Entrevista Negrete: "Somos competidores pero nunca inimigos, esa é a realidade"
O SD Oural leva en activo dende o ano 1983. Falamos con Jorge Fernández Gonzalez coñecido como Negrete adestrador e Tesoureiro do equipo.
Como naceu o club?
O club fundouse en 1983. Xa existía antes, non como club federado pero fundárono os traballadores da fábrica de cemento da zona e os veciños do Oural. En 1983 rexistrouse e comezou a competir de maneira federada.
A vinculación coa cementeira ven dende o seu nacemento e a día de hoxe segue sendo o patrocinador do equipo. De feito, os sacos de cemento levaban o escudo do equipo.
Como sobrevive un club destas características?
Principalmente grazas a colaboración dos socios que temos e das subvencións ao deporte da Deputación xa que o Concello fai anos que non aporta. Outra cousa fundamental é o traballo da directiva.
Que deportes ofrece?
Contamos cun equipo de fútbol senior.
Teñen pensado amplialo?
Houbo categorías inferiores fai moitos anos. Cando eu empecei no club fíxeno como xuvenil pero agora a verdade tampouco hai suficiente poboación menor para xogar no Oural, ao estar ao lado de Sarria é complicado.
Como se presenta esta tempada?
Agora mesmo estamos segundos na clasificación no grupo de segunda autonómica B e vamos a loitar polo ascenso.
Cales son os obxectivos a conseguir este ano?
O obxectivo principal era a permanencia, agora que xa temos eso conseguido toca loitar polo ascenso.
Cales son os valores fundamentais do club?
O principal é ser un bo grupo humano e que se compita neste deporte nas mellores condicións posibles. Somos competidores pero nunca inimigos, esa é a realidade.
Que principios move aos deportistas?
Principalmente a amizade e o deporte. No equipo cobrar non cobran ninguén entón o equipo xoga por amor ao deporte, a maioría deles forman parte dun grupo de amigos que quere xogar e competir.
Cal é o maior logro do club?
O ascenso de categoría que logramos fai cinco anos creo. Estábamos en terceira autonómica onde levabamos moitos anos e o ascenso foi o principal logro, gañando a liga claro.
Cal é o maior desafío ao que se enfrontou o club?
Cando collemos a directiva nova o principal escollo que nos encontramos foi o tema económico. Isto é moi complicado todos os anos. Atopar a masa social co que axudar a sustentar o equipo foi moi complicado.
Como está a afrontar a situación que xera a Covid 19? En que afectou?
Afectou na parte económica porque ademais de todo o que tiñamos tivemos que facer test cada 15 días co custe que isto supuxo. Tamén se tivo que reestruturar a competición para facela máis segura para os xogadores. Despois dun ano e pico sen competir foi bastante complexo.
Cantos deportistas ten na actualidade?
Agora mesmo temos 25 xogadores en plantilla que son os máximos que se poden ter, dous adestradores e dous delegados. Sobre 30 persoas.
Que actividades realiza a maiores dos adestramentos e competicións?
Antes de que viñera a Covid había unha cea para os socios ao final da tempada. Esta celebrábase o día antes das letras galegas para desfrutar cos socios e afeccionados. Levámolo facendo dende fai 5 anos.
Como chegou ao club?
Eu pertencía aos xuvenís e estiven vinculado ao club desde os 18 anos. Parei de xogar por motivos de saúde e volvín á directiva como tesoureiro e adestrador.
Existe moita rivalidade entre os clubs da zona?
Si por suposto, hai clubs que teñen máis anos que nós. Entre o Incio, o Bóveda e o Brollón hai rivalidade, saudable pero haina.
Cal é o maior rival ou o encontro que máis emoción lle da aos afeccionados?
Agora mesmo eu creo que o Incio porque é un equipo onde hai xogadores antigos do Oural, coñécense entre todos e sempre son encontros moi esperados tanto polos afeccionados como polos equipos.
Como se presenta a segunda fase da competición?
Complexa porque xógase os catro primeiros contra os catro primeiros de cada grupo. Hai equipos con moitos puntos e que están moi ben fisicamente.