Edu Valiña, artista: “O meu traballo fala da miña identidade e o meu territorio”

Jessica Fernández
O artista Edu Valiña, licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a expoñer a finais dos anos noventa cun traballo centrado na identidade, o territorio e a paisaxe humana. Participou en exposicións en Galicia, Portugal, Cuba, Bruxelas, Nova York ou Romanía, con proxectos destacados como Nieblas Gallegas, O espectáculo da periferia ou Páramo. Tamén colaborou en intervencións no medio natural e en bienais internacionais como a de Cerveira (Portugal).
Dentro da súa traxectoria, co-comisario do proxecto Procesalia para a USC entre 2001 e 2003; e entre 2002 e 2006 asesor artístico da galería Espacio 48 . Dirixiu e foi comisario na Bienal SACO de Arte Contemporánea en Sarria (2001-2006) e realizou comisariados en institucións como a Fundación Eugenio Granell, o CGAC, a Cidade da Cultura, a Casa del Cordón en Burgos, a Fundación Luís Seoane, o Castillo Santa Catalina de Cádiz, o Museo Esteban Vicente de Segovia ou o Museo Provincial de Lugo. Na actualidade é conservador xefe da Fundación Eugenio Granell e membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega.
Ademais, colabora habitualmente con proxectos culturais e espazos como Residencias Paraíso/RPM, LX Factory, Jääl Photo Madrid ou Off Limits, e participou en festivais como Intersección - Festival Internacional de Cine da Coruña. Ademais, formou parte de xurados e programas vinculados á arte e á cultura galega, como EAN/ Cidade da Cultura, Xuventude Crea, Premios da Crítica de Galicia ou Premios Artesanía de Galicia, entre outros.
Como se definiría a si mesmo?
Son un creador galego que procede do ámbito non urbano e desenvolve tanto proxectos plásticos como de xestión cultural dentro do contexto galego, nacional e internacional. O meu traballo constitúe unha reflexión sobre a identidade e a paisaxe humana, abordando cuestións relacionadas co territorio e a comunidade na que se insire.
Como xorde o seu amor polo arte?
Trátase dunha vocación, non dun feito que xurda nun momento concreto. É algo inherente a min: desenvolvo os meus proxectos como unha necesidade vital de representar a miña vida e outras cuestións vitais que acontecen ao meu arredor. Sinto que formo parte dun contorno que tamén fala de min; o meu é un proxecto contextual. Por outra banda establezo vínculos en relación a arte e a cultura contemporáneas, reivindicando o propio dende a identidade e o territorio. Un territorio amplo e complexo que muda dende o comunitario: obsérvoo, analizo como varía, como se transforma, como se manipula e como se traballa nel. Todo isto convértese nunha expresión identitaria, nun discurso que afonda na nosa maneira de estar e ser no mundo.
Como avaliaría a súa traxectoria?
Son artista e xestor cultural cunha traxectoria ampla, marcada por numerosos proxectos e producións ao longo do tempo. Aínda que participei en exposicións relevantes, a miña produción confórmase como parte dun proceso de traballo constante e orgánico. Non é o mesmo abordar un proxecto individual para unha gran exposición que colaborar dentro doutras propostas colectivas. Traballo frecuentemente con outras/os creadores, músicos, escritores e profesionais doutras disciplinas, o que converte cada proxecto nunha experiencia multidisciplinar e enriquecedora. Algunhas exposicións marcaron especialmente a miña traxectoria, destacando aquelas nas que as institucións apostan por producións arriscadas. Interesame traballar co espazo expositivo e con proxectos que dialoguen co lugar e cos públicos. Por poñer un exemplo, trasladar unha árbore centenaria dende O Páramo á Capela da Trinidad do Museo Barjola de Xixón, acompañada dunha intervención sonora e outras obras creadas específicamente para ese museo. Este tipo de proxectos deixan unha pegada profunda, pois implican unha gran infraestrutura humana e material, así como un percorrido e retorno interesantes. Son proxectos expositivos que marcan a traxectoria profesional, concretando momentos significativos na miña produción.
Cales son os temas que adoita tratar nas súas composicións?
Desde os meus inicios represéntome a min mesmo a través da cultura propia do rural e do territorio. Tendo como referente a miña relación co medio e partindo dun entorno familiar vencellado á terra, unha orixe que inflúe profundamente na miña maneira de ver e crear. Formo parte dunha comunidade que mantén unha relación directa co lugar, cos seus costumes e vinculacións cun espazo que se converten en símbolos de representación. Esa esencia é fundamental no meu traballo: sen pertencer a unha comunidade, ás veces non é doado acceder a certos códigos culturais que che permiten comprender a realidade dende dentro. Pertenzo a unha xeración de artistas que emerxe a finais dos 90 e nos primeiros anos 2000, nun momento de transformacións sociais, culturais e territoriais. Vivimos cambios profundos na forma de pensar, de actuar e mesmo na infraestrutura do rural. Desde unha perspectiva humana, habitar unha aldea supón vivir nun contexto con características moi específicas: unha poboación concreta, o impacto da industrialización, a irrupción das máquinas, a evolución das relacións interpersoais e coa natureza, a transformación demográfica e o envellecemento da poboación favorecendo o tránsito cara novas estruturas. Todo isto afecta directamente ao territorio: a implantación da extensificación fronte ao minifundio, unha nova organización das masas forestais, a implantación de enerxías renovables e outras cuestións relacionadas. Estas transformacións sociais, económicas e culturais, todas elas produto do ritmo do mundo contemporáneo, están presentes na miña obra. Interésame especialmente como o ser humano modifica a paisaxe e como eses cambios falan tamén de identidade, memoria e pertenza. Por outra banda Interésame especialmente o patrimonio inmaterial como alicerce do coñecemento e fío condutor da creación. Neste senso, a palabra cobra protagonismo, e o uso do idioma propio convértese nun acto de resistencia fronte á tendencia a empregar linguas alleas como sinónimo de prestixio
Que materiais e técnicas utiliza para desenvolvelas?
Moi cedo comecei a experimentar con materiais orgánicos, reciclando elementos do propio territorio, como a herba, madeira ou o millo. Posteriormente, incorporei a fotografía como ferramenta para documentar accións no espazo natural. Como artista contemporáneo utilizo diferentes medios: vídeo, fotografía, obxectos, instalacións con luz ou son... Emprego todo o que teño ao meu alcance para construír as miñas obras, sempre desde unha intención clara. Os materiais que uso teñen un sentido e unha procedencia vinculada a min: son elementos que recollo de lugares cos que teño unha conexión persoal. Non traballo con materiais ao azar, senón con aqueles que conteñen unha carga simbólica, representativa da comunidade ou do territorio ao que pertenzo. Para min, é fundamental que exista esa relación co entorno. Interésame recoller elementos que permitan abrir un diálogo sobre os cambios nas costumes, na vida cotiá e na evolución do contexto no que vivimos.
Levou ‘Zona de confort para observar o horror’ ao festival INTERSECCIÓN?
Este ano, no marco do meu proxecto individual Despois do incendio, inaugurado en Mèdol —Centro de Artes Contemporáneas de Tarragona—, desenvolvín a peza Zona de confort para observar o horror, que establece un vínculo entre Galicia e Cataluña a través da paisaxe. A intervención parte dos acantilados de Loiba (Galicia), un lugar onde a acción humana —un banco colocado por un veciño e unha inscrición dun turista que se fixo viral— transformou o espazo nun reclamo turístico. Esta paisaxe natural contrasta fortemente co entorno industrial de Tarragona, xerando un diálogo entre o natural e o artificial, amosando dúas problemáticas distintas: turistificación e contaminación. A vídeo instalación compleméntase con elementos naturais recollidos na Ulloa, no lugar que ocuparía a macrocelulosa ALTRI, en colaboración coa residencia artística internacional Do Picho en Palas de Rei, engadindo unha capa de memoria material ao proxecto a través dos afiches utilizados nas manifestacións. A peza funciona tamén como unha denuncia: convida o público a reflexionar sobre a relación natureza-industria, a transformación do territorio e o impacto das accións humanas sobre el.
Cal é o futuro da arte contemporánea, concretamente na comarca de Sarria, e de vostede como artista?
O futuro da arte contemporánea na comarca de Sarria dependerá en gran medida da capacidade de conectar co territorio, xerar redes e contar con espazos e políticas culturais que apoien procesos a medio e longo prazo. Vaia por diante a diversidade de creadoras e creadores con carreiras salientables nas diferentes disciplinas. Xunto a isto, cómpre salientar tamén iniciativas que achegan a creación actual á cidadanía, así como propostas de arte pública, presentes tanto no ámbito urbano como en espazos naturais. Un bo exemplo disto é a Ruta Fiz Vergara Vilariño, no Concello de Samos, promovida pola Asociación Ergueitas. No meu caso, como artista, sigo a traballar desde a experiencia directa co medio, cunha práctica que evoluciona, pero que mantén un vínculo constante coa identidade, coa memoria e co cambio. O futuro non o entendo como unha meta, senón como continuidade dun proceso onde a creación é tamén unha forma de vida e de posicionarse ante as diferentes realidades.