Entrevista Olga Iglesias: "O Camiño de Santiago supón o 30% do produto interior bruto do Concello"
Falamos con María Olga Iglesias Fontal alcaldesa de Triacastela dende fai máis de 10 anos.
Como se introduciu no mundo da política?
Eu presenteime por primeira vez no ano 2003 aínda que xa era afiliada do Partido Popular antes. Dende pequena vivín activamente a política na miña casa porque os meus pais estiveron metidos en política local. Cabe destacar que sempre primei os estudos e o traballo.
Leva máis de 10 anos gobernando Triacastela, a que cre que se debe a confianza mandato tras mandato?
Eu creo que sobre todo pola preocupación que mostramos polos problemas que teñen os veciños. Tendo sempre un proxecto de concello onde primamos os servizos sociais, a gandería e o turismo co camiño de Santiago.
Nós potenciamos o sector primario e o turismo, intentando apoiar as iniciativas que lle dan valor engadido aos produtos da produción primaria.
Preocupándonos do benestar dos veciños e facendo inversións en melloras de pistas e camiños agrarios. Algo que nos parece fundamental para que os gandeiros poidan traballar o máis comodamente posible.
Os servizos sociais tamén son moi importantes, por iso fomentamos que autónomos creen espazos de coidado que ademais de dar un servizo aos cidadáns do concello crean emprego e fixan poboación.
A maiores, agora estamos coa creación de solo industrial.
Que lle pode aportar vostede a Triacastela?
Se volven confiar en min, que así me gustaría que fose, podería aportar un proxecto de vila e de Concello. Onde teríamos como obxectivo a mellora da economía e do social no noso concello. Todas as medidas que tomamos xiran en torno a ese dous eixes.
Que é o que máis lle gusta do Concello?
Gústame todo pero o que máis e a combinación de natureza, gandaría e camiño.
Que pode ofrecer Triacastela que outros concellos do arredor non?
Somos concellos pequenos e todos temos cousas similares. Pero ofrecer nun espazo de pouco mais de 50 km cadrados gandaría sostible e un sector turístico baseado no Camiño de Santiago combinado coa natureza é o noso punto forte.
Que é o que mellor se fixo en Triacastela o maior éxito acadado?
Calquera logro que mellore a vida dos veciños.
Cal é a súa maior necesidade?
Na actualidade a creación de solo industrial é moi importante.
Como están a paliar esa carencia?
Creamos un plan especial de solo industrial que é pequeno pero que se poderá ampliar nun futuro e xa pasou favorablemente o tramite ambiental está pendente de facer aprobación inicial.
Unha potencia de Triacastela é o Camiño de Santiago como repercute este no Concello?
O Camiño de Santiago supón o 30% do produto interior bruto do Concello. Ten unha gran repercusión en emprego preto da casa, potencialidade económica, que a xente poida traballar aquí e non teña que ir fora. Necesitamos facer melloras no saneamento e estamos traballando niso.
Hai maior movemento de empresas e negocios debido ao Camiño?
Si, por suposto. O camiño repercute positivamente no patrimonio cultural porque ao longo do tempo vanse comprando e restaurando inmobles dándolles unha funcionalidade económica que habitualmente xira en torno a ruta xacobea.
Como se está a explotar o turismo e o camiño actualmente?
Dende o Concello estamos a levar a cabo programas e proxectos de divulgación de información e coñecemento do Camiño e o municipio.
O primeiro libro de Triacastela e o camiño levouse a cabo neste mandato. No Códice Calixtino xa se informaba de que o final da etapa do Camiño francés é Triacastela, o noso obxectivo e darlle o valor que isto supón para o concello. Por iso, con isto como eixe central fixemos un libro “Triacastela, refugio real”. Triacastela fundouse porque era un punto estratéxico para ser final de etapa dos peregrinos, isto é un dato que hai que potenciar. Triacastela é un val que ofrece refuxio aos peregrinos dende a Idade Media onde varios reis de Castela e León pasaron e pernoctaron.
Ademais, tamén intentamos promocionarnos turisticamente a través da creación de vídeos que publicamos a través das nosas redes sociais. O primeiro foi o do castiñeiro de Ramil.
Creemos nun proxecto integral, non só o camiño, senón nun que inclúa dende a produción primaria, a paisaxe e a cultura.
Que é o que máis lle gusta da vida política?
Cando te dedicas a vida política desde o punto de vista local o que mais gusta é o trato coa xente, todo o demais xira en torno a iso.
Cal foi a súa maior decepción nesta profesión?
Todas as decepcións co tempo se minimizan e pasan a esquecerse.
Que é o que máis demandan os veciños de Triacastela?
Queren que lles arranxen os camiños, as pistas, que se lles de cobertura social cando precisan axuda a domicilio e que o seu pobo sone como etapa fundamental do Camiño Francés en todo o mundo.
Que beneficios ten vivir en Triacastela?
Ofrece moita tranquilidade, a tranquilidade do mundo rural. Tes centro de saúde, colexio, casa niño, casa maior, traballo relacionado co camiño, podes facer un negocio que se retro-alimente do Camiño de Santiago como pode ser a elaboración de queixos, embutidos, envasado de mel, etc.
Que novos proxectos está a artellar para mellorar os servizos do Concello?
Estamos agora mesmo solicitamos unha axuda para mellorar o parque infantil do concello. Seguimos a mellorar as pistas e camiños rurais e temos o proxecto de construír unha pista de pádel.
Hai algún tipo de política que fomente a vida no rural actualmente en Triacastela, algún tipo de axuda ou campaña de fixación de poboación?
Eu creo que non hai unha campaña en concreto pero si que os servizos que ofertamos favorecen a fixación de poboación. As casas niños, as gandarías, a creación de postos de traballo.
Eu creo que é fundamental que as administracións garantan unha conexión de internet rápida e barata que axudaría a fixar poboación.
Como visualiza Triacastela nun futuro?
Teño unha visión optimista de Triacastela como concello rural.
Algunha actividade que se teña programada nas datas próximas?
Estamos traballando para retomar todo, facer a Festa do Peregrino e a festa de San Mamede.