Entrevista Marica Campo: "Todo o que se escribe é un diálogo coa literatura"

TerraChaXa | SarriaXa
Entrevista a la escritora gallega Marica Campo. La escritora nació en una pequeña aldea de O Incio, en la comarca de Sarria.
marica campo2
20 Feb 2022

María Pilar Campo Domínguez coñecida como Marica Campo, é unha escritora en lingua galega. Naceu en Val do Mao, concello do Incio, Lugo. Dos quince aos vinte anos estivo como misioneira nun convento onde realiza a carreira de Maxisterio e estudos de Teoloxía. Exerceu de mestra en varias vilas da provincia de Lugo, xubilouse en 2008 en Guitiriz, onde continúa residindo.

Falamos coa escritora Marica Campo

Como definiría a Marica Campo?
Uf, é mellor que me definan outros porque unha cousa é como nos vemos e outra cousa é como nos ven. Pero, en todo caso alguén que intenta ser persoa.

Cal foi o seu maior logro?
Na parte persoal, ter moitos amigos e moitas amigas. A nivel profesional tiña que facer moitas máis cousas, é dicir, o meu tempo non me deu para moito porque atendín a demasiada cousas. Non me arrepinto porque o importante é vivir pero realmente non tiven o tempo que me faría falla para facer unha obra como eu quixera.

Cal é a súa inspiración?
Poñerme diante do ordenador e traballar. E despois, o país, as voces silenciadas das mulleres deste país e a propia literatura porque todo o que se escribe é un dialogo coa literatura.

Diría que non existen as musas?
Aínda que todos sabemos que temos días en que todo flúe doutra maneira, penso que ten máis que ver co estado de ánimo, coas hormonas pero tenos que coller traballando. Eu sempre digo que a inspiración é un chisqueiro pero para facer unha fogueira hai que xuntar leña.

Está a traballar nalgunha nova publicación?
Estou traballando nun proxecto do que non podo falar. Sempre teño algo en mente pero é o de sempre me falta tempo, escribo todas as semanas para a prensa e non me da moito máis.

Cal é a obra da que se sinte máis orgullosa?
Orgullosa non me sinto de nada, todo hai que tomalo como un agasallo que nos fai a imaxinación pero que me guste máis Confusión e morte de María Balteira.

A súa terra, o Incio está reflectida nalgunha das súas obras?
Dunha maneira directa nalgún poema. Pero aí tería unha boa canteira que aínda non explorei nin explotei.

Encontrou algunha traba polo feito de ser muller á hora de escribir e publicar a súa obra?
Si a houbo non me enterei pero non quero dicir con isto que non existan para moitas mulleres. Eu recordo unha vez que me dixeron fai moitos anos que escribía como un home e encenderonseme todas as alertas. Dicíamo como algo positivo pero nada máis lonxe da miña intención.

Como valora os seus anos no eido da educación? Que opina sobre o sistema educativo actual?
Opino que tería que empezar agora porque debo saber algo máis. Agora que estou fora me da para seleccionar máis e saber o que non fixen ben. Paréceme que non fun unha gran profesional. Á marxe do agarimo que me poidan ter antigos alumnos e alumnas.

Notou algún tipo de decadencia no uso do galego entre os máis novos durante os seus anos adicándose á educación?
Hoxe todo o mundo sabe que o galego non é unha lingua de segunda que é unha lingua coma outra calquera e que ademais é a nosa, máis, ese menosprezo do galego segue presente é moi difícil desterrar os prexuízos aínda tendo o coñecemento de que as cousas non son así. O problema está en que cada vez se usa menos. Aí se ten que dar a política lingüística do sistema educativo imposto pola Xunta. Se fala moito de que o galego se impoñía, e a realidade é que o galego non se impoñía, este é a lingua de aquí. O que si se impuxo a todos foi o castelán. Entón non son optimista porque a cousa vai minguando continuamente. Os que o falamos algún dia morremos.

Con quince anos ingresou nun convento co fin de ser misioneira? Que supuxo esta etapa na súa vida?
Eu pasei a miña transición dunha época de moita rebeldía. Fun unha adolescente tremendamente rebelde e seguino sendo despois de saír de aí. Dalgunha maneira me fixo un pouco máis reflexiva cousa que me facía boa falta. Isto foi un fragmento que me deu a coñecer xente de diversos sitios, tanto en Madrid como en Salamanca como en Ourense estiven con xente de distintas nacións e iso sempre é positivo.

Que supón o Incio para vostede?
É a miña terra de nacemento e para min é unha metonimia de Galicia é unha parte de todo o que é Galicia. Aí foi onde aprendín a amar a terra. Cando lle dicían a Neruda que falase sobre a súa poesía el dicía “convido a quen queira a entrar comigo no bosque dos carballos vermellos no sur de Chile onde comecei a amar a terra” pois eu convido a quen quixer a que entren comigo no Incio e nas terras das montañas do Sureste da provincia de Lugo onde comecei a amar a terra.

Como comezou a súa conexión coa escritura?
Iso ven de toda a vida, mesmo antes de que soubese escribir porque cando me contaba un conto cando me levaban a cama eu sempre dicía que o contaba eu que non mo contasen entón eu empezaba a inventar, o que pasa é que chegaba a un punto que non sabía como seguir e empezaba outro. De calquera maneira, calquera cousa que me gustase, unha música, unha canción, efectivamente me daba esa inspiración e dábanme ganas de escribir eu de contar a miña experiencia con ese encontro estético da paisaxe, dunha canción, dun poema ou doutra historia.

Cal foi o seu principal referente?
Non cho sei dicir porque lin tantísimo de nena que non o podes imaxinar. Lía cousas que non entendía pero me gustaban as palabras. Lia ensaios sendo unha cría que non sabía nin de que ía a cousa.
En canto os libros xuvenís foron un descubrimento Enid Blyton e Os cinco, os rapaces que andaban sempre de aventuras ou outros relatos desta escritora. A parte de iso cousas de Salgari, Verne, Stivenson, os de aventuras. A parte de iso a poesía de Rosalía, de Curros...

Que fai Marica Campo no seu tempo libre?
Non o teño. Teño temporadas claro pero agora mesmo ando ben ocupada. Gústame cociñar, camiñar, todo o que fose facer bricolaxe, no Val do Mao facer mesas de cerámica e cousas polo estilo. As cousas manuais encántanme.

Cal é o seu xénero literario favorito?
Creo que a poesía.

Escritor actual favorito?
É moi complicado, hai moitos por fortuna. Nunca tanta obra se publicou. Naturalmente entre tanta hai cousas malas pero tamén hai cousas moi boas e non é por non me mollar pero non querería deixar de citar ao mellor a persoas que efectivamente me encantan entón non podo escoller un ou unha.

Algún soño por cumprir?
Si, pero algúns xa non se me van a cumprir nunca. Por exemplo, encantaríame ver actuar a Mario Rodríguez e aló vai. A última vez que veu a Galicia xa non quedaban entradas. E como eso pasa con moitas cousas que non teñen volta. E moitos soños non os podo cumprir pola miña fobia aos avións, non son capaz de subir sin que me entre ansiedade.

0.12824583053589