A Deputación de Lugo ofrece 50.000 euros anuais para o matadoiro de Sarria
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, reuniuse con alcaldesas e alcaldes da comarca de Sarria para abordar a situación do matadoiro de Sarria.
Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; a alcaldesa de Samos, Chus López; a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias; o alcalde do Incio, Héctor Corujo; e o alcalde do Páramo, José Luis López, Efrén Castro ofreceu a colaboración económica da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Rural, para o funcionamento do matadoiro como servizo público.
O vicepresidente da Deputación concretou un ofrecemento inicial de 50.000 euros anuais, que podería variar en función da actualización das taxas de uso do matadoiro.
Efrén Castro explicou que “o matadoiro de Sarria presta un servizo que vai máis aló do propio concello polo que entendemos a necesidade dunha colaboración institucional, que asumiriamos desde a área de Rural tendo en conta a importancia deste servizo para as ganderías, carnizarías e veciñanza de toda a comarca”.
Pola súa parte, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido propuxo que a Deputación, considerando o artigo 36 da Lei de Bases de Réxime Local, asuma a xestión do matadoiro, "dado que está gobernada por PSOE e BNG, grupos que tanto na manifestación como nos plenos municipais e nunha recente moción presentada na Deputación manifestaron o seu acordo coa xestión pública", sostivo.
Camiña Sarria lembra que o matadoiro é "unha infraestrutura de titularidade municipal e que sempre foi xestionada polo Concello de Sarria, sen apoio doutros municipios da comarca nin de ningunha outra administración pública". En consecuencia, mantén a súa postura firme en defensa dun modelo de xestión privada, que consideran máis eficiente e sostible para un servizo de carácter económico-comercial que beneficia principalmente ao sector privado.