Entrevista César No: "O meu maior referente é a miña avoa"

SarriaXa
Entrevista a César No, contador de historias con raíces en O Incio y Sarria. Su gran pasión proviene de su abuela.
Cesar No 3
6 Xuño 2022

A vinculación de César No coas historias nace dende moi neno cando a súa avoa, orixinaria de Cabude, no Incio, lle contaba chistes, historias, contos e relatos.

Quen é Cesar No?

É unha pregunta complicada, describirse a un mesmo é difícil. Eu diría que César No é unha persoa entusiasta e inquieta.

A que se dedica?

Actualmente son o responsable de marketing dunha empresa de implantes dentais de Sarria que traballamos a nivel nacional e internacional e nos meus ocos libres son creador teatral, contacontos e narrador oral.

Como nace a súa vinculación coas historias?

Da miña avoa, é do Incio de Cabude. Dende que eu era pequeno ela sempre me estaba contando historias, contos, chistes e foi un pouco o que espertou o meu interese por todo o mundo literario, narrativo, creativo e artístico. Posteriormente, na miña adolescencia diría que o fun perdendo ata que anos despois volvín a recuperalo renacendo en min un interese que xa non se vai ir.

Ser contador de historias é un pasatempo ou é algo ao que lle gustaría dedicarse profesionalmente?

Realmente gústame e, por ese lado, podería dicirse que é como un pasatempo aínda que agora mesmo xa considero que me dedico profesionalmente á narración oral.

Existe algún tipo de formación específica ou ser contador de historias é algo co que se nace? Pódese practicar e adestrar?

A formación sempre é un punto importante para todo na vida, temos que estar continuamente avanzando, formándonos e crecendo. É verdade que no mundo artístico ten que haber un punto que ven intrínseco nos seres humanos e cada un terá o seu que é o que fai que destaque. Eu teño unha tradición como narrador máis galega, máis vinculada ao mundo rural e, outro narrador, terá uns nexos e referentes diferentes aos meus e, non por iso será mellor ou peor, será diferente e gustará a outro tipo de público. Por iso, a formación é moi importante.

Eu formeime en Vigo como director teatral e despois fixen un curso como narrador oral. Ese curso para min foi o punto de partida para comenzar a contar historias a outras persoas.

En todo na miña vida a formación é algo fundamental, estou constantemente intentando aprender e actualizarme.

Sarria tivo algo que ver na súa afección de contar historias?

Eu creo que tivo máis que ver O Incio, Sarria tamén porque ao final crieime na vila, excepto os anos que estudei fora. Toda a miña bagaxe, a miña educación provén de Sarria entón evidentemente de onde un é, é de onde veñen todos os referentes e impulsos para facerte, formarte ou interesarte por algo. Sen dúbida diría que a miña afección ven ligado á miña familia e a súa historia.

As historias e contos que conta son obra súa?

Teño de todo. Teño historias que son versións que eu fago doutros contos. Teño unha historia do frautista de Hamelín ambientada nunha era tecnolóxica e é unha versión que construín eu. Tamén teño outra historia que parte do pito Cairo. Historia tal cal non teño ningunha, fago a miña propia versión e adapto a miña forma de contar.

Habitualmente adapto a historia ao escenario, ao publico, ao conto, ao que eu considero que se deber transmitir segundo o momento. Hai contos que se recoñecen facilmente e outros creados por min desde cero.

Sarria ou o Incio inspira ou é escenario dalgunha das súas historias?

Si, teño algún conto que fala de Sarria que é un conto bastante coñecido O gato no árbore, eu ambiéntoo no parque do Chanto. Teño outros que localizo en Cabude. Gústame sobre todo que o público recoñeza os lugares onde se ambienta a historia.

Normalmente, nas miñas actuacións eu preséntome, digo de onde son e convido aos asistentes a coñecer Sarria que é un lugar marabilloso. É habitual que alguén do público teña algunha vinculación con Sarria, xa sexa familiar, turística, etc.

Sinte apoio dende a administración sarriá na súa carreira como contacontos?

Si, eu creo que o Concello mostra interese polos artistas locais.

O ano pasado organizamos en Sarria o primeiro festival de narrativa oral, foi unha proposta que lle fixemos ao Concello e inmediatamente a levaron a cabo. Trouxemos artistas moi recoñecidos como Santi Prego que estivo nomeado aos Premios Goya como actor revelación, trouxemos a Cris de Caldas, Lorena Pinheiro, Ernesto Is, Nerea Brey e todo iso grazas ao Concello e ao apoio que nos deron no momento.

Do mesmo xeito, aínda en Semana Santa conseguimos encher a casa da cultura para facer unha sesión de contos. Esta ía ter lugar no Nadal pero tívose que suspender pola covid, e, en todo momento sentín o apoio tanto do Concello como da xente e os veciños de Sarria.

Cales son os seus referentes?

Pois o referente principal eu diría que é a miña avoa. Aínda que todos temos outros referentes como Campanari, Ana Carreira que é unha narradora excelente de Lugo, e foi tamén unha das profesionais que impartiu o curso co que me iniciei ou Paula Carballeira e Raquel Queizás que me ensinaron a navegar no mundo dos contos.

A que máis dedica o seu tempo libre? Cales son as súas afeccións?

Gústame moito practicar deporte, evidentemente ao ser director teatral, gústame moito acudir ao teatro e ver todo tipo de espectáculos. A lectura é algo que ultimamente practico menos, por falta de tempo, pero que tamén me apaixona. Ademais de estar cos meus amigos e a miña familia no tempo que me queda.

O ano pasado tivo lugar o I festival de contos e narración oral de Sarria, estase a organizar algo similar para este verán?
Si, estamos rematando de pensar. Creo que existe unha sinerxía positiva con outro festival de Sarria que se chama Sarria Sorrí que trae artistas nacionais e internacionais. Estou traballando tamén cunha empresa sarriá Etiqueta Negra coa que colaboro nalgúns proxectos. Eu creo que se vai vir algo bonito.

A idea é que Narra Sarria continúe, creo que este ano temos un reto difícil, os primeiros anos son complicados porque a xente non sabe o que vai ver entón, tivemos pouco público pero fiel. Repetíase contada tras contada. Melloraremos algúns aspectos que na primeira edición frouxearon e creo que vai ser algo positivo. Todo o que se faga é bo para a educación, a nivel social e a nivel de entretemento.

Como foi a acollida desta actividade na súa primeira edición?

Foi moi boa, tivemos oito sesións de contos, grandes artistas e espectáculos que estaban con moi boa afluencia de público. Algo normal nunha primeira edición, algúns espazos que se escolleron non foron adecuados para o tempo, coincidiunos algún espectáculo as 12.30 do mediodía no Malecón pegando o sol, e, deses erros aprendemos e este ano será diferente. Creo que a acollida foi moi boa, a xente foise enterando, acudindo e respondendo ben. Os nenos e nenas que viñeron aos espectáculos infantís desfrutaron e os de adultos funcionaron ben tamén. Este ano temos que traballar por mellorar a asistencia.

Como influíu a Covid na súa actividade?

Influíu en que estivemos bastante tempo parados. Porén, como é un mundo creativo aproveitamos ese “inpass” para continuar pensando, desenvolvendo novas facetas e formándonos. Para min a volta foi rara. A miña foi nunha biblioteca en Vigo e nun lugar no que antes había 50 nenos agora había 15 porque tiñan que ter unha distancia dun metro e medio, estar sentado, un escenario totalmente diferente. Os narradores temos que ter a capacidade de adaptarnos a estes cambios, cambian as formas de interactuar con eles e, pouco a pouco, estase volvendo a unha normalidade, habendo máis publico. O máis difícil ao principio era o medo, a desconfianza, non só para os asistentes senón tamén para nós. Non estaba claro cal era o procedemento a seguir nin as medidas que había que tomar, non se sabía se nós tiñamos que levar máscara ou non, o peor sempre é a incerteza.

Pese a todo, creo que o sector sacou músculo, se asociou, que non sempre é fácil, e que agora estase volvendo a unha normalidade moi positiva.

Ten algún novo proxecto entre mans?

A nivel narración eu sigo creando diferentes espectáculos, con diferentes contos para diferentes públicos. Estamos traballando no Narra Sarria e temos entre mans un par de proxectos con esta outra empresas que de momento non podemos anunciar pero que van a ser a nivel galego e fóra de Galicia proxectos de gran calidade, espectáculos teatrais que van a supoñer un punto forte para o teatro e para nós.

Que obxectivos se marca de cara ao futuro?

Eu creo que os obxectivos son sinxelos sempre, outra cousa é que consigamos alcanzalos. Un dos obxectivos é continuar aprendendo, algo fundamental. Continuar escoitando historias, continuar coñecendo e desta forma conseguir transmitir e crear emocións. Esta é unha das cousas máis bonitas que lle pode pasar a alguén quer se sube a un escenario.

Outro obxectivo é continuar nesta liña e abarcar proxectos grandes, eu sempre teño en mente que se faga algún dia en Sarria un espectáculo que conte a historia da noite meiga, unha historia que creou á vila e que se pode contar moito máis e facernos aínda máis grande como pobo.

E despois, evidentemente, continuar neste camiño e no mundo do márketing, tamén son unha persoa apaixonada do márketing e no mundo empresarial, o feito de ser narrador é algo moi positivo no meu traballo profesional diario. No márketing temos que comunicar, verbalizar as intencións dun produto ou empresa polo que se complementan moi ben.

Como ve a César No en 10 anos?

Boa pregunta. Miro o presente aínda que dentro de 10 anos será o mesmo que é agora unha persoa humilde que lle gusta estar cos seus e que pase o que pase así seguirá sendo, unha persoa inquieta.

0.13524889945984