Enterramos mortos que logo aparecen vivos
Por Raúl Río
Isto que vou contar podía parecer un conto surrealista se non acontecera nesta Galiza desgobernada por Feixoó, que no seu afán de destruír todos os servizos públicos para pasar ás mans dos seus amigos os negocios mais lucrativos, deixando ao seu coidado as febles vidas dos nosos maiores e facendo unha total derivación de funcións no control da calidade da atención prestada, a pesar de saber que a maioría dos falecidos estaban en residencias privadas, sobre todo nas de Domus Vi, xestionada por Xosefina Fernández (“Chefi”, como seica lle gusta que lle chamen), persoa moi próxima ao PP, á que en 1916 Feixoó impúxolle a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia e no 2019 recibiu o premio Galicia Global de mans do conselleiro de Economía, afirmando no Parlamento Galego en novembro de 2020, que se sentía moi orgullosa e que ”No nos avergüenza ganar dinero cuidando a los que más lo necesitan” cando xa faleceran mais de 1700 maiores nos seus centros, criticando a case todos os deputados, menos ao seu amigo, o presidente da Xunta; e nas da Fundación San Rosendo, presidida por Benigno Moure, un cura amigo de Fraga e distinguido con unha “Medalla de Castelao”, que foi condenado en 2008 a cinco anos de cadea por roubar 600.000 euros a unha muller con demencia, pero que non entrou na cadea a pesar da sentencia xudicial firme, porque o PP opúxose e incluso fixo unha manifestación ao seu favor no ano 2011.
Non é de estrañar que haxa tantas mortes nesas residencias nas que denuncian falta de persoal, tanto médico como de atención aos internados; non existe control nin limpeza e o desleixo destes xestores á hora de mirar polo benestar dos usuarios é tal que nunha residencia da mariña luguesa, ademais da falta de calidade das comidas, pasan fame; fame negra, porque seica non lles chega a comida que lles dan, e nesas residencias estanse a violar os dereitos humanos dos nosos vellos por malos tratos e agresións; anciáns con chagas, amarrados a unha cadeira de rodas ou despidos e tirados no chan, mentres a administración asubía e dálles diñeiro público.
Andan mais vivos estes xestores no tema económico, como se viu no caso de Benigno, afanando cartos, e Xosefina Fernández (Chefi) tamén sabe que levando unha boa parte dos mais de 619 millóns de euros, que gañou Domus Vi en 2019, a un territorio fiscalmente opaco como a illa de Jersey, aforra os impostos que lle correspondería pagar aquí. Pero Chefi tamén andou moi lista, tanto ela como seu irmán Pedro, para poñer o pasado 8 de xaneiro a primeira dose da vacina e sobre o 28 a segunda, aproveitando as que lle mandara a Xunta para os traballadores e internados da residencia que ten en Vigo. Agora ela e mais seu irmán, que non son traballadores nin internados, están inmunizados, mentres os residentes e o persoal seguen en perigo de contaxio e de morte.
Con dirixentes coma estes amigos de Feixoó, non é de estrañar o que lles ocorreu a Rogelia Blanco, de 85 anos e a Concepción Arias, de 90, que resultaron afectadas por un brote de Covid na residencia da Fundación San Rosendo en Xove e foron trasladadas a outra que ten esa Fundación en Pereiro de Aguiar, “mais moderna” ou “con mais experiencia” diría eu, pois xa houbera nela un brote de 112 residentes e 25 profesionais contaxiados, e na que compartiron habitación.
O pasado 13 de xaneiro falece Concepción Arias, pero por un error de identificación da residencia, enviáronlle o corpo nunha caixa fúnebre totalmente pechada á familia de Rogelia Blanco, que non puido identificala debido ao contaxio e oficiou o funeral na intimidade. Mentres tanto, un sobriño de Concepción, que estaba en Asturias, seica seguía chamando diariamente á residencia de Pereiro de Aguiar preguntando por ela e dicíanlle que evolucionaba “moi favorablemente”.
A familia de Rogelia chorou a morte con resignación e así quedaba a cousa de non ser que dez días despois apareceu con vida, na residencia de Xove, a presunta morta e enterrada, que se recuperara totalmente da Covid, tal como lle dicían por teléfono ao sobriño asturiano de Concepción. Sen embargo, como di a familia, esta confusión non se houbera aclarado si chegara a morrer tamén Rogelia, xa que lle pasarían o cadáver á familia de Concepción, terían os cadáveres invertidos e santas pascuas.
Está claro que esta pandemia do coroavirus demostrounos que os recortes sanitarios son contrarios á saúde e puidemos comprobar a inhumanidade das residencias privadas, que xa moitos presaxiábamos pola súa avaricia, nas que os nosos maiores deixan de ser persoas e pasan a ser simples números cos que engordan as súas contas de resultados.
Son tales as irregularidades que se deron durante a pandemia, que a fiscalía ten abertas 10 causas na Galiza contra outros tantos centros de maiores, a Asociación Galega de Familiares (REDE) denunciou ante a Valedora do Pobo e a Fiscalía á Fundación San Rosendo pola súa xestión durante este tempo e ese Ministerio anuncia novos procedementos, mentres Feixoó sae na defensa dos altos cargos das residencias denunciadas.
Defender con tanto afinco a eses amigos que buscan o xeito de evadir impostos e a quen ten o valor de estafar a unha señora con demencia, non parece unha función normal dun presidente da Xunta. Que non se estrañe logo si mais de un pensa que algo pode volver en forma de comisión para poder acadar eses mais de dous millóns de euros, tan necesarios para gañar as eleccións ao Parlamento Galego. Non serei eu quen o afirme, pero si fora como algunha xente pensa, mira a onde iría parar o noso diñeiro público e en que mans está a saúde e o benestar da nosa xente maior.