Geni Valcárcel, concelleira de Sarria: “Coa violencia nunca debemos mirar para outro lado”
Falamos con Geni Valcárcel, concelleira de Igualdade en Sarria, que nos conta os actos que se teñen previsto celebrar.
Con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller hoxe día 25, que actos se celebrarán en Sarria?
Terá lugar na vila de Sarria a partir das 19.00 horas a charla coloquio Profesionais ao servizo da convivencia sen violencia.
O Salón de Sesións da Casa da Cultura do municipio acollerá esta charla coloquio que comezará coa recepción dos asistentes e posteriormente terá lugar a benvida e presentación da charla na que participará tamén o alcalde, Claudio Garrido.
Ás 19.30 horas comezará a charla na que intervirán Javier Hernández e Jose Ramón Boo (gardas civís pertencentes ó Equipo de Violencia de Xénero da Compañía de Monforte de Lemos), Covadonga González López (letrada ICA Lugo, colexiada que exerce no Colexio de Avogados de Lugo e está adscrita á quenda de Violencia de Xénero) e Sergio Orduña Alonso (maxistrado-xuíz titular do Xulgado de Violencia de Xénero de Lugo).
Pensa que a cidadanía está suficientemente concienciada coa violencia de xénero?
Nunca é suficiente a concienciación por parte dos cidadáns. Nós dende o concello non queremos manifestar a nosa repulsa cara a violencia contra as mulleres neste mes de novembro, pensamos que é esencial que ó longo de todo o ano se leven a cabo actividades e se colabore e apoie esta loita dende unha institución tan importante como é o concello e é o que intentamos facer.
Facemos un chamamento para que ninguén mire para outro lado. Invitamos a que a xente actúe e non normalice certos comportamentos xa que hai determinadas vivencias e actuacións que teñen lugar nos fogares e non son cousas de familia, nin de matrimonio. Non as debemos ignorar e polo tanto debemos denuncialas.
Para iso hai un teléfono habilitado, o 016, que non deixa ningunha pegada no marcador do teléfono. Hai que alzar a voz e non esperar a que sexa demasiado tarde.
Que opina acerca da educación que reciben os nenos e nenas dende que son cativos?
Con respecto á educación é fundamental que eduquemos en igualdade. É de vital importancia educar no respecto e na igualdade, sen sexismos nin diferenzas. Somos todos iguais independentemente do noso xénero.
Por iso, é moi importante a educación de base dende as casas, dende os centros educativos, dende os centros deportivos e dende tódolos ámbitos nos que nos movemos en xeral.
Non debe ser un 8M ou un 25N unha data para que a muller sexa tida en conta, a muller ten que ser tomada en conta tódolos días do año non soamente nestas datas. Non se pode aprobar, tolerar, permitir ou consentir ningún tipo de maltrato. O 25N débenos lembrar que non estamos por enriba de ningún home pero tampouco estamos por debaixo.
Que programas están a desenvolver agora en Sarria por e para mulleres?
Sarria ten un colectivo moi importante de familias estranxeiras e agora mesmo estamos a desenvolver un programa de clases en español para favorecer a súa inclusión na vila, para axudalos a superar os problemas co idioma cando chegan aquí.
Pero non é un programa dedicado propiamente a mulleres xa que non quixemos segregar nin separar por xéneros. As clases están dirixidas tanto a homes como a mulleres, tamén para que os homes se integren no mundo das mulleres e viceversa.
O obxectivo principal deste programa é que as persoas estranxeiras poidan integrarse con tódalas facilidades, chegar a conseguir un emprego e non dependan economicamente de ninguén. Pero tamén crean un vínculo moi forte e importante coa persoa encargada de impartir as clases xa que con ela poden ter alguén con quen falar, alguén a quen contarlle os seus problemas ou informarse de calquera cosa... Moitas veces elas e eles chegan a Sarria e non saben a quen recorrer nin como desenvolverse. E esta persoa consigue axudalos a nivel de papeleo, tamén con temas dos seus fillos... Así homes e mulleres se integran e normalizan a súa situación.
Hai que abrir portas dende moi distintos ámbitos e de diferentes maneiras pero gustaríame resaltar que o máis importante é que coa violencia nunca debemos mirar para outro lado, todos temos que ser esa voz que igual esa muller non levanta por medo.