Eirexalba celebrará as súas festas en agosto con verbena, xogos infantís e misa solemne

A parroquia de Eirexalba, no Concello do Incio, celebrará os días 10 e 11 de agosto as súas festas patronais na honra á Virxe da Presentación cunha programación que combinará tradición relixiosa, música e actividades infantís.
O domingo 10 de agosto comezará ás 17:00 horas no campo da festa cunha xornada pensada para os máis pequenos, que contará con xogos infantís ata as 20:00 horas, incluíndo ás 18:00 horas unha festa da escuma de acceso libre e gratuíto.
Pola noite terá lugar a tradicional queimada e unha verbena amenizada pola charanga Eravisto.
O luns 11 de agosto celebrarase ás 13:00 horas a misa solemne con procesión, seguida da sesión vermú coa orquestra Los Españoles.
Xa pola noite, a partir das 22:00 horas, a gran verbena estará protagonizada polo dúo Eclipse e de novo pola orquestra Los Españoles, encargados de pechar dous días de celebración veciñal impulsada pola Asociación Veciñal e Cultural Os Fanaqueiros de Eirexalba.