiven o privilexio de fundar con Ramón o proxecto Amigos de Prisciliano, concibido como unha rede ácrata, multicultural e altermundista coa figura do herexe como personaxe central. Esta reivindicación facilitou o seu reencontro con Galicia e tamén permitiu pechar un círculo vital con Vilalba, onde regresou puntualmente cada ano dende 2010, nun proceso persoal de reconciliación co seu pasado e nun percorrido pola súa traxectoria como músico convertido en xornalista. De feito, a capital da Terra Chá está presente en toda a súa obra. Ao remate das súas vidas, Xosé e Ramón atopáronse outra vez no Paseo dos Soños de Vilalba, con cadansúa escultura no Hectómetro Literario: o profeta contra o poder e o Piano Prisciliano. Ficarán sempre connosco.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1570417881012