Entrevista Alejandro Pérez: "Afrontamos esta temporada con moita ilusión co incremento de tramos sen morte"
Coa recente tempada de pesca que abre o 20 de marzo e se estende ata o 31 de xullo falamos co Clube de pesca Río Neira asiduos aos cotos de Láncara e Covas de Valdriz.
Alejandro Pérez secretario Clube Pesca Río Neira.
Como nace o Clube de pesca Río Neira?
Nós somos pescadores de Lugo asiduos ao Río Neira, en concreto aos cotos de Láncara e de Covas de Valdriz, que son sen morte. Decidimos que era bon crear unha sociedade para coidar o río promovendo que estea nas mellores condicións posibles e seguir apostando pola pesca sen morte.
Que hai que facer para ser socio?
Complementar unha documentación para ter un rexistro dos socios e pagar a cota que son 20 euros anuais.
Cantos socios son e de que lugares?
Somos xa 50 socios, a maioría son da provincia de Lugo. Aínda que tamén contamos con xente que ven de Asturias, Castela e León, Pontevedra, Coruña e Ourense.
Que vantaxes ten ser socio?
As principais vantaxes que da é que se pode acceder aos cursos que facemos. Recentemente fixemos unha xornada de montaxe de moscas que tivo unha gran afluencia xa que viñeron 35 persoas. Podes acceder aos diversos campionatos que fagamos e tamén a cursos previstos para o futuro, como o que faremos con David Arcay que é catro veces campión do mundo e forma parte do clube. Este tipo de actividades son exclusivas para socios.
Que actividades realiza a asociación?
O sábado día 12 vamos facer unha limpeza nos cotos que vamos consorciar para que estean nas mellores condiciones posibles no principio da tempada de pesca. Esta consistirá na roza e mantemento do lugar onde se inclúe a retirada de plásticos. Ademais, acondicionaranse as entradas aos cotos para que sexan cómodas para os pescadores.
Ademais, a nosa intención durante o verán é facer unha escola para nenos e ensinarlles o montaxe de mosca e a pesca.
Como se está a preparar a tempada de pesca?
Con moitas ganas aínda que os ríos de momento están algo baixos de caudal temos a esperanza de que chova un pouco senón é certo que os ríos no verán vano pasar un pouco mal.
Afrontamos esta nova tempada coa ilusión renovada de que este ano a Xunta aumentou na provincia de Lugo os quilómetros de tramos sen morte, unha reivindicación que os pescadores sen morte viñamos demandando. De feito, no Neira este ano aumentáronse 5,6 quilómetros de tramo libre sen morte. Lugo é a provincia que máis tramos sen morte incrementou coa nova normativa.
Que tipo de persoa sinte paixón por esta afección?
Maioritariamente xente de entre 40-60 anos. A xente nova, por desgracia, é a que menos presencia ten. Por iso, nós o que queremos facer ao ser un colectivo dunha idade media bastante avanzada é fomentar entre os máis pequenos a ilusión pola pesca para que sexa unha actividade que non se perda. Unha actividade que se agradece moito ao aire libre, estando cos amigos en contacto coa natureza pescando.
Esta actividade viuse minguada pola pandemia ou ao ser máis individual e ao aire libre non afectou moito?
A nós por exemplo xa que somos montadores de mosca a pandemia fixosenos máis liviá porque moita xente non tiña nada que facer, pola contra, nós ao montar moscas tivemos un gran entretemento.
A xente cando se abriu estaba tola por poder pescar. Eu penso que a pandemia non freou aos pescadores en canto as ansias de realizar a actividade. Ao final a moita xente beneficioulle o xeito de ser pescador, saes despois de estar encerrado na casa para estar cos teus amigos en contacto coa natureza.
Que é a pesca sen morte? En que consiste?
Na pesca sen morte o máis importante é o respecto ao peixe, da igual a especie que se capture. Cando tes un peixe na man podes facer dúas cousas, matalo ou devolvelo.
A realidade é que na actualidade, as troitas estanse acabando, cada ano as poboacións de troita son menores, polo que a única maneira de conservar a especie e poñéndoa sen morte ou vedada. Os que amamos a pesca o que queremos é pescar e ter e ter troita para pescar. Evidentemente, ten que haber sitio para todos pero ao final os tramos nos que máis troita hai son os tramos sen morte. Coller ao peixe, quitarlle a mosca e devolvela ao seu medio.
Cal é o obxectivo do club?
Velar pola pesca sen morte e unha pesca sostible. Coidar ao río e a xente que veña ao Concello de Láncara a pescar estea a gusto pescando para que ao final se lle de valor e coñecemento aos cotos asociados con poboación de troita moi boa.
En definitiva, que a xente desfrute e o pase ben pescando.
En que condicións se atopa actualmente o Río Neira?
A poboación de troita nos tramos sen morte do Río Neira é moi boa, ten unha gran cantidade de troitas e de moi boa calidade. É certo que nos tramos que está con morta non hai tanta abundancia.
É un río bastante limpo sen moita contaminación ao que acude moita xente de toda Galicia e de fora. É moi emblemático.
Cal é a maior necesidade do río?
Eu penso que a limpeza. O seu acondicionamento é unha das súas necesidades primordiais. Cando hai riadas ou hai mal tempo ten unha gran cantidade de árbores que poden caer e posteriormente precisase a súa retirada. Tamén é preciso limpar os plásticos que chegan con esas riadas ou que os cidadáns tiran no leito do río.
Pero, sobre todo, a vixilancia do furtivismo algo fundamental.
Que tipo de peixes se pode atopar no río Neira?
Troitas e na parte media baixa tamén hai escalos.
En que situación se encontra na actualidade a pesca sen morte?
Un porcentaxe máis elevado é de pesca con morte pero estase vendo que a xente toma conciencia de que a maneira de conservar a troita é devolvéndoas ao seu medio natural, polo que hai máis estase a incrementar o número de pescadores sen morte. Isto é unha boa noticia xa que o futuro da pesca é sen morte para non quedar sin nada.
Están a realizar algún tipo de actividade que promova o coñecemento deste deporte para que desperte interese en novos perfís?
A idea da xornada de montaxe era para que non solo pescadores se animara a vir senón tamén xente do concello que quixera ver o que é a pesca. A pesca non é tirar a caña e esperar sentado, consiste en moito mais. Nós que facemos moscas o pescar ten un esforzo maior detrás. O bonito é coller troitas cunha mosca que fixeche ti coa mosca do día anterior.
Nós o que queremos non é só manter o río en boas condicións senón que máis xente que non son pescadores vexan o atractivo da pesca intentando evitar que se perda esta actividade.
Cal é o equipo básico para comezar neste deporte?
O que se necesita depende da modalidade na que se queira empezar. Para a pesca a mosca desde o río precisarase un vadeador e unhas botas, unha caña, un carrete, uns fíos para poder pescar e unhas moscas.
Ofrecedes algún tipo de formación para a xente que quere empezar a practicar a pesca sen morte pero non sabe como?
Aínda que non facemos nada explícito o obxectivo e ofrecer e compartir os coñecementos entre os socios e aqueles que estean interesados en coñecer novas técnicas. Non temos nada preparado para a xente que non é pescadora pero ofréceselles axuda sen ningún problema.
Nota algunha necesidade na pesca a mosca?
O sábado 22 de xaneiro entre varios socios do club realizamos unha xornada de pesca en Vilela en Villafranca do Bierzo isto serviu para paliar a falta de poder pescar en escenarios dende que acaba a pesca a finais de setembro ata marzo. A xornada realizouse en Castela e León porque en Galicia non existe ningún escenario onde poder pescar nos meses de inverno.