Educación confirma melloras no pavillón do CEIP Frei Luis de Granada e a creación dun parque

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional confirmou a inclusión no seu plan de traballo das actuacións previstas no pavillón do CEIP Frei Luis de Granada e na desafectación das antigas vivendas dos mestres de Sarria, que serán derrubadas para crear un parque ou praza pública aberta á veciñanza.
A decisión foi trasladada pola propia Consellería durante unha reunión en Santiago entre o conselleiro Román Rodríguez e as representantes do Grupo Municipal do PP de Sarria, Carmen José López e Diana García.
Ambas as dúas actuacións forman parte do Acordo para o Desenvolvemento Estratéxico de Sarria (ADES) e executaranse nos próximos meses, segundo confirmou o conselleiro, quen tamén anunciou a súa visita a Sarria nas vindeiras semanas para coñecer de primeira man os dous espazos.
No caso do pavillón do CEIP Frei Luis de Granada, concretaranse co concello os detalles para actualizar o proxecto técnico de mellora e peche, mentres que o equipo técnico da Consellería iniciará os trámites de desafectación das antigas vivendas dos mestres, en coordinación co goberno local. Unha vez completado este proceso, outros departamentos da Xunta asumirán os seguintes pasos para posibilitar a creación do novo espazo público.
Durante o encontro, Carmen José López tamén repasou co conselleiro a situación dos centros educativos do municipio e trasladoulle as demandas da comunidade local en materia de educación inclusiva, co obxectivo de mellorar a atención ao alumnado con diversidade funcional e discapacidade.
Ao remate da reunión, a voceira popular agradeceu “a boa disposición do conselleiro para acometer as actuacións comprometidas” e destacou que o PP de Sarria “seguirá traballando de forma construtiva para que a veciñanza perciba resultados tanxibles tamén no ámbito educativo”.