Entrevista Nuria Candela: "Hospitaleros naceu dende o corazón e segue a medrar grazas a persoas que comparten ese latexo"
Hospitaleros Sin Fronteras unha ONG con sede en Sarria que pretende axudar as familias desfavorecidas das zonas rurais de África. Falamos con Nuria Candela, voluntaria.
Como naceu Hospitaleros sin fronteras?
Hospitaleron sin Fronteras foi fundada en 2015 por José Mejías e Marta Cortiñas coa axuda de dous amigos tamén hospitaleiros doutro albergue do Camiño de Santiago. Aínda que o xermen de todo xa se dera moito antes, nunha viaxe de turismo que ambos fixeron ao país quedando profundamente namorados da súa xente e moi impactados coa situación de precariedade extrema dos nenos talibé. Ao voltar quixeron involucrarse a outro nivel para intentar mellorar a realidade coa que se atoparon.
Cal é a súa función, de que se encarga?
É unha onegué moi pequeniña e familiar, todos facemos un pouco de todo, intentando aportar o que podemos e sumar xuntos.
Que papel ten en Senegal?
A oenegué traballa para melllorar a situación dos nenos talibé. Son nenos aos que seus pais non poden manter e deixan a cargo de un marabout ou mestre coránico en daaras onde viven todos xuntos e onde supostamente lles ensinan o Corán. A realidade é que pasan a maior parte do día mendigando polas rúas da cidade ata conseguir a cantidade que deben levar diariamente. Son nenos sen dereitos de ningún tipo, abandoados a súa propia supevivencia. Podería dicirse que se disfraza unha educación inexistente cunha práctica de escravitude infantil.
Como se pode axudar e colaborar?
Facéndose soci@ cubrindo un sinxelo formulario na páxina web (www.hospitalerossinfronteras.org). A cuota son 60 euros ao ano (uns 5 euros ao mes), pero pódese contribuír con calquera cantidade. Por pequena que pareza, toda axuda suma.
Cal é o seu obxectivo?
O obxectivo é traballar para mellorar a situación dos nenos talibé e facer todo o que esté nas nosas mans para conseguilo. Poden estar nas daaras ata os dezaoito anos pero despois non teñen futuro, conseguir escolarizálos para que se formen, aprendan un oficio e non rematen nas rúas ou converténdose no mesmo marabout que os maltrataou durante a súa infancia.
Cantos socios sodes na actualidade?
Aproximadamente somos uns 60 agora mesmo. O obxectivo é ir incrementando este número para poder seguir realizando o noso traballo.
Como afectou a COVID-19 na actividade da ONG?
Fundamentalmente non nos permitiu viaxar a Senegal durante a pandemia pero puidemos seguir traballando grazas aos nosos colaboradores senegaleses.
De que forma chegan a máis xente, como se dan a coñecer ou como chegan a vós as persoas interesadas?
Grazas ao boca a boca dos propios voluntarios que comparten a súa experiencia, os peregrinos que pasan por algún dos albergues do camiño que colaboran coa ONG e tamén ás redes socias, tanto Instagram como en Facebook (@hospitalererossinfronteras).
Próximos eventos ou actividades?
Estamos a organizar un mercadillo africano para vender artesanía que trouxemos de Senegal e algunha cousiña máis. Será o día 21 de maio pero aínda non sabemos o sitio exacto, comunicarémolo en redes cando o teñamos confirmado. Tamén en xullo faremos unha exposición fotográfica no antigo cárcere de Sarria onde pretendemos que os asistentes poidan coñecer mellor a realidade dos nenos talibé.
Que é o que máis impacta aos voluntarios nas viaxes a África?
Cada un vive a súa experiencia particular. Son días moi intensos e frenéticos nos que se atravesan moitas emocións en moi pouco tempo. O primeiro día dos almorzos quizais sexa dos máis impactantes por que é o primeiro contacto que temos cos nenos ou tamén as visitas ás daaras xa que a situación na que viven é de extrema pobreza e insalubridade.
Cal é a anécdota que recordan con máis agarimo?
Hai moitas porque nun día acontecen moitísimas cousas. Este ano coñecemos a un neno talibé pola rúa que acababa de ter un pequeno accidente cun coche. Ó principio non confiaba moito en nós, como é lóxico pero levámolo para facerlle as curas e de seguida conectamos con el. Cando rematamos quería pagarnos coa esmola que conseguira durante o dia. É incríbel a lección de humildade que nos deu. Creo que ningún de nós se esquecerá nunca de Aladji.
Como se realiza a entrega do material recadado?
O material chega a Senegal con nós e somos nosoutros os que nos encargamos de repartir todo o que levamos durante a viaxe: roupa, medicamentos e material escolar fundamentalmente. O resto do ano temos colaboradores da oenegué en Senegal que se encargan do reparto da comida e da atención médica.
Como foi a evolución dende a súa creación ata a actualidade?
Dende a primeira viaxe a ONG medrou en número de colaboradores, socios e voluntarios podendo levar moito máis material e levando a cabo máis proxectos: os almorzos diarios para case 200 nenos durante a nosa estancia, a manutención diaria durante todo o ano a uns 80 nenos, atención sanitaria a través dun convenio con sanitarios locais, realización de actividades educativas durante a estancia e clases de castelán durante todo o ano, ademáis de traballar pola escolarización total dos nenos das daaras (este ano conseguímolo con tres), ata a adquisicón dun terreiro para construir un centro de acollida con comedor, enfermería e aulas.
Fai pouco realizaron a última viaxe como foi a acollida nesta ocasión?
Viaxamos en febreiro un grupo de dezasete persoas na súa maior parte de Sarria pero tamén de Murcia ou Barcelona. Para algúns, como para min era a primeira vez. Foi unha experiencia moi enriquecedora e inesquecíbel. Xa estamos desexando voltar.
Cal é o seguinte proxecto ou en que se está a traballar na actualidade dende a ONG?
Na actualidade a ONG está a traballar na construcción dun centro en Malicounda que albergue unha aula para que os nenos podan acudir ás clases, unha sala adicada aos coidados médicos e un albergue para que os voluntarios se podan quedar máis tempo.
Como chegou a ser voluntaria da ONG?
Por unha amiga, Eva, que foi de voluntaria a viaxe anterior, no 2020. Despois fun á exposición que fixeron coas fotos que ela mesma sacou e alí coñecín a labor que desenvolve a onegué e decidín involucrarme.
Que supón para ti formar parte deste proxecto de axuda humanitaria?
Creo que todos e cada un de nós debería colaborar do xeito que poda e axudar a que os dereitos fundamentais sexan os mesmos independentemente do punto xeográfico no que nazcas. Para min este é un proxecto que naceu dende o corazón e que segue a medrar grazas a persoas que comparten ese mesmo latexo. Síntome moi afortunada de poder formar parte del.