Álvaro Arrojo, de Val de Láncara: "Intentaremos que Val de Láncara manteña os seus eventos, no mesmo formato ou noutro"

SarriaXa
Falamos con Álvaro Arrojo, tesoureiro da asociación cultural Val de Láncara, da historia do colectivo e dos proxectos que ten a recén estreada directiva
asociacion-val-de-láncara
14 Mar 2021

No ano 1992 nacía a Asociación Cultural Val de Láncara, co ánimo de dinamizar a vida social e cultural do municipio. O éxito de eventos como a malla ou a entrega de premios 'Facer país' deron forza a este colectivo que, en plena pandemia, apostaba por renovar, por vez primeira, a súa directiva. Un grupo de mozos e mozas tomou o pasado ano o relevo coa idea de manter o legado dos seus antecesores. Ilusión e novos proxectos non lles faltan.

Falamos con Álvaro Arrojo, tesoureiro da asociación.

Como coñeciches a asociación?

A asociación fundouse no ano 1992, e moitos dos que a crearon son os pais ou avós dos que agora tomamos o relevo, polo que sempre estivo moi presente na vida do pobo, e todos coñecemos a asociación e desfrutamos da súa actividade dende nenos.

E como chegaches a formar parte da directiva?

Con motivo do relevo de cargos da asociación, levamos a cabo varias reunións. Nunha delas eliximos os cargos, en realidade trátase de algo máis formal que efectivo, pois todos axudamos no que podemos e aportamos por igual.

A asociación renovouse o ano pasado, como xurdiu ese relevo?

A verdade é que xa ían varios anos sen renovarse os cargos. Era un cambio necesario, pois algúns membros da anterior directiva xa eran moi maiores e todos levaban moitos anos coa responsabilidade de organizar as actividades e os distintos eventos. Tamén o falecemento de Manolo (Manuel Fernández Arrojo) precipitou esta decisión, pois el era un piar fundamental da asociación.

Seguen colaborando convosco os membros da anterior directiva?

Si, seguen colaborando a día de hoxe e están moi pendentes da actividade da asociación. Como dicía antes trátase dunha asociación na que moitos dos que estamos agora somos fillos ou netos dos anteriores, de modo que os temos moi preto e consultamos con eles todas as dúbidas que nos xorden.

O cambio na directiva chegou en tempos marcados pola pandemia da covid, como lle está a afectar á asociación?

Loxicamente tivemos que adaptar moitas das actividades ás restricións derivadas da pandemia. Por exemplo, os Reis Magos visitaron as casas dos nenos en lugar de facer a cabalgata que se viña realizando todos os anos. Tamén fixemos un Entroido virtual nas redes sociais que tivo moi boa acollida e participación. Por outra parte, continuamos a facer as actividades de música, baile e pandeireta tradicional limitando os aforos, e incluso durante o mes de febreiro tivemos as clases de maneira telemática, dada a especial situación de restricións.

Desde a asociación promovestes ademais accións solidarias como un servizo de entrega a domicilio para dependentes, como xurdiu a idea?

Temos varias reunións nas cales propoñemos ideas e actividades. Esta idea en concreto xurdiu co propósito de protexer aos veciños máis vulnerables, tratando de evitarlles desprazamentos e, polo tanto, posibles contaxios.

A Asociación Cultural Val de Láncara organiza numerosas actividades durante todo o ano. Seguirá nesa mesma liña?

Certamente non podemos esquecer o traballo ben feito pola anterior directiva, e a festa da malla ou o premio 'Facer País' son algúns dos eventos máis destacables debido á súa repercusión. Tamén o curso de piragüismo no verán ou a festa do magosto, eran actividades que tiñan moi boa acollida. A pesar de que, como consecuencia da pandemia, dende que tomamos o relevo non puidemos realizar ningunha destas actividades, temos a intención de manter todos os actos e eventos que se viñan facendo. A idea en calquera caso é organizar os eventos normalmente sempre que sexa posible, e se chegado o momento isto non se puidera facer, valoraremos o cambio de formato tal e como fixemos no Entroido.

Tedes ademais algún novo proxecto en mente?

Si, por exemplo a principios do mes de marzo ofertouse un curso online de prevención de riscos laborais orientado aos sectores agrícola e gandeiro, organizado polo Sindicato Labrego Galego. Por outro lado, e coincidindo coa Semana Santa, pensamos en organizar un contacontos e unha actividade de manualidades para os nenos e as nenas. De cara ao verán miraremos de organizar seráns de música en directo en diversos lugares cun atractivo natural. Non obstante, estas e outras actividades que temos en mente a medio prazo teranse que ir adaptando en función da situación sanitaria do momento. En calquera caso, iremos publicando nas nosas redes sociais todas as actividades e eventos que organicemos.

Con que apoios contades para levar a cabo a vosa actividade?

Contamos coas cotas dos socios, cos que estamos moi contentos e agradecidos polo seu apoio e pola acollida que nos deron. Tamén contamos coas aportacións das persoas que participan nas actividades, a día de hoxe as de música, baile e pandeireta tradicional. Por outra parte, contamos coa axuda do Concello de Láncara, e temos a idea de solicitar algunha subvención á Deputación.

Que agardades para o ano 2022?

Para o ano 2022 esperamos aumentar o número de socios, a participación dos veciños nas actividades, e que a situación sanitaria nos permita, por fin, poder retomar con normalidade a organización dos eventos que se viñan realizando e que xa eran toda unha tradición. Con respecto ás actividades de música, baile e pandereta tradicional, que xa se están a facer este ano, gustaríanos que os máis cativos se animasen e formar un grupo infantil. Pero, sen dúbida, o que máis agardamos é que todos os socios e veciños disfruten das actividades, participando activamente nos actos da asociación.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14842414855957