Entrevista Benjamín Escontrela: "Penso que para ser un bo político non se pode nin se debe vivir da política"

SarriaXa
Entrevista a Benjamín Escontrela concejal del área de bienestar social del ayuntamiento de Sarria. Conoce las necesidades del área.
benjamin escontrela sarria
24 Abr 2022

Entrevista a Benjamín Escontrela concelleiro da área de Benestar Social do Concello de Sarria.

Como describiría o concello de Sarria?
Se nos referimos ao concello en termos gráficos, definiríao como unha contorna idílica, con xentes amables, situado nunha paraxe estupenda onde, a natureza, a arquitectura, a historia, e os seus habitantes, consolidan un lugar digno de admiración, cunha alta calidade de vida.
En canto ao concello como institución, a miña concepción do mesmo sería a dunha administración, que debería defender aos seus veciños e veciñas por encima de todo, deixando de lado a pleitesía que se lles “debe” a certas siglas por defender os intereses dos nosos/ as concidadáns/ as.

En que está a traballar a área de Benestar Social na actualidade na vila?
A área de benestar, ten en marcha varios proxectos, que desexa consolidar , pero non a calquera prezo, senón con todas as comodidades e recursos necesarios para a seguridade e benestar dos seus usuarios.

A residencia de anciáns: Coa consolidación da enfermería 24 horas, e a súa próxima ampliación, reforzada coa construción dun centro de día de carácter público.

O banco de alimentos: Que actualmente atende a 500 familias e máis de 1000 usuarios, servizo que adaptaremos a necesidades de acceso, situándoo co resto de asociacións de carácter social, no antigo ambulatorio (onde xa se atopa) pero con instalacións renovadas, seguras, e con espazos reorganizados, buscando unha venda, doazón ou cesión por parte de INS.

SAT: Servizo da temperá, que se pode levar a cabo grazas aos representantes dos concellos de toda a comarca, O Incio, Páramo, Paradela, Triacastela, Samos, Láncara e Sarria, cuxos inicios foron un tanto difíciles, pero na actualidade, mediante a creación dunha comisión mixta, estamos a conseguir reforzar, buscando ampliación de horarios, para os técnicos, mellora das instalacións, as cales nos gustaría situar nun local municipal debidamente acondicionado incluíndo novas salas de lactación, estimulación sensorial…as cales xa estaban incluídas no proxecto inicial, aumento dos horarios das sesións, adaptadas ás necesidades especificas de cada tratamento, terapias familiares…

Conciliación: Adaptándose en todo momento ás necesidades das familias, sen programas de despacho, baseando o noso traballo nunha relación próxima. O esencial é preguntar o que necesita cada familia, si se pode facer, faise, senón, hai que buscar recursos para facelo, posto que a equidade, a axuda a todo s os sectores da poboación que o necesitan, non tan só monetaria senón en recursos, é no que consisten as políticas sociais. E, nais e pais traballadoras necesitan horarios adaptados ás súas necesidades, lugares e profesionais onde os s mais pequenos estean protexidos e o pasen ben, xoguen e aprendan, e sobre todo que se lles escoite.

A curto prazo temos previsto aumentar horarios matinais no CEIP Antonio López, así como pintar a estancia para facela mais acolledora.

Cambiar o mobiliario do comedor da EEII Xela Arias, e acondicionar un novo local, cedido polo Frei Luís de Granada.

A nivel verán temos un proxecto preparado, no que se incluirá o comedor, con todo non faremos a presentación do mesmo sen reunirnos coas anpas de todos os centros educativos, ás cales hai que agradecer a súa colaboración e achega de ideas.

E as súas maiores necesidades?
Evidentemente, a incorporación ao equipo dun educador social, así como un mediador familiar co fin de interaccionar máis cos centros educativos e as familias As melloras de instalacións, con salas privadas para as entrevistas con usuarios, baños, e unha recepción, instalacións que permitan a comodidade e seguridade de traballadores e usuarios. A atención a preadolescentes e adolescentes entre 12 e 20 anos, que poidan contar con asesoramento de bolsas, ofertas de emprego, planificación familias, actividades… debido a que desde o meu punto de vista son o colectivo máis esquecido.

Como se está a traballar neste eido?
Estudando recursos, para poder levar estes proxectos a cabo.

Cal é o obxectivo da área de Benestar Social?
Unha sociedade libre, sen cadencias materiais nin afectivas, unha sociedade cohesionada que busque o ben común, posiblemente algo que moitos consideran unha utopía.

Que lle pode ofrecer vostede a Sarria?
Traballo, constancia, e fidelidade aos meus conveciños por encima de calquera sigla.

Como visualiza Sarria nun futuro?
Unha vila respectada e admirada, na que todos os sectores da poboación , infantes, novos, familias, e anciáns, teñan os seus espazos e recursos cubertos.

Na actualidade está a compaxinar o seu traballo como doutor, concelleiro e responsable da residencia de maiores, como está sendo esta compaxinación?
En ocasións dura, posto que esta tempada non foi fácil debido á pandemia, con todo encántame o trato próximo coa xente, coñecer a súa problemática, e poder axudarlles en todo o que sexa posible, por tanto, gratificante, de poder estar en primeira liña, en dous aspectos imprescindibles nestes momentos para a sociedade, a sanidade, e as necesidades sociais.

Como foi a compaxinación de traballo na época Covid de maior contaxio?
Estresante e frustrante, por toda a desinformación á que os profesionais estabamos sometidos, con todo gratificante con cada paso, con cada sorriso, con cada curación, sentía impotencia con cada falecemento, con todo cada día tiña máis ganas de loitar por motivar, e inxectar optimismo a unha poboación atemorizada.

A súa profesión intervén algo nos seus intereses dentro da súa vida política?
En absoluto, penso que para ser un bo político non se pode nin se debe vivir da política.

Cales son os seus obxectivos como político?
Converter Sarria nunha vila respectada e admirada, na que todos os sectores da poboación , infantes, novos, familias, e anciáns, teñan os seus espazos e recursos cubertos.

Como comezou a súa vinculación na política?
Canso de observar tanto caciquismo, tanta inxustiza, tantas recomendacións, deixando de lado a igualdade de oportunidades, decidín que se queres que algo cambie debes enfrontarte a iso e dar un paso a diante, por ti e por todos aqueles que cren en ti.

Cal é o mellor recordo que ten na súa vida política?
O apoio de todos aqueles que coma min cren que con traballo, confianza e unión, pódese conseguir o cambio, o apoio de todos os que estas dúas lexislaturas demostraron que por encima de toda sigla están as xentes de Sarria, e que non se trata dun discurso político senón da realidade, o apoio de todos aqueles que se dan conta que o pobo ten a palabra, e que cansados dun “despotismo ilustrado” adaptado á nosa época ( Todo para o pobo pero sen o pobo), loitan cada día porque sexa este quen recupere a palabra, o noso lema “Por , para e sobre todo co pobo”

Que é o que máis desfruta de Sarria?
En Sarria están as miñas raíces, por tanto cada paseo polas súas rúas lémbranme momentos da miña infancia, os meus amigos, a miña familia, a casa dos meus pai, toda a miña historia está nesta vila.

0.13793301582336