Carlos López Alvaredo, da Asociación Rúa da Música: “A Garitosis pon en valor o nivel musical que temos na vila de Sarria”

SarriaXa
Falamos con Carlos López Alvaredo, tesoreiro da Asociación Rúa da Música que organiza o Festival Garitosis no Concello de Sarria
organizadores-garitosis-portada
11 sep 2022

Falamos con Carlos López Alvaredo, tesoreiro da Asociación Rúa da Música que organiza o Festival Garitosis no Concello de Sarria.

- Quen forma parte da organización do Festival Garitosis e que posto ocupades cada un? (nome, apelidos, cargos...)

O festival Garitosis está organizado polo equipo directivo da Asociación Rúa da Música, que por norma xeral varía anualmente, estando este ano como presidenta Eva Fernández. Conta ademais coa colaboración dos socios para levalo a cabo.

- Vemos que este ano celébrase a X edición... dende cando se leva celebrando e como xurdiu a idea do festival? Tivo que aprazarse por mor da pandemia, verdade?

O festival nace no ano 2011, cunha envergadura e infraestruturas mínimas, organizado por un colectivo de músicos da vila, que aínda non estaban constituídos como asociación e, nace dun xeito totalmente espontáneo, sen ningunha pretensión. A raíz de este primeiro festival, coa premisa de continuar levándoo a cabo e de coordinar as iniciativas culturais deste grupo de xente, é cando xorde a idea de crear a asociación no seguinte ano.

Así, o festival realízase ininterrompidamente cada ano ata a súa IX edición, no ano 2019. Logo, obviamente, a pandemia tamén parou o noso festival, que retoma neste 2022, como ben dis, a súa X edición.

- Os artistas invitados ao longo destes anos seguen unha mesma liña musical ou son moi diferentes entre eles? Que características os unen ou os diferencian?

Creo que a principal liña que segue o festival consiste na participación de bandas da vila en tódalas súas edicións, cobrando estas un papel relevante no cartel do festival. Para nós é un xeito de poñer en valor o nivel musical que temos en Sarria e a cantidade de iniciativas que xorden.

Se nos referimos a estilos musicais, podemos dicir que a Garitosis é un festival de rock e música moderna en tódalas súas vertentes, e por el teñen pasado bandas de rockabilly, punk, reggae, blues e outros estilos similares.

- Dos que forman este ano o cartel, que resaltarían?

Stop Stop é unha espectacular banda que vén xirando internacionalmente presentando o seu último disco “Low Cost Life”. Porco Bravo é un grupo de Barakaldo que tamén vén presentando o seu novo traballo “Somos”; e Lujuria é unha consolidada banda de heavy metal nacional que realiza este ano a súa xira XXX aniversario. As tres son bandas que merece a pena ver dentro do panorama rock, con longas traxectorias e directos moi contundentes.

Skintight, Chico López, Louband, Sound Sisters e Zostial son grupos sarriás, que xa temos visto tocar pola zona e, maiormente, xa somos coñecedores do seu potencial musical. Destacamos este ano a presenza de Zostial, como unha nova proposta que se dá a coñecer no noso festival.

- Para que tipo de público se realiza o festival?

A Rúa da Música sempre realiza as súas actividades de xeito gratuíto para toda a vila, mesmo os concertos que teñen lugar no local social, e por suposto, os exteriores.

E aínda que este sexa un festival de tendencia rock, agardamos a asistencia de gran parte de público da vila, ademais de público foráneo, xa que as bandas que integran o cartel son de calado.

- Vimos de coñecer que noutros festivais celebrados recentemente houbo problemas coas medidas de seguridade... como son as que se levan a cabo no Garitosis?

O festival Garitosis é un festival de pequeno formato, e as medidas de seguridade son facilmente asumibles por parte da Asociación.

Aínda así o festival conta con seguros que cobren altercados e accidentes, incluíndo traballadores e público. Empresas profesionais de montaxe e son, que garanten unha calidade máxima. Zonas acotadas para artistas e público. Existirá coordinación cos corpos de seguridade, sempre tratamos de poñer todo pola nosa parte neste aspecto.

- Participan bandas de tódolos puntos ou solo aquelas que teñen a súa orixe no municipio de Sarria?

Os grupos sarriás forman parte do cartel tódolos anos, pero non son o único aliciente. Na Garitosis puidemos ver ao longo deste tempo tanto a bandas consolidadas no panorama blues de Reino Unido como Stephen Dale Petit como a grupos que despuntaban no seu estilo coma Five Black Bullets (hard rock - Jaén), The Royal Flash (rock - Madrid) ou Aphonnic (metal - Vigo).

- Coñécese xa o cartel completo do festival cos grupos e os horarios das actuacións?

A Garitosis será totalmente gratuíta como tódolos anos. O festival terá lugar na Praza da Vila o sábado 1 de outubro, e contará co seguinte cartel: El Chico López (12.30 horas), Louband (13.30 e 23.00 horas), Sound Sisters (19.30 horas), Porco Bravo (21.30 horas), Lujuria (00.15 horas) e Zostial (02.15 horas).

- Canto tempo leva organizar un festival así e cal é o investimento que se precisa? Cales son os organismos colaboradores?

Nós traballamos durante todo o ano para levar a cabo o festival, xa sexa a nivel financiamento, xa que somos unha entidade sen ánimo de lucro, contratacións, coordinación...

Ademais, o festival non sería posible sen a colaboración do Concello de Sarria, tanto a nivel económico como estrutural. Contamos tamén coa colaboración de Mahou como patrocinador principal.

- Algunha edición que recordedes con especial cariño ou algunha anécdota?

Traballamos en tódalas edicións con igual entusiasmo e entendo que cada un de nós terá diferentes lembranzas e percepcións de cada ano. Os primeiros anos, para min foron moi significativos para o festival e para darlle continuidade no tempo, pero tamén é un gusto velo medrar ano tras ano.

- Non sei se queredes resaltar algo a maiores ou comentar algo acerca do evento

Si, dicir simplemente que toda a vila está convidada a participar do noso X aniversario e contamos coa súa asistencia na Garitosis.

Cartel Garitosis
0.20251297950745