Asociación Deportiva Aixa: “Cando estou no tapiz sinto unha combinación de nervios, ledicia e incluso medo”
Coñecemos á asociación deportiva Aixa, presidida por Jessica Quiroga Cela, falamos coa súa secretaria e representante legal Jennifer Quiroga e cunha das súas integrantes, a ximnasta Aida Sobrado Rodriguez.
Cando e por que xorde o club Aixa?
O club Aixa xorde no ano 2009, baixo a necesidade de crear un novo club de ximnasia rítmica en Sarria, malia haber en activo nese momento outros dous clubs.
Por que ese nome?
Eliximos ese nome para o club porque significa Muller e pareceunos un nome bastante interesante.
Por cantos membros está composto na actualidade? Confórmano nenos e nenas? De onde proceden?
O club Aixa na actualidade conta cun total de 68 socios, tivemos un baixón por mor da covid-19 pero este ano parece que todo volve estar en auxe.
Está composto por nenos e nenas de distintas idades e sexo procedentes de zonas coma Oural, O Incio ou Samos.
Cal é a traxectoria do club? En que competicións participaron?
A traxectoria do club é moi variada xa que non so nos centramos en ir a competicións e gañar medallas, para nós o importante é a práctica do deporte, que os nenos aprendan o que é o traballo en equipo e a respectar ás persoas que teñen ó lado, valores que lles serviran para aplicar máis adiante no seu día a día.
Habitualmente tódalas tempadas participamos en torneos e campionatos tanto provinciais como a nivel autonómico.
Cantas horas semanais adoitan adestrar as ximnastas?
De media as ximnastas adoitan adestrar unhas 4 horas semanais, por mor da falta de horarios de pavillóns.
Vostede tamén practicou ximnasia rítmica? Formou parte dalgún club ó longo da súa traxectoria profesional?
Si, eu practiquei este deporte dende nena comenzando no club Sarria, para logo pasar o club Quicela de ximnasia rítmica cando o club Sarria se desfixo, de aí a miña dedicación e paixón por este deporte.
Veñen de gañar recentemente algunha medalla ou premio nalgún campionato? Teñen previsto participar nalgún a curto prazo?
Recentemente o equipo sénior clasificouse no campionato provincial acadando o pase directo ó campionato galego.
Polo momento non temos previsto participar en ningún campionato posto que a temporada comezara sobre o mes de marzo.
Como se pode formar parte do club Aixa?
Para formar parte do club Aixa é moi sinxelo, so hai que chamar a este número de contacto 626 965 053 ou enviar un correo electrónico ó enderezo jenniqc@hotmail.com
Que proxectos pensan levar a cabo en Sarria nun futuro?
Como proxectos para o futuro pretendemos seguir co club e intentar mellorar na medida do posible.
Aida Sobrado Rodriguez, ximnasta do club Aixa, danos tamén a súa opinión sobre este deporte.
Porque comenza a practicar ximnasia rítmica e que lle aporta na súa vida diaria?
Comecei a practicar a ximnasia rítmica con 3 aniños porque xurdiu como actividade extraescolar e pareceume interesante, os meus pais foron os que deron o paso de apuntarme e foi o mellor que puideron facer. Co transcorrer dos años a miña afección por este deporte foi en aumento ata o punto de investir 15 anos nel.
Considero que foi unha das mellores experiencias da miña vida, xa que ensinoume a traballar en grupo e a controlar as emocións, ensinanzas que me acompañan no meu día a dia.
Como definiría o vínculo creado coas compañeiras do club?
É un vínculo que ten como base a amizade. Son moitos os adestramentos e momentos vividos en grupo grazas ós cales se crea unha forte relación entre nós. Para min o club é como unha familia formada polas compañeiras e sobre todo polas adestradoras, que son un apoio fundamental.
Que sinte cando sobe ó tapiz?
Síntese unha combinación de nervios, ledicia e incluso medo. Para unha ximnasta saír ó tapiz é demostrar en menos de tres minutos o que levas traballando meses. Recordo con agarimo os instantes antes de saír, cando o club te está animando e mostrando confianza en ti.
Gañou algún premio ó longo da súa traxectoria?
Ó longo da miña traxectoria gañei moitos premios en competicións realizadas por diversos clubs de ximnasia rítmica. A nivel provincial logrei clasificarme tres veces para o campionato galego tanto na categoría de benxamín e alevín como, este derradeiro ano, co conxunto sénior.
Recomendaría a practica de ximnasia rítmica a outros nenos e nenas?
Por suposto. A ximnasia é un deporte que che ensina a convivir e traballar en equipo, a xestionar as emocións e sobre todo a desfrutar practicándoo. Animo a todos, tanto nenas como nenos, a probar e introducirse no fantástico mundo da ximnasia rítmica.