Adestradores de Wu Shu en Láncara: “O Wu Shu agocha detrás todo un patrimonio cultural ecléctico"
Coñecemos un pouco máis o mundo do Wu Shu (Kung Fu), un deporte de contacto derivado das artes marciais chinas tradicionais que se imparte dende hai 11 anos nas Escolas Deportivas Municipais de Láncara. Falamos con José Manuel Fernández, José Manuel Nunes e tamén con Cristian Vázquez Seijas e Roi Pérez López, alumnos de Wu Shu que se atopan na actualidade preparando o exame a grao técnico faixa negra primeiro duan a través da Real Federación Española de Judo e Disciplinas Asociadas.
Juan Manuel como e cando xurde a idea de impartir esta disciplina en Láncara?
Xorde por iniciativa do profesor José Manuel Nunes, quen desexaba levar o Wu Shu á súa localidade natal, a Pobra de San Xiao, para transmitir e legar a novas xeracións de mozos e mozas, a fascinación por ese legado cultural que constitúe o Wu Shu.
Dende moi neno, José Manuel Nunes sempre desexou aprender artes marciais pero na súa localidade non había onde. Probou varios estilos en ximnasios da provincia pero non satisfacían unha paixón que vibraba dentro del por algo que, por aquel entón, non sabía que era ata que deu cas artes marciais chinesas (Wu Shu) por parte dos seus mestres José Manuel Fernández e Juan José López. E así foi que, pasados uns cantos anos e, visualizando o seu soño de cando era pequeno, decidiu crear esta canteira na Pobra para darlles a oportunidade de descubrir a súa paixón ós nenos e nenas da localidade, algo que foi e continúa a ser posible, grazas ós seus mestres José Manuel Férnandez e Juan José López, que imparten con el, cóbado con cóbado, as clases.
Con cantos adeptos contan hoxe en día e de que idades?
O número de alumnos, sumando os grupos infantís, xuvenís e adultos, varía de ano en ano pero ronda a cifra de entre 16 e 21 alumnos. A Pobra non é unha localidade moi grande pero temos unha canteira de alumnos bastante fiel, constante e que demostra un excelente traballo.
Cóntennos un pouco en que consiste a práctica deste deporte?
Pois na realidade non é tanto un deporte como unha ciencia da defensa persoal que, polo seu profundo contido idiosincrático, podemos considerar un patrimonio cultural ecléctico, procedente dos distintos grupos étnicos da China.
Atopamos o que poderíamos definir como seu propio vocabulario, cunha taxonomía en idioma Han (mandarín) e en idioma Jyut (cantonés); unha comprensión filosófica da forma de vivir, de entender as artes marciais así coma o seu estudo e práctica; un proceso histórico de evolución e definición coma sistema, método e, finalmente, unha proxección práctica, que salvo na modalidade deportiva, non atende á exhibición nin á competitividade, senón ó estudo da biomecánica humana orientada á defensa persoal e ó cultivo da lonxevidade. É así que temos vocabulario ou idioma, filosofía, historia e un proceso de transmisión xeracional. En definitiva, un patrimonio cultural. Agora ben, máis ou menos desde o ano 1950 o Wu Shu tamén creou unha versión deportiva ca intención do goberno chinés de crear a súa propia marca con aspiracións olímpicas.
Nós, no equipo de Wu Shu das escolas deportivas municipais de Láncara, traballamos tanto o Wu Shu deportivo, en especial no grupo infantil, onde atopamos fundamentalmente un traballo destinado á exhibición, competindo con combinacións e coreografías acrobáticas, así como tamén ca modalidade de combate de competición, Qing Da e San Da, que ven a ser como a modalidade chinesa de Kick Boxing.
Pero tamén, estudamos e adestramos o Wu Shu tradicional, onde todo se supedita a buscar a maior eficiencia posible no terreo da defensa persoal.
Xamais cunha intención de ter que usalo nunha situación de emerxencia, pero si cunha motivación de carácter intelectual de saber que aquilo que estamos a estudar e practicar é real, auténtico e funcional. Isto ven a ser a liña de pensamento de figuras clave nas artes marciais propiamente ditas, como é o caso do lendario xaponés Miyamoto Musashi e do chinés Bruce Lee, fundador do Jeet Kune Do, sistema derivado do Wu Shu do que o profesor José Manuel Nunes é un grande apaixonado, algo que podemos ver na súa obra Análisis y reflexión sobre las artes marciales chinas: Wu Shu.
En canto a unhas pinceladas das características propias do Wu Shu, con respecto ó resto de artes marciais e tamén de deportes de orixe marcial, podemos dicir que é unha disciplina moi sincrética que contén técnicas de proxección e derribo coma no caso do Judo, ten todo tipo de técnicas de pateo como no Tekwondo, todo tipo de golpes de xeonllo, puño, man, cóbado.. coma no Karate e nas artes marciais tailandesas e filipinas. Pero ademais, no Wu Shu atopamos o estudo de combate con todo tipo de armas tradicionais como a lanza, a alabarda, a vara, o sabre, a espada, a tonfa e mesmo utensilios cotiás modificados e adaptados á defensa persoal como é o caso do abanico que corta e pincha, do paraugas e incluso das banquetas.
Cal é a súa traxectoria no mundo do Wu Shu? Antes de ser profesores foron alumnos?
Claro. Como dicían os antigos chineses, “antes de ser dragón hai que ser rata”. Na realidade ser Mestre non é senón a arte de ser una aprendiz constante, pero evidentemente, antes de tutelar e formar a grupos de alumnos, todos nós pasamos polo noso propio proceso de formación. Cómpre ter unha experiencia e a obtención dunha serie de títulos federativos oficiais que nos avalen e certifiquen como capacitados para a docencia.
Hai más centros na contorna que practiquen este deporte? De ser así, realizan algunha xuntanza con eles?
Na contorna non hai máis equipos, grupos ou centros que traballen a disciplina chinesa Wu Shu, só no resto de provincias. O que si que hai, en Sarria, MMA (Mixted Martial Arts), unha disciplina fascinante que imparte o mestre Emilio Díaz no seu centro e tamén estaba o dojang da disciplina coreana Taekwondo WTF, o Taeguk, que lamentablemente cerrou as súas portas hai tres anos, despois de ser todo un referente na provincia dende os anos oitenta. Cun deles colaboramos hai uns anos nun curso que organizamos o equipo de Wu Shu de Láncara, traendo a un mestre de Jiu-Jitsu para facer un obradoiro desta arte especializada no combate no chan e co Taeguk, do mestre José Ferreira, tamén colaboramos organizando conxuntamente un campionato de nunchakus que resultou nun exitoso e bonito evento, así comoa nunha exhibición conxunta na Pobra.
Con respecto ás competicións ou campionatos, participaron en algún?
Por suposto. De feito dende o ximnasio Ölympuss - E.Y., acollemos como anfitrións o Campionato Galego Infantil de Wu Shu, participamos no Campionato Galego Adultos de Wu Shu que, xunto ca Copa de San Da Deputación de Ourense, acostuma ter lugar na cidade das Burgas e, incluso, en novembro de 2019, organizamos na Pobra de San Xiao o Campionato de Outono de Qing Da e San Da (a modalidade de combate de competición dentro do Wu Shu deportivo). Así é que tódolos anos os nosos alumnos, tanto da canteira en Láncara como en Lugo, obteñen numerosos ouros e pratas. É máis, no grupo de Lugo contamos con varios campións e campioas de España, entre os que destaca Andrés Expósito.
Onde teñen lugar as clases de Wu Shu e en que horario? Que hai que facer para apuntarse?
As clases de Wu Shu na Pobra de San Xiao (Láncara) teñen lugar no ximnasio do CPI Ramón Piñeiro e máis no pavillón municipal, os luns de 16.30 a 17.30; os xoves e venres de 15.40 a 17.10 e os sábados de 12.00 a 13.30 horas.
Para inscribirse, como no resto de actividades das escolas deportivas municipais, pódese facer dende a oficina de deportes do concello de Láncara ou a través do profesor de Wu Shu, en horario de clase, cubrindo o correspondente formulario que el mesmo poderá facilitar.
Cal é a maior dificultade de cara á práctica e estudo do Wu Shu?
Poderíamos dicir que non chega toda unha vida para coñecer unha arte marcial pero eu persoalmente diría que a maior dificultade do Wu Shu está en cada persoa. Nun tempo e sociedade onde predominan, e por moito, persoas que inician tantas actividades e materias como actividades e materias abandonan, responder ó Wu Shu como unha parte inseparable de un mesmo é difícil. Asistimos a novas xeracións máis sedentarias, non hai máis que ver como se perden os costumes de xogar na rúa, construír cabanas nas árbores... así coma tamén a xente acostuma a encadear un proceso constante de adquisición e perda de motivación por todo tipo de cousas e proxectos.
Suponse que o Wu Shu como arte marcial implica un forte compoñente filosófico e idiosincrático, é algo que o máis veterano ensina ó aprendiz como un valioso legado de coñecemento e aptitude que lle axudará a loitar polos seus obxectivos na vida, a ser máis constante e a afrontar os problemas e dificultades que xorden no camiño cunha visión e consciencia máis profunda. Porén, isto require persoas cunha grande forza de vontade, disciplina e capaces de invocar unha motivación intrínseca cara o que están a facer, estudar e practicar.
Coñecemos agora a Cristian Vázquez Seijas e Roi Pérez López, alumnos de Wu Shu que se atopan na actualidade preparando o exame a grao técnico faixa negra primeiro duan a través da Real Federación Española de Judo e Disciplinas Asociadas.
Cristian, Roi... por que decidiron iniciarse na práctica desta disciplina?
Cristian: Decidín iniciarme no Wu Shu haberá case 6 anos e foi grazas á miña nai, porque foi ela quen o encontrou. Probei un día unha clase e desde ese momento, converteuse para min nun valor fundamental da miña vida.
Roi: O feito de comezar moi novo fixo que non pensara moito o por que. Malia iso, non deixei de practicar o Wu Shu por ser unha disciplina que creo que che devolve o que lle das, é dicir, todo o traballo, esmero e tempo que lle destinas á práctica, torna en forma de autoestima, coñecemento, paciencia, relaxación, canalización de presión e mesmo da ansiedade.
Cantos anos levan practicando esta disciplina? Contan con algún título ou recoñecemento?
Cristian: Eu teño dezasete anos e levarei practicando Wu Shu uns seis anos. En canto a campionatos, destaca a medalla de ouro no campionato de San Da de outubro de 2019.
Roi: Agora teño dezaseis, preto dos dezasete, e comecei con Jose ós cinco anos. Teño o cinto negro ata o quinto disco de prata, o que se corresponde a cinto negro e cinco chanzos máis (graos técnicos anteriores ó cinto negro primeiro dan). Participei tamén en campionatos galegos coma o de San Da (modalidade de combate dentro do Wu Shu deportivo) e en formas e combates sincronizados. Tamén nun campionato de er-jie-gun (nunchakus) na comarca de Sarria.
Teñen algún referente nesta arte?
Cristian: O referente principal para min é Bruce Lee, xa que escribiu un libro moi útil: O Tao do Jeet Kune Do, é dicir, O Camiño do Puño Interceptor, que é unha filosofía de vida para comprender as artes marciais como puros sistemas de defensa persoal, realista e eficaz, como un método non definido, senón plástico, aberto, adaptable, isto é, a forma sen forma, capaz de adaptalas todas, coma a auga. Tamén, na miña opinión, destacan Ip Man e Scott Adkins.
Roi: Malia gustarme moito no seu momento Bruce Lee coa súa filosofía do Jeet Kune Do, nunca tiven unha figura clara como referencia. Sempre me gustou a forma de entender o Wu Shu que temos aquí, a de Jose e demais compañeiros. Penso que, no fondo, cada practicante crea súa propia forma de entender os conceptos e a disciplina ou mesmo disciplinas, xuntándoas, sen ter que seguir un camiño xa andado por outra persoa.
Que é o que lles aporta a práctica do Wu Shu?
Cristian: O Wu Shu é a mellor cousa que puiden facer na vida. Non é o feito de levar un cinto, é que se sabes de verdade Wu Shu, sentes como un incremento de confianza en tódolos ámbitos da túa vida, ademais de facer exercicio físico, o que achega un montón de beneficios.
Roi: Para min o máis importante é a realización persoal, xa sexa por medio da adquisición de coñecementos, mellora da técnica, relaxación... Tamén creo que a práctica deste tipo de artes marciais, supón un aumento do autocontrol, da paciencia, da autodisciplina, da confianza nun mesmo. Entre todo, tamén destaca para min a focalización da presión e liberación da ansiedade da vida que levamos, funcionando como unha vía de escape ou evasión.
Recomendaríano a outros rapaces?
Cristian: Si, eu recomendaría o Wu Shu a calquera persoa. Unha das razóns é que se xuntas un grupo de amigos e amigas, pasas un tempo moi agradable.
Roi: Si, por suposto. É indispensable probar para saber se che gusta polo que lle recomendo a todo o mundo que tente coñecer a disciplina e que non se conforme cunha sesión, senón que probe durante un periodo de tempo. Hai que recoñecer que, nesta disciplina, o tempo fai o cariño.
Que perspectivas de futuro teñen no Wu Shu?
Cristian: A visión de cara ó futuro é moi simple. Dende que coñecín o Wu Shu pasou a ser parte da miña vida, polo que até que se me acabe non deixarei de practicalo.
Roi: A curto prazo, acudir a un campionato co meu compañeiro Cristian e conseguir o cinto negro primeiro duan (dan). A medio-longo prazo, non creo que destine a miña vida profesional ás artes marciais, pero si espero podelas compaxinar durante moito tempo, supoño que máis intensamente mentres sexa novo e, dun xeito máis persoal e moldeado, máis adiante.