Marta Leira Castro, de Creados: “Os nenos con necesidades educativas especiais deben adquirir a máxima autonomía”
Marta Leira Castro, psicóloga sanitaria e fundadora e directora do centro educativo e de necesidades educativas especiais Creados, situado en Sarria.
Queremos coñecer un pouco da súa historia. Por que decidiu estudar psicoloxía e por que decidiu emprender neste negocio?
Sempre tiven claro que quería dedicarme a unha profesión na que puidera axudar aos demais. Nun primeiro momento quería estudar dereito, pero enseguida me decantei pola psicoloxía. Gústame escoitar, implicarme nos problemas dos demais e sobre todo, apreciei como moi importante poder aproveitar os meus estudos para dispoñer de máis recursos e tratar mellor as dificultades que puideran xurdir no meu día a día.
Creados nace dunha aventura, nace dunha idea nun principio pouco madurada. Anteriormente o local de Creados era Bule-Bule, a min gustábame a filosofía que eles tiñan, admiraba a cantidade de nenos e nenas que acudían e tamén me fascinaban moitas das actividades que realizaban cos infantes. Ao quedar o local baleiro e preparado para un centro psicopedagóxico, arrisquei sen pensalo demasiado.
A miña especialidade estaba máis orientada aos adultos, pero sempre cría que o traballo en equipo e interdisciplinar podía dar resultados excelentes, polo que decidín apostar por isto e así naceu Creados.
Canto tempo leva aberto Creados e con cantos alumnos conta na actualidade?
Creados leva aberto 6 anos, o seu percorrido implicou cada curso aumentar servizos, persoal e sobre todo aumentar alumnos e alumnas. O último curso chegamos a ter 130 nenos e nenas sen contar coas colaboracións que realizamos fóra do centro que tamén supuxeron un gran avance.
Por que ese nome?
É moi curiosa esta pregunta, ten unha bonita historia detrás o nome de Creados.
A miña idea era Centro psicopedagóxico CREA e cando decidín poñer en marcha o negocio, contactei cunha empresa externa de deseño gráfico para poñer en marcha a publicidade e tamén un logo que me caracterizase. Despois de moito debate e intercambio de opinións, Luis (o seu xerente) díxome que lle gustaba o nome de CREADOS pero eu non lle fixen moito caso... e finalmente por cuestións de non duplicar nomes comerciais tiven que darlle a razón e así terminou sendo CREADOS. A realidade é que hoxe gústame máis este nome!
Cantos traballadores hai no centro? Cal é o papel que desempeñan e o seu nome e apelidos? Vostede traballa en Creados de forma activa?
Agora mesmo somos 10 persoas no equipo: os logopedas Beatriz Novo e Iris Pérez (encárganse da estimulación á linguaxe e a atención temperá), os psicólogos Estefanía Devesa e Marta Castro (o seu traballo é dar sesións psicopedagóxicas, axudar coas técnicas de estudo, os problemas de comportamento, levan o programa de estimulación precoz e encárganse tamén da atención temperá), os mestres Adrián Arias Folgar (apoio escolar en Educación Primaria e Psicomotricidade ), Mónica López (en ESO – Lingua Castelá) e María Varela (en ESO – Matemáticas), a pedagoga Celia López (encárgase das sesións psicopedagóxicas, a lectoescritura e os programas aprendo a ler, o programa de estimulación precoz e o programa de igualdade), a mestra de pedagoxía terapéutica con mención en Inglés Alexia Rodríguez (ela é a encargada de xestionar as disciplinas de inglés lúdico, apoio a educación primaria e pedagoxía terapéutica) e a técnica de educación infantil María González (encargada do programa de estimulación precoz).
A maiores dende fai dous anos abrimos mercado fóra dás instalacións levando a cabo programas de conciliación, obradoiros de verán, programas de igualdade e actividades extraescolares en colaboración cos concellos e Anpas limítrofes. Tamén xestionamos un programa de atención temperá nos concellos de Becerreá, Baralla, As Nogais e Navia de Suarna.
Eu persoalmente, sempre participei activamente no traballo, tendo as miñas sesións individuais e ocupándome da relación directa cas familias a parte da área administrativa.
En que se centra o seu traballo? Que engloban as necesidades educativas especiais?
O noso traballo céntrase en varias e distintas áreas. Traballamos con nenos e nenas dende 0 ata 14-15 anos e abarcamos infantes que posúen algún problema de desenvolvemento ou nenos e nenas que tan só buscan un reforzo para repasar e afondar conceptos propios do curso. Estes adoitan vir en grupos reducidos e non presentan ningún problema específico.
Ás necesidades educativas especiais intentamos darlle a mellor cobertura posible cun plan individualizado e adaptado as súas necesidades, aportando os especialistas necesarios e as sesións precisas a aqueles que veñen derivados de departamento de orientación ou pediatría cunha problemática xa recoñecida. Centrámonos na intervención e o noso obxectivo é que estes nenos e nenas adquiran a máxima autonomía, que desenvolvan na medida do posible a súas capacidades cognitivas, favorezan a súa integración na sociedade e enriquecer o seu entorno de aprendizaxe.
A nenos de cantos anos axudades e cales son os seus métodos?
Axudamos a nenos/as de tódalas idades. Os métodos usados como dicía anteriormente, son totalmente adaptados as súas necesidades específicas e con técnicos adecuados a súa idade e problemática.
Cales son as principais necesidades educativas especiais coas que se atopa?
Existen distintos tipos de necesidades educativas especiais a nivel físico, psíquico, cognitivo e sensorial. Os problemas principais cos que nos estamos atopando son: Trastorno de Espectro Autista, Trastorno por déficit de atención con ou sen hiperactividade, Trastornos da linguaxe, Trastornos graves do desenvolvemento, Trastornos graves da conduta, Dificultades de Aprendizaxe, Discapacidades Motoras ou Intelectuais, Retraso Madurativo...
Cre que na educación pública abórdase o tema das necesidades especiais en nenos de xeito suficiente ou faltan medios?
Penso que se mellorou moito, percibo que se comeza a ter un compromiso coas familias que posúen un neno ou nena cunha necesidade educativa especial. O feito de abordar máis de cerca as necesidades educativas especiais nas escolas públicas, aportando maiores recursos, fainos ser máis conscientes da importancia da educación pública.
Como de importante é a intervención temperá nestes casos?
É fundamental. A intervención temperá vai dirixida á poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e o seu entorno, que ten por obxectivo dar resposta o máis cedo posible ás necesidades transitorias ou permanentes do neno.
Incide nas tres áreas do desenvolvemento claves: psicomotor, autonomía persoal e comunicación. A plasticidade cerebral é moi boa neste momento evolutivo.
Que consellos daría a aqueles nenos que teñen nas súas aulas este curso algún compañeiro ou compañeira con necesidades educativas especiais?
O meu consello é que deixen que sexan eles mesmos, que aproveiten a oportunidade de coñecelos, é fantástico todo o que che ensinan!
O seu carácter é extraordinario, teñen moitos valores adquiridos que os fan ser seres moi moi especiais. Convivir ao seu carón cambioume como persoa, pero para mellor.