Entrevista Isabel Rodríguez: "Encargámonos de promover a vida social destes concellos rurais"

SarriaXa
Conoce en profundidad la Asociación As Xeitosas de O Incio que se encarga de organizar actividades para el disfrute de los vecinos.
entroido as xeitosas2
10 Abr 2022

A Asociación As Xeitosas naceu en Eirexalba e mudouse ao Incio ao incrementar o número de socios. Nun inicio foron todo mulleres, agora son preto de 60 socios incluíndo homes que participan de maneira activa nas actividades.

Como naceu a Asociación As Xeitosas?
Naceu no ano 2010 con outra xente, outra presidenta, outros directivos e agora eu son a presidenta da asociación desde o 2014.

Todo comezou dende unha necesidade que había na zona dunha entidade que se encargara de organizar actividades.

Na actualidade ofertamos ioga e zumba xa que coa chegada da Covid vímonos obrigados a paralizar todo. A acollida nesta volta á normalidade foi moi boa e vimos de organizar tamén un mercado solidario en colaboración con Hospitaleros sin Fronteiras.

Que actividades fixeron recentemente?
Encargámonos do Entroido, a cabalgata de reis e semanalmente ioga e zumba. Antes da pandemia fixemos excursións, visitas culturais, obradoiros de xabóns, etc.

É solo para mulleres?
Nun principio eran todo mulleres, na actualidade, os homes son membros activos da Asociación.

Teñen socios só do Incio ou de máis concellos de arredor?
Neste momento temos de distintos concellos, Incio, Sarria, Brollón, etc. Contamos con socios aos que chamamos pasivos, que formaron parte dos inicios da entidade e agora que marcharon a outros lugares do territorio español segue colaborando economicamente pero non na realización de actividades.

Está aberta a todo o mundo.

De que se encarga esta asociación?
Encárgase de promover a vida social dos veciños destes concellos máis pequenos e rurais. Por medio da asociación lévanse a cabo diferentes clases que axudan a desenvolver as relacións e a conformación de parroquia entre os veciños. O ioga por exemplo leva en activo 12 anos.

Este ano, estreamos un novo local social onde levamos a cabo estas actividades de maneira segura xa que conta cun sistema de aire que o renova cada pouco, isto favoreceu que dende a volta ás actividades ata agora non tiveramos ningún contratempo.

Todos aqueles interesados en ir ás actividades teñen unha primeira clase gratis para valorar si se axusta ao que buscan polo que, non é preciso ser socio para poder desfrutar das actividades.

Organizamos tamén os cantos de taberna, excursións e visitas culturais a museos pero dende a pandemia está paralizado.

Que hai que facer para formar parte dela?
O único que hai que facer é pagar a cota de socia anual. O primeiro ano páganse 17 euros de inscrición e posteriormente as anualidades que son 12 euros.

Que vantaxes ten ser socio da Asociación?
Moitas das actividades organizadas pola asociación son gratuítas para os socios e, se non son gratuítas, a cantidade que pagan é máis pequena que para aqueles que non son socios. Ademais, anualmente facemos una cea de Nadal só para socios.

Cales son os obxectivos da asociación?
O meu obxectivo persoal principal é o meu relevo como presidenta pero non hai xente que se anime neste aspecto.

En canto á asociación, o obxectivo é seguir facendo actividades como pintura que se realizaban antes da pandemia. Estamos desexando volver á normalidade.

Cal é a maior dificultade da Asociación?
O máis complicado é xuntar a xente para as actividades. Normalmente piden un mínimo de 8-10 persoas para a realización de obradoiros e nos concellos pequenos é difícil xuntalos.

Como afectou a pandemia as súa actividades?
Paralizáronse as actividades totalmente. Este é o primeiro ano que volvemos a funcionar, aquí no Incio non houbo nada.

Cal é o punto forte da asociación?
As actividades máis demandadas polos socios e non socios da zona son o ioga e zumba. Tamén están moi implicados os mercadillos, estes contan cunha gran colaboración de xente.

Como é funcionamento do mercadillo?
As persoas da zona sexan socios, non socios, veciños ou xente dos arredores aportan o que poden e, tras isto, cando se celebra o mercado solidario non existen prezos para as cousas, os artigo non teñen un valor específico, funciona a través de donativos.

Cantos socios ten na actualidade?
Case 60. A parte dos socios da zona, hai tamén en Madrid, Valencia, etc.

De que estades máis orgullosas?
Da colaboración da xente que forma parte da asociación. É unha asociación que leva desde o 2010 e nunca se paralizou salvo pola pandemia. Ademais, a resposta ante a volta ás actividades foi moi boa.

Cal é a data máis sinalada do ano, a que esperan as socias durante todo o ano?
Non hai unha data específica aínda que a cea anual é moi bonita e esperada polas participantes xa que xente que non acode ás actividades si veñen á cea, é un momento no que nos xuntamos a maioría dos socios para pasar un bo rato.

Neste ano co tema da pandemia non vai vir o 100% dos participantes pero xa contamos coa confirmación do 60%.

Nas clases, vémonos sempre os mesmos por iso esta data é a máis emblemática para a Asociación. Normalmente, a cea celébrase no Nadal porén, coma non estaba ben a situación este ano terá lugar o próximo 26 de marzo.

Que supón esta asociación para O Incio?
Esta Asociación é a que da vida ao Concello, entidades e organizacións no Incio hai moitas pero en activo esta é a única.

Cal é a anécdota que recordan con máis agarimo?
Unha experiencia que tivemos moi bonita e que queremos repetir é a clase de ioga no embalse de Vilasouto. Fixémola unha vez e, cando a iamos repetir chegou a Covid-19. Confiamos que coa mellora que se está a vivir poidamos facela de novo.

Que función ten a asociación nas mulleres do rural?
É unha forma moi importante para reunirse e socializar sobre todo nestes sitios onde somos poucos veciños. Temos que ten 80 anos en ioga que se non fora por este tipo de actividades non sairía da casa. Despois da clase imos tomar o café e botar uns contiños.

Como chegache a ser a presidenta da asociación?
A anterior presidenta marchou porque non era de Galicia, era de Valencia entón quedou o posto baleiro e os socios votaron e decidiron que fora eu. Nós poñemos á disposición o cargo tódolos anos na asemblea xeral pero a xente non se anima.

Tedes algunha actividade programada para estas datas próximas?
De momento non porque acabamos de facer o entroido. Estamos acabando de organizar a cea baile do 26 de marzo.

Gustaríanos que de cara a primavera se fixera algún obradoiro, o malo é que para realizar este tipo de actividades hai que solicitalos con moita antelación e como non se sabía cales ían a ser as circunstancias non se solicitou.

De todas formas o que nos gustaría é explotar os talentos dos nosos socios e socias. Que sexan eles os que impartan algún obradoiro xa que hai xente na asociación que sabe facer bolillos, outra socia sabe facer bolsas con pantalóns vaqueiros, polo que estamos a planificar que sexan os propios socios os que compartan os seus coñecementos cos demais.

0.19023585319519