Alejandro Villa, do Club Buxán: “O montañismo permite estar en contacto coa natureza e coñecerse máis a un mesmo”
Hoxe coñecemos a Alejandro Villa García, presidente do Club Buxán que nace en Sarria hai catro anos.
Formado por un grupo de persoas que co obxectivo de levar a práctica de actividades de montaña ás zonas do rural galego, Buxán desenvolve na contorna do concello sarriao multitude de iniciativas coma a escalada, o barranquismo, numerosas travesías a pé, actividades invernais, travesías en bicicleta e ata rutas de espeleoloxía.
Dende sempre estivo vencellado ao mundo do montañismo? Cóntenos dende cando o practica e por que?
Lémbrome que é unha afección que teño xa dende pequeno. Saía ó monte cos meus pais, de sempre... non podería precisarche unha data en concreto xa que é algo que sempre estivo presente na miña vida. Preguntarlle a alguén que lle gusta a montaña o por que da súa paixón por ela é algo complexo e sinxelo de xustificar ó mesmo tempo... practico montañismo porque me gusta e porque é algo que me sae de dentro.
Como nace o club Buxán, en que ano e por cantos membros está composto na actualidade?
O club Buxán nace en setembro do ano 2018 e na actualidade seremos arredor de 70 socias e socios. O club creouse motivado pola ausencia de clubs de montaña nas zonas rurais. Se comprobas as sedes da case a totalidade dos clubs en Galicia e en parte do estranxeiro, estes están situados nas cidades e a súa masa social é practicamente urbanita.
Nós, na súa gran maioría, somos e vivimos en vilas ou aldeas pequenas. E ese é o principal motivo polo que xurde o club de montañismo Buxán.
Cal é a orixe do nome do club?
O nome do club vén da zona de escalada onde empezamos a practicar este deporte e que hoxe en día é a zona que máis imos que é Buxán, a canteira do incio onde apareceron restos do mamut.
Que lle levou a estar vinculado a este club e sobre todo a ser o seu presidente?
Pois foi algo fortuíto. Pertencín dende un inicio ó grupo fundador do club e alguén tiña que ser o seu presidente, tocoume a min como lle podería haber tocado a outro membro.
O club conta con algún tipo de financiamento por parte do concello ou de entidades externas? Como funcionan nese senso?
Somos un club autoxestionado e son as cotas dos socios as que nos permiten sufragar os gastos de xestión do mesmo e dalgúns pequenos proxectos nos que nós mergullamos. Non recibimos ningún outro tipo de axuda polo de agora.
Como son as actividades que realizan? Que teñen previsto a corto e longo prazo?
As actividades que realizamos dentro do club son moi variadas. Na última asemblea que fixemos quedaron constituídas varias seccións dentro do club: a de escalada, as de barranquismo, a de travesías a pé, as actividades invernais, as travesías en bicicleta e a espeleoloxía. O que pode dar idea das principais actividades coas que funcionamos.
A curto prazo, penso que se vai a programar unha saída de escalada nas vindeiras semanas. Animo a todo aquel que queira a formar parte do club e por suposto, a participar nas nosas actividades.
Teñen algún referente no mundo do montañismo?
Os nosos principais referentes son Gastón Rebuffat, Walter Bonatti e Lolo Pérez de Monforte. Para nós, estes persoas representan un verdadeiro compromiso cos grandes valores do montañismo de sempre.
Que pasos seguen dende que se propón unha ruta ata que se leva a cabo? Cal é a preparación previa, as medidas de seguridade que toman?
Normalmente o que se fai cando se propón unha actividade é realizala previamente se é que dende a organización non se coñece para ver cal é a súa dificultade ou os problemas que se poidan plantexar. Unha vez feito isto, publicítase.
Se a actividade ten algunha complexidade técnica isto debe quedar ben reflectido na información que se publicita. E en relación ás medidas de seguridade, tentamos asegurarnos de que as persoas interesadas na actividade teñan o nivel técnico requirido e que estean en disposición da licenza federativa.
Fálenos de rutas/actividades que desenvolvera co club?
Coma xa comentei antes no club hai seis seccións. O compromiso das persoas responsables de cada sección é o de programar, cando menos, dúas actividades ó ano por sección. Por outra banda tamén temos un evento fixo ó ano que é o Cumvieiros que é un encontro de escaladores tropicais onde se mestura a cumbia e a escalada.
Cal foi a súa mellor experiencia en montañismo?
Pois foron moitas as boas experiencias que tiven no mundo do montañismo, non sabería dicirche soamente unha. O que si che podo asegurar é que a de embarcarnos neste proxecto de asociacionismo foi unha das mellores.
Algunha vez sufriu algún accidente na montaña ou pasoulle a algún membro do club? Cóntenos
Non, afortunadamente ningún e toco madeira para que isto siga así.
Que lesións máis comúns poden sufrir aqueles que practican montañismo?
Pois depende un pouco da modalidade practicada, por experiencia che podo dicir que en escalada por exemplo as tendinites nos cóbados e nos tendóns dos dedos son as máis comúns.
Cales cre que son os maiores beneficios que lle aporta o montañismo?
Sen dúbida o maior beneficio que aporta o montañismo é o de estar en contacto coa natureza e o de darche a posibilidade de coñecerte máis a ti mesmo.
Animaría á xente a practicalo?
Si claro, por suposto. Animo a todo o mundo a que practique montañismo. Tódolos interesados poden poñerse en contacto con nós a través do noso perfil en redes sociais e formar parte do Club Buxán.