Manuel Sangil, presidenta da SD Sarriana: "Hai que agradecerlle á vila de Sarria toda a colaboración"

SarriaXa
A Sarriana quedou o pasado domingo a un gol do ascenso a Terceira división. O presidente Manuel Sangil valora unha tempada para recordar.
sarriana
8 Xul 2021

A Sarriana quedou a tan só un gol do ansiado ascenso a Terceira división. Agora, o presidente Manuel Sangil valora en frío unha tempada para recordar.

Como valorara esta tempada despois de quedar a un gol de ascender a Terceira división?

Hai que resaltar que foi unha tempada atípica na que se notou a brevidade da competición e o feito de que non houbera marxe de erro. A nosa aspiración este ano era loitar polo ascenso, algo que non conseguimos por un gol. Sen embargo, era algo previsible dentro do que podía pasar xa que en catro partidos calquera pode quedarse polos pelos de ascender como nos pasou a nós. Pero bueno, nun balance xeral da tempada, eu véxoa boa.

Considera entón que se conseguiron cumprir os obxectivos que se marcaron a principio de tempada?

A nosa aspiración nesta tempada foi dende un primeiro momento ascender, algo que non puidemos lograr. A pesar diso, hai que resaltar que foi o mellor posto no que quedou a Sarriana na clasificación da liga Preferente. Nunca na historia quedara nun terceiro posto nesta liga. Agora hai que valorar o que hai e os resultados en frío; claro que foi un chasco quedar a só un gol do ascenso, sen embargo, é indudable que foi unha tempada boa.

Outro aspecto a destacar é o ano do equipo xuvenil da Sarriana, que logrou chegar á final do play off de ascenso á liga galega contra o Ribadeo co que caeu derrotado. Tanto este coma o do equipo senior foron dous feitos históricos, porque os xuvenís só ascenderan unha vez dende que se creou o equipo. Por iso, o que é a tempada a nivel de resultados foi moi boa.

Considera que a Sarriana se merecía máis nesta tempada?

Cando se chega a un play off con seis equipos, os seis son grandes e non van a pór as cousas sinxelas. Nós na primeira fase enfrontámonos a equipos da provincia de Lugo e, por entidade, por xogadores e por presuposto, estaba claro que o noso equipo tiña que estar na segunda fase. Sen embargo, nesta segunda fase todos os equipos eramos moi similares en moitos aspectos e aspirabamos ao mesmo co gran problema de que só había dúas prazas. Nós quedamos ás portas e agora hai que pensar en intentalo de novo para o ano que vén a ver se podemos ascender. Foi unha oportunidade histórica porque eu creo que a Sarriana nunca estivo tan cerca de ascender a Terceira división como nesta ocasión.

Que destacaría da tempada?

Cabe destacar o grupo que se formou este ano. Tan só quedara unha plantilla duns oito ou nove xogadores do ano pasado; o resto de xogadores viñeron novos e acopláronse moi ben a Sarria. Viñeron polo novo proxecto que se programara; novo adestrador, novos xogadores… Hai que destacar a súa adaptación a Sarria e ao club.

Outro aspecto que quero resaltar é a involucración que tivo a vila de Sarria coa Sarriana. Estivo o campo cheo todos os días que xogamos no estadio municipal da Ribela na fase de ascenso e é algo que hai que agradecer. De feito, no último partido, que foi en Noia, asistiron 130 aficionados de Sarria que se desplazaron ata alí. Eu penso que foi un feito histórico para Sarria por como se involucrou o pobo co equipo. Foi todo un récord a nivel de socios e tamén en canto ás empresas que, a pesares de ser unha tempada reducida e atípica, continuaron colaborando da misma maneira que outros anos. Eu vexo que foi un éxito en todos os niveis, por iso hai que agradecerlle á vila de Sarria toda a colaboración no que, ao final, non puido ser.

 

Entón, non notou o club falta de público a causa da situación?

Para nada. Sí que é certo que nos primeiros partidos, que foron no mes de marzo, a xente viña con máis medo, pero a medida que iba pasando o tempo e que os afecionados e afecionadas se comezaron a adaptar e a acoplar ás medidas de seguridade que se adoptaron no campo, foi moi sinxelo e houbo unha gran resposta. Nos partidos de promoción, de feito, tivemos que pór gradas supletorias para aumentar o aforo. Eu non acordo ver o campo da Sarriana con tanta xente coma nestes partidos de promoción.

Considera que houbo algún aspecto negativo?

Considero que nesta tempada non houbo aspectos negativos. Quizá o único negativo que vexo foi quedarse a un gol do ascenso porque é algo que imos recordar toda a vida, como cando o Deportivo perdera a Liga por fallar un penalti no último minuto. Ambos nos imos acordar disto toda a vida. Cando te quedas tan cerca de algo, quedas frustrado e recordalo sempre. Quitando iso, non considero que haxa aspectos negativos nesta tempada.

Como levou a Sarriana a pandemia?

Foi complicado. Ao fin e ao cabo, un día decíanche unha cousa, outro día decíanche outra... Cada vez era algo diferente. Ademais, non había unha data concreta de inicio e os xogadores non sabían cando se ía poder comezar a competición; ao primeiro era no mes de setembro, despois en decembro e, finalmente, tivemos que comezar en marzo.

Estase a traballar na seguinte tempada?

Non, de momento non. Polo de agora, imos ter unha asamblea o venres que vén para falar cos socios. Eu, no que respecta a primeiros do ano que vén, cumplo os catro anos de mandato como presidente do club e quería ver si houbera a oportunidade de que algún socio dera o paso de coller o club, pero de momento... Eu, na anterior asamblea, xa lles comentara aos socios a miña idea de que sería o meu último ano se non había ascenso. O problema é que a tempada acabou a finais do mes de xuño e non hai marxe de manobra para poder realizar nada en estos momentos. Agora faremos unha asamblea de socios e expoñeremos a nosa idea para ver o que din eles. Eu, a verdade, levei unha desilusión enorme o pasado domingo cando non ascendemos a causa dun gol pero, actualmente, non podo deixar o club porque sería abocalo á desaparición. Non hai marxe de manobra. Por iso, no prazo dun ano e dependendo de como surxen as cousas, quero convocar eleccións para a siguiente tempada.

sarriana-ribadeo
sarriana-futbol-campo
0.20684599876404