En agosto volve o equipo de investigadores á Cova Eirós de Triacastela
O equipo de investigación conformado por alumnado da Universidade de Santiago de Compostela, de Oviedo e Madrid e guiados polo codirector dos traballos, Arturo de Lombera, volve á Cova Eirós de Triacastela.
Desta maneira, porán en marcha unha nova campaña de tres semanas nas que recuperarán o ritmo de investigación arqueolóxica que se levaba a cabo antes da pandemia pola Covid-19.
Dous grupos de investigadores, divididos en dúas quendas de 16 persoas, continuarán a excavación do xacemento, concretamente na entrada da cova e no nivel catro, que se corresponde co Paleolítico Medio. Ademais, realizarán novos traballos na Gruta dos Locos, que se sitúa no monte Penedo, na parroquia de Cancelo.
Ademais, outro dos obxectivos desta nova campaña de investigación é estudar a arte rupestre do interior da Cova Eirós, xa que é o tema central da tese de doutoramento da investigadora Tania Mosquera.
Así, este ano revisarán a gruta para ver se averiguan se hai motivos artísticos para catalogalos e rexistralos de maneira fotogramétrica para desenvolver un amplo estudo das manifestacións rupestres da Cova Eirós.