Efrén Castro esixe ao goberno local que reabra o Centro da Muller nas condicións que tiña antes
O BNG de Sarria, a través do seu portavoz Efrén Castro, vai presentar unha moción no vindeiro pleno do Concello de Sarria na que lle piden ao goberno local que dea información sobre como está o Centro da Muller, que leva desde hai sete ou oito meses cun funcionamento “anómalo”.
Así, os nacionalistas sarriaos explican que as problemáticas entre o Concello e a Xunta levan a unha situación na que as mulleres, non só de Sarria, senón tamén de toda a comarca, non poden facer uso dun servizo “,desgraciadamente, tan necesario hoxe en día”, indica Castro.
Desta maneira, esixen que o Centro da Muller reabra nas mesmas condicións nas que se atopaba hai meses e que o goberno local non oculte esta situación, xa que ata a psicóloga que traballaba no Centro da Muller foi recolocada no Concello.
“É primordial que este servizo se ofreza nun lugar privado, non no Concello, onde hai moita xente diariamente e pode chegar a ser abafante para unha muller que vén cunha problemática delicada, debemos facer que as mulleres poidan sentirse reconfortadas”, defende o portavoz nacionalista.