Marcos Vázquez, do Muvicla: "As feiras deixaron de ser a de Sarria e a da Pobra, avanzando ata Zaragoza e París"
Marcos Vázquez é un apaixoado do mundo rural que, a través de traballo e ilusión, conseguiu crear Muvicla, un espazo museográfico do campo e da locomoción que xa se atopa na rede de centros museísticos de Galicia.
De onde nace a idea deste proxecto? Por cantas persoas está formado?
Un museo é difícil que parta dunha idea, normalmente parte dunha xestación de ideas ou cúmulo de situacións. Eu tiven o privilexio de ter sido un neno labrego, e un dos atractivos que adoitan ter as cousas que faciamos era andar en tractor e, de feito, ir á feira nun tractor levar gando a vender, podo compararcho a visitar Disney Land Paris para un neno europeo de cidade. Ao ir medrando, no meu caso, e grazas a que na miña casa se fuxíu dos tópicos de dicir: "isto é o peor, estuda e márchate", seguín cultivando a paixón polo rural e pola mecanización. Despois as feiras, deixaron de ser a de Sarria e a de a Pobra, avanzando ata Silleda (semana verde), Zaragoza (Fima) e París (Sima), eso si, xa sen ir en tractor, inda que che confeso que me gustaría... Non quedou a cousa ahí, cando con 17 anos descrubrín que se podía facer unha enxeñería que se chamaba Mecanización Agraria, levei unha alegría, e pensei que tivera sorte.
Pasado o tempo e así que puiden xerar algún diñeiro por min mesmo, e, en lugar de restaurar unha Ducati ou un Alfa Romeo, cuestioneime: se son de aldea como son, elixamos un tractor para restaurar... Ao facelo, ampliamos o repertorio de feiras, e entraron na axenda as de maquinaria agrícola antiga, vinculadas ao desenvolvemento rural; Segovia (Valverde del Majano) e Holanda (Panningem). Seguiuse medrando ata chegar un punto no que había xa moito ferro e madeira vellos, e pensamos que ou empezar a vender ou adicarse a aproveitar o tirón que ten aludir aos recordos para proxectar un mellor futuro. Museo adiante! Agora mesmo o Museo para o seu funcionamento diario está moi vinculado á familia, eu son o culpable de telos a todos implicados, pero temos varios órganos funcionando no entorno de Muvicla; unha asociación de amigos do museo (AAMUVICLA), un comité científico, e un comité asesor, compostos estes órganos por persoas sen as cales non tería sido posible levar a cabo este proxecto. Estes tres órganos de participación no funcionamento englóbanse na comisión permanente, que, coordinada pola dirección do centro vai tomando constantemente decisións consensuadas.
Como definiría Muvicla?
Un centro nacido con alma labrega, campesiña, e que quere transmitir con paixón e positividade tódolos valores que abrangue a vida no campo; usa para elo o glamur das ferramentas e útiles do pasado, asociados a cada ronsel de cada peza exposta, xa sexa nas coleccións permanentes ou temporais. Un espazo de reflesión e promoción da importancia do mundo do campo. A efectos legais, cabe destacar que Muvicla, é o primeiro espazo museográfico que con recoñecemento oficial amparado pola nova Lei de Museos de Galicia, o primeiro centro de Galicia deste tipo e o primeiro de España en estar integrado nunha labranza e ofrecer o acendido e proba de máquinas en tempo real.
De que instalacións está formado e que novidades ofrece respecto a outros do mesmo sector?
Muvicla, significa: Museo vivo e integrado do campo e da locomoción agraria, polo que ten dous elementos diferenciais que o adiantan no tempo: vivo, porque tódalas pezas funcionan e se poden probar in situ; e integrado, porque se desenvolve intríseco á casa de labranza onde se ubica. As coleccións atópanse integradas na finca da casa, onde inda está o establo principal do ganado e as instalacións que prestan servizo á labranza. Como instalacións asociadas as coleccións atópanse esencialmente 3, unha construída expresamente para museo, que é onde están os tractores e se atopa a colección titulada Paseo pola historia en tractor; outra, o antigo establo que foi o primeiro da parroquia, onde está a sala de conferencias, o espazo de exposición máis grande, o obradoiro de restauración e as miniaturas e, a derradeira, o antigo silo tipo trincheira, onde está a peza máis grande do museo, unha colleitadora autopropulsada.
Como viviu o Muvicla a pandemia?
Durante a pandemia e na actualidade viuse moi afectado o número de visitas, porque non puideron vir asociacións, colectivos ou colexios pero traballamos e fixemos cousas con moita ilusión, restauramos novas pezas, instalamos un sistema de calefacción ecolóxico, organizamos recentemente un foro sobre o glamur do rural (asociado a unha exposición temporal) e temos en mente moitos proxectos de futuro.
Obtén ou obtivo algunha axuda de algunha institución?
Vivimos con tristeza non poder obter axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a través do GDR Montes e Vales Orientais, algo que sinceramente non nos pareceu axustado á realidade das cousas, pero si recoñeceu a nosa singularidade a Deputación Provincial, tanto desde a área de Presidencia como do Medio Rural, que nos axudan coa sinatura de convenios para a realización de eventos de interese social e xeral. O Concello Lancarés, tamén amosa sempre boa disposición á hora de facilitar os trámites administrativos e atopar serguridade xurídica para o que se creou. Cabe destacar que as empresas proveedoras de servizos colaboran sempre que se lles pide, e, nin que decir ten, que tanto o comité científico como o comité asesor, son a alma do museo e do seu bo funcionamento.
Hai algún evento ou algunha actividade pensada, programada ou organizada para un futuro?
Na actualidade, acabamos de facer un foro sobre o glamur do rural, con importante repercusión mediática, e o primeiro deste tipo a tódolos niveis, e segue aberta a exposición temporal sobre o glamur, tendo en exposición un Porsche coche e un Porsche tractor; esta, mudará en breve a expoñer un Aston Martin e un David Brown, fundador e creador de Aston Martin. Temos moitas ideas para ir desenvolvendo pouco a pouco, pero preferimos usar o factor sorpresa.