Elías Valiña, Faustino Santalices e a ruta de Shikoku Henro, os protagonistas da Feira do Peregrino
O Concello de Tricastela celebrou a súa V Festa do Peregrino con protagonista o Camiño de Santiago, así como Elías Valiña, Faustino Santalices e a ruta xaponesa de Shikoku Henro.
Durante o evento, ao que acudiron decenas de persoas, proxectouse o documental ‘Elías Valiña, o inventor de frechas amarelas’ de Arraianos Producións e dirixido por Aser Álvarez na igrexa de Santiago de Triacastela.
Ademais, o director, Aser Álvarez, presentou tamén un novo espectáculo co que os asistentes puideron facer un percorrido a través da música de Moisés Quintás, autor da banda sonora do documental, para percorrer musicalmente o Camiño de Santiago e descubrir a Elías Valiña como impulsor e revitalizador da ruta.
Nesta parte, tamén se falou de Faustino Santalices, o cura do Cebreiro e musicólogo que recuperou a zanfona, xa que elaborou o método da zanfona e levou a cabo a gravación deste instrumento na península.
Con todo, a Festa do Peregrino, tamén, acolleu a presencia da Asociación de Amigos do Camiño de Shikoku Henro, que deu a coñecer esta ruta xaponesa a través do seu presidente, Hirofumi Matsuoka.
E tampouco faltou a música, xa que actuou a Banda de Música da Comarca de Sarria, o Dúo Tropical, e o grupo Alba, que amenizaron a xornada coas súas actuacións.