Asociación de Mulleres A Carballeira do Páramo: “Agardamos traballar moito para que a xente que veña ás Feiras e Festas de Primavera"
Coñecemos á asociación de Mulleres A Carballeira, do Páramo. Fálamos con Luz Divina Sierra Vila, unha das súas socias.
Cando e por que se crea a asociación A Carballeira?
A asociación A Carballeira creouse hai máis de vinte anos, como recurso para poder impartir cursos de pintura e restauración para as mulleres do Páramo.
Cal é o seu obxectivo? Soamente está formada por socias ou tamén por socios?
O principal obxectivo desta asociación hoxe en día segue a ser o mesmo que dende a súa creación: proporcionar clases de pintura e restauración para as mulleres do Páramo. A razón de inclinarse por cursos de pintura e non outras actividades foi a gran demanda que espertou esta disciplina nas mulleres do municipio, debido á súa curiosidade por esta arte.
Actualmente, A Carballeira soamente está formada por mulleres. A razón de formar unha asociación exclusiva de mulleres foi e segue a ser a situación que a muller ocupa no medio rural, sendo, na maioría dos casos, a que permanece no domicilio familiar acotío.
Son moitas socias na actualidade? De que lugares? Soamente do Páramo ou tamén doutras parroquias da contorna?
Actualmente non podo concretar unha cifra exacta, xa que non pertenzo á dirección da asociación pero seremos máis de 20 persoas.
Dende os seus inicios, a asociación non pechou as portas á inclusión de socias doutros concellos da contorna. De feito, unha parte das mesmas son dos concellos dos arredores (O Corgo, Guntín, Láncara...).
Que opinan do papel que ten a muller do rural galego na sociedade de hoxe en día?
Falo en primeira persoa, xa que non é un tema do que adoitemos discutir nas nosas reunións.
Persoalmente, penso que a muller do rural continúa a ter un papel tradicional: xeralmente, persoas sen estudos que se adican ó coidado de persoas como fillos ou persoas maiores e encargándose dos labores do fogar; a parte de facer labores de agricultura e gandería ou outras similares.
Son consciente de que cada vez son máis as mulleres que realizan estudos e acceden a traballos noutros sectores, pero si que vexo que a maioría dos estereotipos de xéreno continúan manifestándose, con especial intensidade no medio rural; o cal supón un verdadeiro obstáculo na consecución da igualdade de xénero.
Ademais, considero que segue a haber certa desigualdade entre homes e mulleres, nun grado máis acusado que o que se dá no eido urbano.
Que tipo de actividades ou eventos levaron a cabo dentro da asociación ata o de agora?
Como comentaba anteriormente, a principal actividade sempre foi a organización de cursos, de setembro a xuño, de pintura e restauración. Tódolos traballos que se realizan nestes cursos ó longo do ano son expostos nas tradicionais feiras e festas da Primavera que teñen lugar tódolos anos a segunda fin de semana de xuño.
Ademais, tódolos anos adoitábamos facer unha cea de confraternidade.
Cales se realizan hoxe en día?
Sempre se realizaron as mesmas actividades e eventos, o que cambiou nestes últimos anos foi que debido á pandemia da Covid-19, anulouse a cea.
Que hai que facer para formar parte da asociación? Ten algún custo?
Para formar parte da asociación A Carballeira é necesario falar coa presidencia para anotarse. Ó principio, cada socia aportaba unha cota anual pero nestes momentos non contamos con esta premisa, senón que cada socia das que desexa asistir ós cursos organizados, aporta un tanto por cento do seu custo.
Cóntenos acerca de eventos que teñan programados proximamente a curto e longo prazo
Polo momento temos comezado un novo curso de pintura e restauración. Posteriormente, faremos o que viñamos facendo tódolos anos: a exposición nas Feiras e Festas de Primavera do Páramo e algunha comida. A maiores diso, non temos nada programado.
Como afectou a pandemia ás actividades que realizaban? Foron interrompidas imaxino. Agora volven con máis forza?
Efectivamente, ó chegar a pandemia suspendeuse o curso e non se organizou ningunha comida. Porén, tódalas socias seguimos en contacto por medio de grupos de mensaxería.
Ó igual que pasou con todo, empezamos de novo a reunirnos con moitas ganas! Amais, durante o tempo no que paramos a actividade, acumulamos moitos traballos para realizar.
Con que apoios contan para levar a cabo a súa actividade? Concello, outras institucións, veciños...
Contamos cunha axuda que nos proporciona a Deputación de Lugo e outra que nos proporciona o Concello do Páramo. Descontadas estas partes, o resto de capital necesario poñémolo as socias.
Cren que iniciativas coma esta en pequenos concellos son necesarias para dar visibilidade o patrimonio cultural destes lugares?
Por suposto. Os pequenos concellos coma o do Páramo precisan de moitos impulsos que fomenten o seu coñecemento, polo que toda iniciativa que se preste a esa fin é benvida.
Que agardan para este novo ano?
Agardamos traballar moito nos nosos cursos para que a xente que vén ás Feiras e Festas de Primavera poida ver todo o que facemos durante o ano.
O certo é que todas estamos desexando que chegue o martes pola noite para reunirnos e, a parte de traballar, contar as nosas historias do día a día.