Noa López, do CB Sarria: “O deporte axúdame a coñecer xente, vivir experiencias e ser feliz”
Noa López, xogadora do CB Sarria de Baloncesto e seleccionada para participar este ano na U14 Feminina en Valladolid.
Dende sempre che gustou o baloncesto? Cando comezaches a practicalo e cando decidiches unirte ao CB Sarria de baloncesto?
Bueno, cando era nena comecei practicando ximnasia rítmica no Club Xirandela e o fútbol era o meu principal deporte. Xogaba na SD Sarriá, na que era a única nena e no CD Friol, que buscaba nenas por toda a provincia e formaba equipos femininos para xogar torneos, a Copa Gallaecia...
O baloncesto, malia que me gustaba, simplemente practicábao no colexio como unha actividade extraescolar impartida por entrenadores do CB Sarria. Empecei aos 7 anos, aos 8 entrei por sorpresa no combinado galego - Preselección Galega- (nunca antes xogara un partido oficial) e xa con 9 anos comecei a competir co CB Sarria.
Imaxino que son moitas as horas que lle adicas aos adestramentos… canto tempo máis ou menos cada semana?
A min encántame os adestramentos. Pola semana entreno case 7 horas máis os partidos da fin de semana.
Como é a relación coas túas compañeiras de equipo? Imaxino que vos tén que unir un vínculo moi especial ao compartir tantas horas xuntas.
Sempre foi unha relación moi boa tanto no CB Sarria como noutros equipos cos que estiven vinculada ou contra os que competín (Estudantes Lugo, BBCA e Ensino) ao igual que na Selección Galega.
Esta semana deuse a coñecer a noticia de que estás entre as seleccionadas para xogar a U14 Feminina, agardábalo? Como recibiches a noticia?
Por unha parte tiña a esperanza porque este año competitivamente foi moi bo para min, pero por outro sabía que era moi complicado.
Que esperas desa competición? Afróntala con nervios?
Tómoo como un premio ao esfuerzo e ao traballo e unha oportudidade para aprender, mellorar e coñecer ás mellores xogadoras de España da miña idade. Nervios non, desexo facelo ben e poder seguir dentro do Programa de Tecnificación da Federación Española de Baloncesto.
Fálanos dalgún partido ou algunha competición que lembres con especial cariño. Alguna vitoria ou algunha derrota que destaques especialmente?
O Campionato de España de Huelva foi algo moi especial porque a Categoría Mini, por culpa da pandemia foi suspendida e a xeración 08 tivemos que esperar dous años para poder competilo... chegamos moi ilusionadas e con moitos desexos. O partido contra Madrid foi o partido máis emocionante que xoguei na miña vida... iba moi igualado e nos últimos segundos gañamos cun triplo que marquei eu.
Esta tempada para min foi espectacular. A parte de representar a Galicia no Campionato de España, con BBCA quedéi Campioa Galega Infantil, Ensino invitoume a xogar a Minicopa da Raíña en Valencia e co CB Sarria conseguín o ascenso á Liga Galega e quedamos Subcampioas do Eixo Atlántico.
Que planes tés nun futuro? Gustaríache practicar baloncesto de maneira profesional?
Os meus plans a curto prazo son ser feliz, xogar ao baloncesto e loitar polos meus soños... encantaríame ser xogadora profesional malia que sei que é moi complicado.
Que consello darías a aqueles nenos que non saben si practicar ou non algún deporte?
Diríalles que non o pensen, que practiquen deporte, que busquen o que máis lles guste e a darlle duro. A min o deporte axúdame a coñecer xente, vivir experiencias e ser feliz.