En Negro contra a violencia de xénero

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A sociedade celebrará o 25 de novembro esta loita contra os feminicidios con numerosas iniciativas que abranguerán todo o mes
25n contra as violencias
25 Nov 2022

A sociedade celebrará o 25 de novembro esta loita contra os feminicidios con numerosas iniciativas que abranguerán todo o mes.

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller conmemórase anualmente o 25 de novembro para denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación.

Esta celebración que tiña lugar un día acabou ampliando a súa relevancia e hoxe en día está vinculada á practica totalidade do mes.
Pero, escoller o 25 de novembro para conmemorar esta lacra social ten unha razón de existir.

Elixiuse o 25 de novembro para conmemorar o violento asasinato das irmás Mirabal (Patria, Minerva e María Teresa), tres activistas políticas asasinadas o 25 de novembro de 1960 en mans da policía secreta do ditador Rafael Trujillo na República Dominicana.

Hoxe, o seu simbolisto está moi representado polo movemento En Negro. Trátase dunha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela, co impulso da Administración local, e que ano tras ano foi medrando, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo ou ano, é sobre todo no mes de novembro, e no 25N, cando a acción desprega a súa actividade de forma máis intensa.

Dende o seu inicio buscouse implicar o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas.

Tamén se apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais.

Son moitas as accións que se levan a cabo contra a violencia de xénero durante todo o ano, centradas maiormente na educación na igualdade e o respecto, con charlas, cursos e campañas de sensibilización en colexios, institutos e universidades. Tamén se apostou pola protección das mulleres con diferentes programas en distintos ámbitos.

Unhas cifras xudiciais que non baixan


Os xulgados galegos recibiron o segundo trimestre deste ano 1.813 denuncias por violencia de xénero, un 9,9 % máis que no mesmo período de 2021, cando se presentaron 1.649. A gran maioría (1.328) chegaron a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Aumentou tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois nese período contabilizáronse 1.811, fronte ás 1.636 de 2021, o que supón unha subida do 10,7 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia situouse en 13, a segunda máis baixa do Estado -cuxa media foi de 18,4-, só por detrás da de Castela e León (11,6).

Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no segundo trimestre en procesos de violencia de xénero 593 sentenzas, das cales 498, é dicir, o 84 %, foron condenatorias.

Ademais, en Galicia descenderon un 10,2 % os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. No segundo trimestre de 2022 optaron por esta opción 97 mulleres, fronte ás 108 que o fixeron no mesmo período de 2021.

Ademais, durante eses tres meses solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 486 ordes de protección, un 7,4 % menos que nas mesmas datas de 2021, cando se demandaron 525. Delas, foron acordadas 344 (o 71 %), fronte ás 348 de 2021. Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 126 ordes de protección, o que supón un aumento interanual do 16,7 %.

No segundo trimestre deste ano os xulgados de menores axuizaron a catro persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, mentres que o ano anterior só foi xulgada unha persoa no mesmo período por procesos de violencia de xénero.

Os datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer aos fillos das vítimas, que reflicten as modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, reflicten que entre abril e xuño os órganos xudiciais galegos adoptaron 39 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, un 225 % máis que o ano anterior, cando se adoptaron doce.

colectivo mulleres raiz
bumei andaina 25N marina
lugo 25n mosquera

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14708495140076