Terremoto Club Triacastela: "Os obxectivos sempre foron a conservación e mantemento dos vellos camiños a través do enduro"

SarriaXa
O Terremoto Club Triacastela nace coa finalidade de promover a práctica do enduro, así coma conservar e dinamizar o entorno.
Terremoto club triacastela
21 Nov 2021

O Terremoto Club Triacastela nace coa finalidade de promover a práctica do enduro, así coma conservar e dinamizar o entorno a través de limpezas e da recuperación de antigos camiños e corredoiras esquecidas.

Cando se creou Terremoto Club Triacastela e por que naceu a idea?

O Terremoto Club Triacastela creouse no ano 2009. Un grupo de amigos e endureiros da comarca decidimos crear o club para acudir a eventos deportivos baixo o seu paraugas e tamén para organizar os nosos propios eventos de enduro.

Cales son os obxectivos do club?

Os obxectivos primordiais do motoclube sempre foron o mantemento e conservación dos vellos camiños da comarca a través do enduro. O enduro é un deporte que se pode practicar en diferentes modalidades incluso en circuítos pechados. Sen embargo, os inicios do enduro tradicional sempre foron monte a través usando camiños e sendas existentes e superando as dificultades, obstáculos naturais e a dureza de estas vías de comunicación. Na nosa comarca temos un patrimonio moi grande de vellos camiños que se está a perder co abandono e despoboamento do rural, esas son as infraestruturas que nos gustaría manter no mellor estado posible.

Como levaron a pandemia?

A pandemia parou todo, incluída a actividade deportiva e a organización de eventos, moitos dos cales é posible que non volvan a organizarse. Coa apertura de restricións volveuse a comezar coa practica de enduro xa que é un deporte individual, pero os eventos (excursións, carreiras, etc.) están tardando máis do que deberan.

Cales son os plans de futuro de Terremoto Club Triacastela?

No club non temos uns plans específicos marcados a medio prazo e en principio a organización de eventos coma excursións está parada. O que si, é que estamos en contacto e colaboración directa co motoclube Malditos Hierros de Sarria, e xuntos organizamos días de limpeza, roza e mantemento de camiños, incluso reparación de pontes ou pequenos pontigos, etc. Como xa mencionei antes, son camiños que despois aproveitamos para a práctica do noso deporte.

Cantas persoas compoñen o club?

O club é pequeno e humilde, formado por unha ducia de amigos, pero aberto a participación de quen queira formar parte. Ultimamente estamos practicamente todos integrados no club Malditos Hierros contando cos amigos de Sarria para todo.

Anteriormente organizaron rutas de Enduro, tiveron algún problema para poder realizalas?

Organizamos sete excursións de enduro con moita participación. Tiñamos moitos participantes de toda España, e incluso de Portugal e Francia, nunca tivemos problemas salientables, sempre había detrás un traballo moi pormenorizado con todos os permisos e seguros en regra que esixe a lexislación vixente. Coma todo, hai demasiada burocracia, pero con traballo e ilusión todo se consegue. Algunha vez para adaptarse a lexislación e obter os permisos houbo que facer lixeiras variacións no trazado, pero nada importante.

Teñen planificado volver a realizar este tipo de rutas?

En principio non temos planificada ruta a corto prazo, o que non quere dicir que as portas estean pechadas, todo dependerá de como evolucionen as cousas.

Como era a acollida nas rutas que organizaron?

Dende o motoclube sempre tivemos a sensación de que as nosas excursións tiñan moi boa acollida, tiñamos que limitar o número de participantes porqué senón a cousa íasenos das mans. Incluso chegamos a cambiar totalmente o tema da sinalización das rutas, que tradicionalmente se facía con cintas e sinais que despois había que recoller, e pasamos a facer excursións navegación gps, sen marcar previamente os percorridos, soamente facilitándolles aos participantes o track para o gps ou teléfono. Éramos conscientes de que isto era un cambio radical no xeito de facer as cousas pero seguimos tendo que colgar o cartel de "prazas esgotadas" xa que tivo moi boa aceptación e a xente apoiou a idea.

Ultimamente soaron con máis forza as queixas de colectivos que entenden que motos e quads, fan un mal uso do monte, que opinan diso? Recibiron algunha queixa en particular sobre esta cuestión?

Con respecto a isto quero destacar que o noso é un club de enduro de motos, non temos nada que ver cos quad que son cousas totalmente diferentes, aínda que sempre se nos adoita  engadir no mesmo grupo. É certo que hai problemas a nivel galego e incluso estatal polo uso de vehículos a motor polo monte. Moitos de estes problemas veñen dados porque cada vez os usuarios de este tipo de vehículos están máis desligados do medio rural e descoñecen a propiedade dos terreos, das pistas e incluso da lexislación. Tamén hai zonas con peculiaridades, nas cales os camiños públicos foron desaparecendo e proliferando as pistas de comunidades de montes (que non son públicas) e un largo etcétera de problemas de organización do territorio, xunto coa masificación de vehículos "off road" en certas zonas. Na nosa zona non adoitamos ter problemas, temos unha gran rede de camiños de titularidade pública, que moitos de eles se están perdendo polo abandono do rural, e basicamente, a nosa actividade realízase por todos eses camiños, sen ter que meterse en terreos de monte privados. A maiores a xente é coñecedora do territorio e dos usos e costumes da xente e sabemos respectar para ser respectados.

Terremoto club triacastela 3
terremoto club triacastela 1
0.13455986976624