Teresa Capellá, Asociación Huellas de Sarria: “A xente pensa que mercar un can pódelle saír mellor que adoptalo”

SarriaXa
Teresa Capellá, da Asociación pola Protección Animal Huellas de Sarria. Huellas nace en abril do 2016 a raíz dunha conversa
24 Xul 2022

Teresa Capellá, da Asociación pola Protección Animal Huellas de Sarria.

Como nace a Asociación pola Protección Animal Huellas de Sarria?

Huellas nace en abril do 2016 a raíz dunha conversa que mantiveramos co anterior goberno do Concello de Sarria para axudarlles a xestionar os animais que eles recollían. Comezamos un grupo de voluntarios, nun inicio eramos cinco e non nos coñeciamos entre nós. Logo desde abril ata novembro vimos que funcionabamos ben e foi aí cando decidimos formar a asociación.

Que iniciativas ao longo deste seis anos destacarías?

En inicio axudar a preto de 400 animais e axudar a que a xente de Sarria teña conciencia de que existen animais abandonados, que se perden. O Camiño de Santiago é un punto importante onde se perden. Asemade, tamén fixemos concienciación da importancia do chip, da identificación animal, castración e por suposto a tenencia responsable.

Para aqueles que desexen sumarse a este proxecto, que lles recomendariades que tivesen claro?

Principalmente que tivese claro que queren ter un compromiso estable. Ocórrenos que ao mellor algúns veñen soamente quince días e logo desaparecen.

Por iso, nos interesaría que a xente que se animase a participar fose pensando para longo prazo. Hai moito que facer, somos moi poucos e todos o facemos no noso tempo libre. Moitas veces quixeramos facer moitas mais actividades na asociación pero por falta de persoal implicado non se pode. Agora mesmo o que máis nos fan falta son voluntarios. E é algo que non só nos ocorre a nós; todas as asociación da provincia de Lugo coas que conversamos quéixanse da escaseza de xente, algunhas mesmo pensan en deixar a súa actividade a causa disto.

E de que maneira poden acceder a vós esas persoas que queiran implicarse como voluntarios en Huellas?

A través da nosa páxina de Facebook, poden mandarnos un correo electrónico a huellasdesarria@gmail.com. Tamén poden enviarnos un whatsapp ou chamarnos por teléfono 644 74 18 25. 

A título persoal que vos reporta pertencer a huellas?

Huellas dá moitas ledicias; coñeces xente e formas un grupo de amizades, así como tamén tratas coas familias que deciden adoptar os nosos cans e gatos. Sobre todo, apórtanos a felicidade de que os animais atopasen unha casa. Tamén aprendemos a manexar as relacións persoais, redes sociais ou relación coas institucións. Calquera persoa que se involucre nisto coido que pode aprender moitísimo, Podes coñecer xente nova se es un recen chegado na vila e de paso saber máis acerca do comportamento animal, o cal despois podes aplicar para darlle uns mellores coidados e atención aos teus.

Hai algunha historia en especial que lembredes de todos estes animais que pasaron pola vosa asociación?

Teño moitos, mais quizais a que máis ledicia me deu se fose a un fogar foi unha cadeliña grifona, cremos que foi empregada para a caza nalgún intre. Era moi leda, moi activa e sociable co resto de cans. Porén, non sabemos por que, pasou tres anos connosco sen que ninguén se interesara por ela. Era unha cadela que sempre pasaba desapercibida. Mais de súbito un verán veu unha familia buscando un can e fixáronse nela. Foi das alegrías máis grandes! A día de hoxe vive en Madrid, relacionándose con todos os cans. Sempre a vemos en verán  cando a familia volta acó e acórdase de nós!

Tamén veu unha mastina que viña nos ósos con  10 crianzas. Nós pensamos que non podería criar aos dez cachorros, pero sacounos adiante. E xusto unha voluntaria quedouse con ela e cun dos seus fillos. Estivo coidándoa na súa casa e logo xa non quería desprenderse dela. Eu tamén teño dous na miña casa, viñeron para quince días e un leva cinco anos e outro tres.

Tratades sempre de facerlle un seguimento a cada can que é adoptado?

Sempre. Normalmente hai moitas familias que xa sae deles; mandan un correo electrónico unha whatsapp enviando fotos dos seus animais. Logo a outros xa os contactamos nós e normalmente non hai problema en recibir un informe sobre como se atopan os cans. Tivemos algún susto ao chamar e que nos comunicasen que o animal fora cedido a un veciño. Asustámonos porque non queremos que haxa esa cesión, preferimos que se poñan antes en contacto con nós antes de que a dean sen avisar. Mais neste caso foi boa solución tamén; a nova familia púxose tamén en contacto con nós e moi ben.

Procuramos facelo, polo menos unha vez ao ano sabemos de todos os que pasaron. Por falta de tempo e persoal non o facemos coa asiduidade coa que nos gustaría. Normalmente as tres persoas da da directiva repartimos os teléfonos e cada unha chama cada mes a onde lle é indicado.

Que actividades vos gustaría facer se tiverades un maior equipo?

Pois gustaríanos facer máis quendas as fins de semana e saír fora, con máis paseos, ir ao monte ou mesmo polo centro de Sarria para que se acostumen a ir entre coches, con ruídos e máis xente. Eles viven nunha finca illada en plena natureza e non teñen os estímulos da rúa. Tamén nos encantaría facer máis mesas informativas; a xente pregunta, facemos novos socios, vendemos merchandising. Fáltanos xente que poida estar aí, pois nós temos difícil compaxinar ao ter que estar no refuxio, entrevistando posibles familias adoptivas, indo ao veterinario etc.

Que lle diriades a esa xente que aposta por mercar un animal de compañía antes que adoptar?

Que hai opcións. Moita xente pensa que por mercar o can pódelle saír mellor que se vai a unha protectora ou refuxio. Pero non, ti podes ir a un refuxio e preguntar por tipos de cans. Agora mesmo, por desgraza, hai moitos tipos de cans, unha variedade infinita que se pode escoller antes de mercar. O importante á hora de decidir xa non é o aspecto externo, senón procurar un can que se adapte ao teu estilo de vida, dependendo de se ti es máis caseira ou prefires saír ao exterior durante horas facendo longas camiñatas. Penso que iso é o que falla nas familias; frústranse por non atopar ese can que se adapte a súa forma de vida.  Ás veces só pensan que, por exemplo, se vives nun piso precisas un can pequeno, mais non caen en que tamén é importante que se valore que sexa un can acostumado a estar máis horas só que se vives nun entorno rural.

Como é o voso mercadillo solidario?

Agora abrímolo dúas veces á semana; o mércores e o venres pola tarde de 17.30 a 20.00 horas. Facémolo nun local que nos cedeu o concello e está no antigo ambulatorio. Hai un par de anos que os facemos. Tamén facemos algún puntuais na rúa e outras veces tamén nos deixaron outros locais como O Meigallo e demais aportados polos donos de cada local. Neste mercadillo o que conseguimos é fondos para os gastos. Vendemos cousas de segunda man doadas pola xente como roupa, libros, complementos, decoración, mobles etc. Facemos tamén a función de reciclar. A xente responde ben. Algunha vén habitualmente comprar e outra trae as súas cousas para vender. Por exemplo, temos unha señora que fai flores coas cápsulas de café, xente que trae cadros pintados etc. Hai cousas moi bonitas!

E agora que chega o estío e desgraciadamente somos testemuña do abandono de tantos animais, que diriades desde Huellas a esa xente?

Hai un pico por mor diso sumado a que maio e xuño é a época de celo de cans e gatas e xúntase todo. O primeiro que diríamos é que os esterilicen e castren porque evitas ter camadas que non queres e se nalgún momento vas considerar abandonar un animal non o collas. Ninguén manda telos, entón se non é unha obriga para que os tes?

No intre no que abandonas un can, este perde a súa persoa de referencia e moitos deles están deprimidos unha tempada longa. O sentimento de abandono provoca isto.

Que futuro se agarda para Huellas?

Vai depender moito dos que sexamos a medio prazo ou longo prazo. Non todas nosoutras imos poder estar aquí sempre. Entón se non hai ese relevo ao mellor Huellas ten que considerar disolverse. Non nos gustaría porque é unha parte importante das nosas vidas. Eu agardo que haxa ese relevo e que as voluntarias que temos, só somos mulleres, se impliquen un chisco máis para que a xente da directiva poida delegar nalgún momento.

0.27425909042358