Entrevista José Luís López: "O orgullo máis grande que teño é ser paramés"
Falamos con José Luís López López alcalde de O Páramo sobre o Concello, as súas maiores necesidades e os logros acadados.
Como se introduciu no mundo da política?
Pois foi un pouco de casualidade, seguindo os derroteiros da vida. A xente foimo pedindo e chegou un momento no que decidín probar esta nova experiencia.
Canto tempo leva gobernando o Páramo?
Xa levo gobernando dous anos e medio e valoro esta nova etapa positivamente, estou moi contento.
Que lle pode aportar vostede ao Páramo?
Eu pódolle aportar ao Páramo seriedade, moita xustiza, interese en facer as cousas ben, en atender aos veciños e facer unha xestión
coa que se cubran as necesidades dentro dos límites que temos ao ser un Concello pequeno. A honradez é moi importante e que os veciños saiban que o alcalde é un veciño máis que vai aportar todo o que pode por facer o mellor posible para os cidadáns.
Que é o que máis lle gusta do Páramo?
Gústame todo. Nacín no Páramo e gústame todo o que hai nel. O orgullo máis grande que teño é ser paramés.
Que pode ofrecer O Páramo que outros concellos do arredor non?
Máis ou menos temos o que teñen todos os concellos. É verdade que estamos a traballar no campo da feira que é espectacular. Este estaba abandonado e estamos intentando recuperar os inmobles e formar algo de núcleo. Ademais, contamos con moita gandería.
Que é o que mellor se fixo no Páramo?
Eu creo que se fixeron moitas cousas. Agora proximamente vaise arranxar as rúas e poñer beirarrúas que lles dará maior seguridade aos viandantes. Ademais, tamén se está a instalar iluminación no campo da feira.
Entre as actuacións xa feitas destaca a praza.
Nós dámoslle importancia á recuperación dos inmobles, por iso tamén arranxamos o pavillón que tiña goteiras, o antigo concello reformouse e rehabilitouse como centro social. Compramos unha nave de case 4.000 metros cunha carballeira, compramos unha casa coa idea de facer unha residencia o día que se poda. Melloráronse pistas e, recentemente, abriu a casa do maior con 4 veciños que está funcionando moi ben.
Cal é a súa maior necesidade?
Unha residencia de anciáns que inclúa de centro de día que é o que máis falta fai.
Tamén é necesario un polígono que axude a atraer novas empresas e crear emprego co que se fixe poboación no Concello.
Como se poden paliar estas carencias?
A min gústame falar dos proxectos xa terminados. Polo de agora son ideas que quero materializar e para iso estamos coas xestións e traballos previos.
Que é o que máis lle gusta da vida política?
O contacto coa xente. Nunca fun moi político, son un namorado do Páramo, vivín sempre nel e quero traballar por el.
Cal foi a súa maior decepción nesta profesión?
Non teño nada que obxectar. Eu teño que mirar desde que cheguei para adiante polo que non teño ningunha decepción.
Que é o que máis demandan os veciños do Páramo?
De todo un pouco. Desde puntos de luz que había que poñer, melloras nas estradas. A verdade é que o saneamento precisa unha mellora. Demandan de todo e vaise atendendo o que se pode.
Que é o máis característico do Páramo? Maior atractivo?
As feiras da primavera que queriamos facelas este ano de novo outra vez. Tamén destacan os grandes agricultores, a fábrica de leite e queixos.
O ambiente do concello, a carballeira no campo da feira e o entorno é moi bonito potenciado polo río.
Que beneficios ten vivir no Páramo?
Para min ten moitos, recuperar a aldea, estamos cerca de Lugo. Non é que lle vexa beneficios e que non lle vexo ningún inconveniente.
No Páramo estase moito mellor que en calquera outro sitio, temos case de todo, véxolle todo positivo e nada en contra.
Que novos proxectos está a artellar para mellorar os servizos do Concello?
Teño mil ideas, desde seguir coas pistas grazas ao programa de bacheo que este ano conta con actuacións en 10 ou 12 estradas.
Unha vez recuperados os inmobles eu vou pelexar por conseguir unha residencia de anciáns e o polígono industrial. Isto son ideas.
Sería importante facer que chegue a auga en bo estado a todos os veciños.
E intentar satisfacer as necesidades dos veciños, non se pode facer todo o que se pide pero o que non é posible anótase para cando se poida, intentando contentar a todos os veciños e que estes estean contentos.
Está a fomentar a vida no rural agora que se está vivindo un despoboamento?
Aquí veñen algúns novos pero desgraciadamente este ano foi complicado. Vivir do campo é moi difícil e habería que cambiar moito para que este fose un sector atractivo para as novas xeracións. Estase intentando recuperar dentro das nosas competencias que non son moitas.
Como visualiza o Páramo nun futuro?
Con máis servizos dos que ten hoxe, con máis axudas das que ten hoxe e intentando manter as explotacións, intentando darlle máis vida.
O fundamental é que a xente lle colla máis apego a isto.
Algunha actividade que se teña programada nas datas próximas?
Estamos preparando as festas da primavera que terán lugar o 10, 11 e 12 de xuño. As actividades dos nenos, zumba, pilates estamos funcionando.
Ademais, recentemente instalaron un caixeiro automático e haberá unha charla formativa sobre o seu funcionamento, co fin de achegar os coñecementos necesarios para o seu uso ás persoas maiores.