Emilio López, do BNG de Samos, sostén que a Xunta “se desentende das súas obrigas”

O BNG de Samos reiterou a denuncia ao “abandono absoluto” da Xunta de Galicia despois de que o Goberno galego rexeitase unha subvención de 40.000 euros destinada ás vivendas comunitarias, un servizo que consideran fundamental para garantir a atención ás persoas maiores do municipio.
O responsable local da formación, Emilio López, sostén que a decisión evidencia que a Xunta “se desentende das súas obrigas”, derivando nos concellos uns custes que, segundo afirma, “non lles corresponden”.
López lembrou que a prestación dos servizos sociais é competencia directa da Administración autonómica e cualificou de “inxusto e insostíbel” que sexa o Concello quen deba asumir en solitario uns gastos cada vez máis elevados. Para o BNG, esta negativa supón un novo golpe ao rural e, especialmente, á poboación envellecida de Samos, que precisa de recursos e apoio social continuado. “A Xunta non só non reforza os servizos, senón que retira o respaldo económico para mantelos, poñendo a súa continuidade en perigo”, advertiu o portavoz nacionalista.
A decisión, segundo o BNG, encaixa na liña marcada polo proxecto de orzamentos autonómicos para 2026, que consideran unha mostra clara do “desleixo” do Goberno do Partido Popular cos concellos rurais. López definiu as contas como “uns orzamentos de propaganda, sen medidas reais para responder ás necesidades da veciñanza”.
Desde a organización lembran que o Concello está a realizar un esforzo financeiro moi elevado para manter as vivendas comunitarias, un servizo esencial para garantir unha vida digna ás persoas maiores. Critican que a Xunta continúe “mirando para outro lado mentres os concellos asumen gastos que non lles corresponden”, o que cualifican de “asfixia económica deliberada”.
Finalmente, Emilio López anunciou que o BNG presentou emendas aos orzamentos da Xunta para reclamar a dotación económica necesaria e reclamou ao Executivo galego que asuma dunha vez por todas as súas responsabilidades en materia de servizos sociais. “Samos non pode seguir soportando o abandono da Xunta. O rural tamén ten dereitos”, concluíu.