Jose Parada, cofundador de Celtic Riders: “Ir a Pingüinos foi unha das mellores experiencias que un pode vivir no mundo das motos”
Falamos con Jose Parada, cofundador do grupo de motoristas Celtic Riders do Incio.
- Cales son as orixes dos Celtic Riders? Cando e porque se forma o clube e por cantos membros está constituído na actualidade?
As orixes dos Celtics remóntanse a hai dous años cando un amigo (Mario) e eu, creamos un punto de encontro para motoristas da zona de O Incio para que tiveran a opción de saír de ruta acompañados dada a perigosidade de saír por este tipo de estradas en solitario. Queríamos agrupar a tódalas persoas do concello que compartísemos gustos e afeccións.
Actualmente o club está formado por uns vinte compañeiros dos cales sete ou oito estamos activos semanalmente.
- Cal é a orixe do nome? A quen se lle ocorreu?
O nome púxoselle en homenaxe á Galicia máis celta que aínda a día de hoxe pódese apreciar na Galicia máis profunda, sen ir máis lonxe aquí no Incio pódense apreciar bastantes mostras disto en forma de castros (malia que non moi ben conservados).
- Hai integrantes de tódalas zonas e idades? A paixón polas motos tédela dende pequenos ou hai alguén que leve pouco no mundillo?
En canto á diversidade do grupo é bastante dispar, dende cataláns, madrileños ou galegos ata integrantes nados no estranxeiro. O rango de idade vai dende os 25 ata os 45 anos (actualmente) e ao fin de contas, a diversidade é algo que enriquece sempre e cando se comparta o amor polas dúas rodas.
En canto á zona de Galicia, temos integrantes de: Sarria, Quiroga, Monforte, Chantada, Pobla do Brollón e tamén de Lugo.
- Cómo son as rutas que adoitades a facer?
As rutas que facemos teñen lugar os fines de semana e as cortas adoitan ser duns 200 quilómetros en total, xeralmente polas zonas de Ourense ou Lugo e de maneira ocasional preparamos rutas especiais.
A paixón polas motos por regra xeral ven dende nenos e así sucede coa gran maioría de membros deste club. En canto ao meu caso en concreto, empecei no mundo hai 3 anos (un ano antes do inicio dos Celtics). Ninguén sabe cando te chega a chamada das dúas rodas, só sei que neste espazo de tempo levo comparadas xa 3 motos.
- A mellor ruta que lembredes ou unha que fixerades con especial cariño?
Unha ruta que creo que todos temos como especial empezou como unha ruta corrente de fin de semana e acabou con 12 compañeiros comendo un bacallau en Portugal.
O ano pasado, varios dos compañeiros dos Celtics decidimos ir a Pingüinos e sen dúbida foi unha das maiores experiencias que un pode vivir no mundo das motos. Asociación, confraternidade e diversión foron os protagonistas deses tres días.
En canto á viaxe a Portugal, non é máis que unha mostra de como cambiou a miña vida dende a chamada ás dúas rodas, pasar de viaxar en coche ou avión e quedarme a durmir en hoteis para agora moverme en moto e durmir en tendas de campaña.
Tanto Pingüinos coma a viaxe a Portugal pódense ver na canle de youtube CeltayHaiass, xa que fixen un motovlog para que todo o mundo puidera saber de primeira man como se viven este tipo de experiencias.
- Acabades de estar en Portugal, en As Nogais, agora ides a participar na concentración motorista Pingüinos de Valladolid... Cales son as próximas rutas e actividades que tedes previstas?
Este ano que se presenta (2023) dirixímonos a Motauros, xa que antes de decidirnos por ser fieis a unha concentración invernal, temos a necesidade de probalas todas. Ao igual que o ano pasado, faremos unha publicación nos distintos perfís dos Celtic Riders en redes sociais, para convidar a todo o que queira a unirse á viaxe a Motauros.
Esta é unha iniciativa que os Celtics facemos xa que no meu primeiro ano no mundillo quixen ir a Pingüinos e non puiden debido a que non coñecía a ninguén con quen ir. Grazas a esta iniciativa, coñecín ao que actualmente é un dos meus mellores compañeiros motoristas.
- A parte de rutas, que outras iniciativas levades a cabo dende a asociación? Nestas rutas só poden participar os que pertenzan ao club ou todos os interesados? De ser así, como poden inscribirse?
Nas rutas todo o que queira está máis que invitado. En canto a formar parte do grupo, invitamos a todo o mundo a vir a calquera ruta con nós (podedes contactarnos a través das redes sociais Facebook ou instragram) e se despois da ruta hai unha boa conexión e ambiente entre todos, estades máis que convidados a formar parte do grupo.
- É unha asociación unicamente para motoristas ou tamén acolledes a condutores de quads por exemplo ou outro tipo de vehículos a dúas ou catro rodas?
Poden formar parte dos Celtic Riders dende motos de 125cc ata aquelas de máis altas cilindradas sen ningún tipo de distinción.
- Opinades que os clubes de motoristas en Galicia teñen suficiente visibilidade?
Persoalmente, creo que os concellos deberían investir máis en seguridade para os motoristas (proteccións para os quitamedos) e axudar máis aos clubs financiando actividades ou evitando burocracia absurda que só fan que posibles actividades para motoristas nunca cheguen a facerse (bo exemplo diso e que se tardou case 6 meses en pedir os permisos necesarios para aparcar 40 motos nunha praza de Lugo na Gentleman Ride que tivo lugar neste ano 2022).
- Existen moitas agrupacións a nivel lucense? Adoitades facer actividades conxuntas?
Si, existen moitas agrupacións para motoristas en Lugo. Un club amigo é sen dúbida algunha os Lóstregos cos que xa temos feito saídas en varias ocasións e participamos nas súas Roadbook. Son un club con motorista experimentados e moi activos, sen dúbida un exemplo a seguir.