Ensino e redes sociais

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Por Julio Díaz Un de cada tres adolescentes no noso país fai un mal uso das redes sociais, segundo un informe de Unicef.
14 Xan 2023

Por Julio Díaz

Un de cada tres adolescentes no noso país fai un mal uso das redes sociais, segundo un informe de Unicef. O estudo, no que participaron máis de 50.000 estudantes da ESO, revela que preto do 91% dos enquisados conéctase a internet todos ou case todos os días e, a maioría, senten relaxación, alegría ou diversión ao facelo.

As redes sociais xogan un papel clave no actual mundo dixital, xa que modifican a forma en que planificamos, interactuamos e, mesmo, gozamos das nosas vidas. Son múltiples as vantaxes das redes sociais na educación se somos capaces de aplicalas de xeito adecuado nas nosas clases.

O mundo da educación non pode quedarse á marxe da profunda transformación dixital no que estamos inmersos e debe ir incorporando cambios que nos leven a un bo uso das distintas aplicacións, tanto por parte dos docentes como dos alumnos, no que se refire á xestión de tarefas, as clases online, as aulas virtuais, á robótica… gústenos ou non, os nosos estudantes son nativos dixitais e nin o ensino nin o profesor somos quen de evitar esa realidade.

As redes sociais teñen múltiples vantaxes; fai anos era inimaxinable a relación e convivencia de alumnos de diferentes lugares a miles de quilómetros, promovendo deste xeito unha socialización global dos mesmos desde diferentes culturas.

As diferentes redes sociais tamén axudan ao alumno a fomentar a participación, a atopar recursos e, ademais, ponlle ao alcance da súas mans unha gran cantidade de información, ca vantaxe engadida que estes recursos están en constante actualización, polo que son perfectos para tratar temas de total actualidade.

O conxunto de habilidades requiridas aos estudantes do século XXI sufriron unha profunda mutación con relación a épocas pasadas, sendo as redes sociais as que xogan agora un papel clave para axudar aos nosos alumnos a desenvolvelas. Pero non se trata só dun lugar de aprendizaxe senón tamén dun espazo para a creatividade, a colaboración e a comunicación. Agora ben, que os nosos rapaces sexan nativos dixitais non sempre se traduce en que teñan as competencias tecnolóxicas axeitadas. Usar as redes sociais no entorno educativo e con fins educativos contribuirá a que se decaten da súa utilidade profesional e formativa mais alá do ámbito do ocio e do entretemento.

Dito todo o anterior, e ante a recente proposta presentada no Observatorio Estatal da Convivencia Escolar de que os docentes asuman a vixilancia do uso das redes sociais por parte do alumnado monitorizando os comentarios e os hashtags, hai que sinalar que este procedemento está inspirado nun estudo elaborado polo Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), seguindo a liña emprendida por algúns centros de ensino norteamericanos. Con todo, estes centros encargaron a empresas especialistas en monitorización este seguimento para controlar o que poñen os seus estudantes nas distintas redes sociais como Facebook, Twitter , Tuenti, Instagran… . Deste xeito, resulta moi discutible atribuír esta función ao profesorado, entre outros motivos, por carecer o colectivo docente de cobertura legal ante a responsabilidade civil e penal que puidera derivarse de dita actividade.

Como docentes, asumimos con seriedade e rigor o noso papel na prevención e detección do ciberacoso desde a nosa condición de formadores, pero outra cousa distinta e a vixilancia do uso das redes sociais que supón necesariamente a intromisión nas contas persoais privadas do alumnado, cuestión esta que compete os proxenitores no caso de menores de idade, é a outras instancias superiores no caso dos maiores de idade.

O profesorado debemos implicarnos orientando ás familias e aos nosos estudantes nun uso adecuado das redes e de internet, transmitíndolle aos pais a mensaxe da importancia de controlar e supervisar o uso que os menores fan das TICs, tendo eles a obriga de fomentar nos seus fillos un uso adecuado das novas tecnoloxías e trasladarlles ao mesmo tempo as consecuencias e as reponsabilidades derivadas do mal uso que fagan da Web.

Educar antes que prohibir.

0.17301177978516