Elena López, Campioa Galega de XC 2024: “A pesar das lesións, foi unha moi boa tempada”
Jessica Fernández
“Foi unha tempada para aprender en todos os aspectos”, defende Elena López, Campioa Galega de XC (Cross Country) nesta tempada, na que ademais de conseguir este título, participou de dúas probas da liga nacional, a pesar de dúas grandes lesións que lle impediron correr na moto durante varios meses.
Elena, nada na parroquia de Estraxiz, en Samos, leva toda unha vida ligada ás motos, xa que tanto o seu pai como o seu tío andan tamén en moto. “Creo que como todos os que practicamos este deporte, vivímolo na casa desde que nacemos. Meu pai competiu cando era novo e era algo que vivín desde sempre”, explica a deportista, que explica que tamén fixo outros deportes, como ximnasia rítmica nun club de Sarria e fútbol en diversos equipos da provincia de Lugo. Porén, “a moto sempre estivo aí e cando as fins de semana non tiña ximnasia ou fútbol, saía co meu pai dar unha volta polos montes de Samos”. Con todo, di que “é difícil, porque non é un deporte que poidas practicas nun sitio fixo como o fútbol, polo que tampouco se pode practicar de maneira diaria e menos se non tes carné”.
Por iso, con 19 anos, no ano 2022, empezou a competir en diversas probas de enduro arredor de Galicia. “Empecei porque a Liga de Moto organizou unha carreira en Ferreira de Pantón e dixéronme que fora probar, pero nese momento eu non tiña moto, así que fun na do meu pai. Así, acabei a carreira e saíume bastante ben, polo que me puxen a buscar patrocinadores, porque isto é moi caro, e apareceron varios, polo que acabei de correr esa tempada na Liga Galega”, relata a deportista.
A TEMPADA 2024
Con respecto a esta tempada, Elena López destaca que foi, en xeral, unha “experiencia positiva”, xa que competiu no Campionato Galego de Enduro e XC, categoría na que destacou, quedando campioa; así como tamén participou en dúas probas da liga nacional, o que foi bo para “ir collendo cada vez máis experiencia, e saír de Galicia tamén é bo porque o terreo é completamente diferente, e a experiencia serviu para saber a que distancia estamos das rivais”, comenta.
Porén, tamén fala das lesións, que protagonizaron esta tempada. “Foi duro porque o ano pasado, a finais do 2023, presentóuseme a oportunidade de formar parte do equipo Motos Saza de Toledo e tamén do Team Monforte Rally, e cos patrocinadores que tiña tiven a oportunidade de facer o Campionato Galego e o de España. Isto supoñía o cambio de moto e de cilindrada, e xusto caín da moto anterior e me lesionei. Tiven que estar moito tempo parada porque era unha lesión que non me permitía facer ningún tipo de exercicio. Cando tes unha lesión así gorda colles respecto e perdes a confianza. Despois, cando volvín correr, tiven que adaptarme á nova moto e fun á primeira carreira cun día de adestramento, pero foi ben. Porén, a seguinte carreira, do campionato de España en Santiago, volvín caer e estiven outros tres meses parada. Logo volvín en setembro para participar no Campionato Galego e gañei, xa que se decidiu o campionato nunha carreira”.
A carreira foi de Cross Country, unha categoría de carreira diferente ao enduro porque non hai rally, é dicir, é un circuíto pechado no que hai que dar voltas durante un tempo concreto, “máis estilo resistencia”, di López. “A min, a pesar de todo, gústame máis o enduro, porque ademais de ter tramos pechados como o XC, hai un tramo de rally polo monte e temos unha folla de tempos que temos que seguir para non ser penalizados. O enduro é mais completo, mentres que o XC é como unha especial dunha carreira de enduro pero durante 3 horas; e no enduro saes ao monte e non sabes o que vas atopar, no XC sabes o que vas facer porque ves a zona, no enduro só podes ver as especiais de circuíto pero non sabes nada o resto e valo vendo mentres vas competindo. A verdade é que esa incerteza gústame”. Porén, séntese “ben co final de tempada, xa que serviu para aprender en todos os aspectos porque as lesións forman parte deste deporte, porque é de risco, e cada vez que nos subimos á moto hai risco, e hai que aprender a xestionar isto, e cando pasa, saber superalo da mellora maneira”.
O APOIO NO DEPORTE
Elena López considera que “o apoio neste deporte é esencial”, xa que “é un deporte caro e ao que hai que dedicarlle tempo”. Por iso, cre que “debería ter máis apoio, aínda que pasa en outros deportes. Tírase moito polo fútbol e o baloncesto, pero o deporte das motos necesitan moito apoio, xa que é un deporte moi caro. Pouca xente pode dedicarse a isto, e é raro que haxa xente que compita que non o vivira desde pequeno na casa; pódeche gustar o fútbol e facelo porque é fácil, pero isto hai que mamalo desde pequeno. Eu creo que se podería facer máis do que se fai, aínda que a Federación Española de Motociclismo está facendo as cousas ben, xa que na parte feminina temos as inscricións gratis ao Campionato de España para motivar ás rapazas que queiran correr. Porén, subsistir é complicado. Para ser campioa tes que ter unha preparación diaria moi potente e hai que traballar á vez, porque non vives disto. No caso masculino, o campión do Mundo, cos seus patrocinios, dedícase só a competir, é como un traballo, pero elas non poden facer iso no caso de España”, sostén.
No seu caso, puntualiza, “tiven sorte de correr fóra de Galicia porque era un proxecto que tiña en mente cando empecei, pero recoñezo que se chega se tes apoio, se non é difícil. No meu caso, a miña familia apoioume sempre, se non, non podería nin correr aquí. Eu vou a todas as carreiras co meu pai, e que el veña comigo supón que alguén se quede na casa. É un esforzo de todos e é fundamental ter ese apoio porque se non, non chegas”, comenta. Ademais, a deportista compaxina a súa traxectoria no motociclismo cos estudos. “Compaxínoo ben porque eu estou estudando en Lugo e vou e veño todos os días a casa, polo que polas tardes e as fins de semana saio polos montes, pola Serra do Oribio... entón ao estar preto teño esa sorte”.
Elena fala de sorte, poñendo en valor a súa comarca, a de Sarria, onde comenta que hai “moita afección, sobre todo en Triacastela, Samos, Sarria, Paradela... e séntese ese cariño. Por parte dos concellos, apoian bastante a ruta, e o rally San Froilán é positivo, xa que son actividades que supoñen un traballo enorme e é complicado de xestionar; pero tamén xeran moito desembolso económico dos participantes”, polo que a deportista cre que, se os concellos poden, deberían facer máis actividades neste ámbito. Porén, agradece todo o esforzo de todos os axentes implicados neste deporte.
Finalmente, con respecto á tempada deste novo ano que empeza, sostén que o obxectivo primordial é “lesionarme menos” e que o resto dependerá das “oportunidades e patrocinios, pero o principal obxectivo é correr en Galicia e facer os dous campionatos de España de enduro e de XC”, conclúe.