Entrevista: "Escribir 'Eres sombra' supuxo todo un desafío"
Os amantes da novela negra están de noraboa coa saída ao mercado de 'Eres sombra', o último libro da escritora lancaresa Rocío López Núñez. A novela ve a luz despois de catro títulos anteriores, avalados por excelentes críticas, e sen deixar de lado o xénero no que mellor se desenvolve a autora. Este venres, adaptándose ás esixencias que impón a actual situación sanitaria, Rocío López presentaba 'Eres sombra' a través das redes. Repasamos con ela a súa traxectoria.
En que momento decide embarcarse na escritura?
Foi no ano 2011, cando perdín o traballo ao que lle dedicara os últimos 11 anos da miña vida. Tiña dúas opcións: cruzarme de brazos e caer nunha depresión ou tratar de reciclarme, descansar un pouco e facer algo distinto. Nunca valín moito para estar sen facer nada, polo que fixen varios cursiños de idiomas e cousas para as que antes non tivera tempo, e comecei a escribir unha historia que me axudase, primeiro, a pasar o bache e segundo, a sentirme ben. Para nada o fixen con intención de publicalo, e digo isto de verdade. Así naceu 'Nunca volverás a Pikeville', onde descubrín que escribir era un dos motivos polos que me erguía polas mañás. É indescriptible o que se sente cando se escribe. Afortunadamente para min, o meu marido animou e financiou na sua totalidade a búsqueda e saída ao mercado deste libro, por medio dunha editorial de autoedición. Foi a primeira persoa que confiou en min como escritora. O que veu despois foi toda unha sorpresa.
Como lembra eses inicios?
Pois principalmente como unha aventura que non ía a ningún sitio. A miña primeira obra foi escrita na intimidade, só dúas persoas o sabiamos, entón a principal vantaxe é que careces de presión. Escribir foi para min un salvavidas. Afortunadamente, só pasei uns meses sen traballo, así que despois chegaron os momentos máis duros, porque eu necesitaba escribir, pero xa non tiña tempo. Polo tanto, a nova situación requiriu un esforzo tanto físico como mental moi duro, e fun rematando o libro a base de horas de sono e momentos roubados á parella e á familia. Necesitaba rematar de escribir xa, era unha cuestión de amor propio.
Pensou nalgún momento en ‘tirar a toalla’?
Cando tes varios libros á espalda, e lectores que te apoian, esa posibilidade non pode estar no teu pensamento. Sin embargo si pasei por un momento durísimo cando tomei a decisión de abandoar a editorial Angels Fortune Editions, que editara os libros 'Ladrona de vidas', 'Olvídate del cielo' e 'Nunca fuimos buenos'. Foi un momento moi duro, impulsado por motivos persoais e polas ganas de arriscar e ampliar horizontes. Afortunadamente, saíume ben pero podía saír moi mal.
Para min é impensable abandoar, cando escoito, leo ou me chaman lectores que viven as miñas historias como se foran parte da súa vida, cando sabes que contan contigo, e que fuches capaz de xerar emocións tan fortes como as que as miñas historias lles provocan. Podes vender máis ou menos, pero un escritor ten a obriga de seguir adiante, por sí mesmo e polos seus lectores, sin os que eu particularmente non son nada. Que un lector che diga que foi capaz de sentir unha cidade, de verse bailando cun protagonista ou mesmo sentir rabia pola morte dunha personaxe…eso fai que sentarse ante un folio en branco, teña sentido para min.
Que atopará o lector en 'Eres sombra'?
Algo que non espera en absoluto. Un cambio de historia, de personaxes, de cidade e de formato de escritura. Atopará unha historia tan contundente e arrebatadora que a súa atención quedará secuestrada desde o primeiro capítulo. Nesta novela entrelázanse unha historia de asasinatos e a desaparición dunha nena, co forte empeño da protagonista por investigar contra todo e contra todos, como método para salvarse a sí mesma.
Non segue a liña das miñas anteriores obras, porque chegados a este punto, tiña a necesidade de ofrecer algo novo, aire fresco e saír dunha zona na que xa me sentía segura. Isto supuxo todo un desafío posto que tiven que estudiar a psicoloxía dunhas personaxes descoñecidas e dunha cidade tamén nova para mín.
Onde atopa inspiración?
A serie 'Policías de Nueva York' deixou unha pegada moi forte en min cando era pequena, e as novelas de misterio foron desde sempre a miña lectura favorita. Supoño que todos buscamos o que nos aporta unha maior emoción.
Por qué os Estados Unidos como escenario das súas historias?
Teño adoración polos Estados Unidos, para ben e para mal, coas súas cousas boas e coas malas, que son moitas. É un lugar onde calquera historia ten cabida. Provoca emocións que non son capaz de explicar.
Está a comarca de Sarria presente dalgún xeito nas súas obras?
Non na historia, pero sí en quen a escribe. Son lancaresa, e sarriana de adopción, e aí é onde paso case toda a miña vida. Sempre procuro que se sepa que ambos son os meus lugares e gústame nomealos sempre que podo. As miñas obras sempre se estrearon en Sarria.
Que sente cando xente do sector a compara con Stephen King?
É unha esaxeración. Considero a Stephen King o mellor escritor da historia, un auténtico provocador de emocións. Eu só trato de ser mellor cada día e seguir aprendendo e mellorando. Para min o realmente importante é que os meus lectores me digan que as miñas obras están á altura de moitas novelas das máis vendidas e promocionadas, eso é o máis importante. Un motivo de esforzo máis.
Consagrada como escritora de novela negra, as súas obras son garantía de éxito… pensa xa nun sexto libro?
Por suposto. O parón pola pandemia retrasou moito a saída deste quinto libro, pero adiantou a seguinte historia. Actualmente está bastante adiantada xa.
Que lle diría aos escritores que están empezando?
Que non cometan o erro de sacar un libro ao mercado, sexa o que sexa, sen que estea ben corrixido. Que se apoien en empresas especializadas que ofrecen un traballo de calidade, porque podes lanzar o teu primeiro libro autopublicado e subilo a unha plataforma de xeito moi barato, ou caer en mans de xente que di que é unha editorial pero que non a é. Corrixir e sacar un libro ben feito costa cartos. Ese traballo profesional hai que pagalo. Do contrario, como digo, o primeiro libro sácalo sen problema, pero o segundo xa non cho vai ler ninguén. Conseguir entrar nunha editorial tradicional é moi complicado, pero que non renuncien a escribir por ese motivo. Unha cousa é que nunha edición se escape unha errata ou dúas, outra cousa moi distinta é pensar que vale todo. Todos os escritores necesitamos axuda e moita corrección.
Está vostede tamén dedicada agora precisamente ao sector da edición, cómo xurdiu esa iniciativa?
Foi un pouco froito da necesidade. Levaba certo tempo facendo ese tipo de traballo para outros, e decidín deixalo por unha serie de motivos. Gracias á axuda de dúas compañeiras, ese traballo estouno facendo agora a pequena escala na miña propia empresa. Principalmente facemos traballos de corrección, maquetación, diseño, asesoría e publicidade para terceiras empresas e escritores independentes, pero tamén temos un selo propio con varios libros publicados.