David Páez: “Para min, estar neste cargo é un orgullo, por todo o que supón representar a Galicia”

SarriaXa
David Páez González foi nomeado recentemente seleccionador galego masculino sub16. O sarriao conta as súas experiencias como adestrador.
David paez seleccion galega
14 Nov 2021

David Páez González foi nomeado recentemente seleccionador galego masculino sub16. O sarriao conta as súas experiencias como adestrador en diferentes equipos galegos como a Sarriana, o Dépor ou o Rácing Vilalbés, así coma en Andalucía e en China, onde tamén adestrou un tempo.

Cando naceu a súa paixón polo fútbol e por que?

O fútbol sempre foi a miña paixón desde moi neno, onde había un balón alí estaba. Sempre ía ver todos os partidos que podía e sabía o nome de todos os xogadores aínda que non fose fútbol profesional.

Xoguei desde os 8 anos ó fútbol federado e pasei competindo por todas as categorías de fútbol base, pero e tiña moi claro que quería adestrar, e con 15 anos fixen un equipo co nome da empresa dos meus pais onde xuntaba aos meus amigos e competíamos en ligas e torneos provinciais. Incluso chegamos a gañar varios deles. E de feito os meus mellores amigos a día de hoxe saíron gracias ó fútbol.

Cantos anos leva de adestrador?

Como adestrador levo 13 anos. Empecei a adestrar nos cadetes da SD Sarriana no ano 2008. E na Escola Galega de Adestradores levo 8 anos como profesor.

Despois de pasar por equipos coma a Sarriana, o Rácing Villalbés, a Residencia, o Calasancio ou o RC Deportivo da Coruña, podería destacar algún en particular?

Cada un coas súas particularidades, pero destacaríaos a todos, porque en todos eles vivín algún momento do que gardo bos recordos. Da Sarriana destacaría a consecución do ascenso histórico a Liga Galega Xuvenil e o ambiente que había naquel equipo, porque a maiores de ser bos futbolistas eran uns rapaces excepcionais. No Rácing Villalbés estiven en 2 etapas, para min é un club especial, porque alí deixei boas amizades e porque foi a miña primeira experiencia fóra do meu pobo. Ademais, deume a oportunidade de debutar como adestrador na Terceira División.
Da Residencia a maiores da consecución do ascenso a Rexional Preferente, destacaría o bo trato que recibín a pesar de estar só un ano, porque é un club moi familiar.

Do Calasancio gardo un excelente recordo a nivel persoal, porque é un club cunha gran política organizativa e cunha gran seriedade, onde se respecta ó máximo o traballo. A maiores diso tamén destacaría o ascenso a Liga Nacional Xuvenil e o feito de ser o club que me permitiu desenrolarme profesionalmente como director deportivo. E do RC Deportivo da Coruña solo podo ter palabras de agradecemento, porque coñecín grandes profesionais, porque tiven a oportunidade de adestrar xogadores de primeiro nivel e polo aprendizaxe extraído de como se traballa nun club profesional de máximo nivel.

Ademais de equipos galegos, tamén estivo en Écija e en China, considera que se vive de forma diferente o fútbol? Existe moita diferenza de uns lugares a outros?

Aínda que o fútbol é o deporte maioritario por excelencia na maior parte do mundo e que para a súa práctica ten o mesmo regulamento en todos os lugares, eu opino que en cada sitio se vive de forma moi distinta. Da miña experiencia en Andalucía podo dicir que xeralmente no sur vívese con moita máis paixón que aquí no norte, quizás, principalmente polo factor climatolóxico, porque a xente está mais tempo fóra das súas casas e apoia máis ao deporte en xeral, e sexa cal sexa a categoría, nos estadios sempre hai moita xente. Tamén, maioritariamente, hai unha diferencia significativa no perfil do xogador de fútbol, xa que a nivel de técnica individual ofensiva mostra maiores habilidades debido a que desde moi cativos están todo o día xogando na rúa, feito que en Galicia cada día se ve menos.

En cambio nos países asiáticos, en concreto en China que foi onde estiven eu, destacaría que a nivel de implantación de novas tecnoloxías están no primeiro escalafón. Sen embargo, a nivel técnico/táctico quizá aínda lles queda moito camiño que percorrer para estar ao nivel de Europa. A maioría dos xogadores son moito máis anárquicos e entenden o fútbol como algo moi esquematizado e sistemático, e no fútbol, moitas veces, conséguese o éxito a través da orde colectiva pero moitas outras, a través do desorde individual. Ao final, os xogadores non son máquinas, senón que teñen que ter unha liberdade para xogar e así mostrar as súas cualidades innatas. Esta visión do fútbol que teñen en certa medida é debido á cultura asiática que é mas hermetizada e que a práctica de deportes como o fútbol nestes países empezou moitos anos despois que no continente Europeo.

O ano pasado adestrou á selección galega sub14 e clasificouna por primeira vez para a fase final do nacional, como valora esa experiencia?

A experiencia na selección galega sub 14 foi moi positiva. Eu viña de adestrar o Écija na Terceira División e era unha etapa totalmente diferente, xa que empezaba a adestrar rapaces de 13 e 14 anos. Sen embargo, o proceso de adaptación foi rápido. A base de traballar moito e ver moitos partidos, conseguimos de Galicia unha selección invicta e imbatible no Campionato de España, e ao mesmo tempo, foi moi reconfortante ver o crecemento a nivel persoal e deportivo dos xogadores desde o primeiro adestramento ata o último día.

Recentemente foi elixido seleccionador galego masculino sub16, como se sinte e como valora este cargo?

Pois agradézolle moito o Director Deportivo da Real Federación Galega de Fútbol que pensara en min para este cargo, porque é unha xeración ca que xa traballamos hai 2 anos e ca que nos quedou a espiña cravada de non poder xogar a Fase Final do Campionato de España por culpa da pandemia.
Por suposto que para min estar neste cargo é un orgullo, por todo o que supón representar a Galicia, e síntome con moitas ganas de traballar para intentar deixar a nosa selección no máis alto, pero sendo consciente de que é unha gran responsabilidade.

Que é o que destacaría do fútbol como deporte?

Sobre todo os valores que aporta a nivel persoal. O traballo en equipo, o esforzo que require para ser profesional, acostumarse a uns hábitos de vida saudables, a amizade, o compañeirismo, o respecto polos rivais, polos compañeiros, polos árbitros, polo corpo técnico e pola directiva, a disciplina, a igualdade, a superación , a humildade e a solidariedade. O saber ganar e o saber perder. E sobre todo que che sirva para sentirte identificado con este estilo de vida aportándoche o fútbol diversión e felicidade.

Que obxectivos lle gustaría cumprir a nivel deportivo proximamente?

Como adestrador son consciente de que non ser ex xogador profesional é un condicionante negativo para chegar ó máximo nivel , porque hoxe en día na maioría dos casos óptase para adestradores deste perfil. Entón a miña meta é sempre o mais ambiciosa posible pero sabendo que o máis importante é desfrutar do fútbol na categoría que sexa, porque para min é imprescindible sentirse cómodo traballando nun sitio e que valoren o teu traballo. E loxicamente, no horizonte máis próximo, aínda que sabendo que é moi complicado, gustaríame chegar a ser Campións de España con Galicia.

Como considera que foi evolucionando a súa carreira deportiva?

Durante estes 13 anos ninguén me regalou nada, podo dicir que adestrei en todas as categorías do fútbol base e de todas as idades e que fun ascendendo pouco a pouco. Sempre estiven onde eu quixen estar, e que si en moitas ocasións non aceptei propostas foi porque non me parecía o momento adecuado para adestrar. Moitas veces é mellor esperar ó momento idóneo, que estar esperando a que a outro compañeiro lle vaia mal para coller o seu sitio, que por desgracia no mundo dos adestradores é así... Neste colectivo debería haber máis compañeirismo e máis respecto entre nós, como hai en outros colectivos de outras profesións.

Por iso, son dos que opino que é moi importante saber de onde vimos para saber a onde vamos, e que a traxectoria deportiva de cada un ven marcada polas persoas que van aparecendo no camiño e logo se quedan para a vida, polos aprendizaxes extraídos e polos bos momentos que che aporta un deporte tan magnífico como é o fútbol.

david paez 2
0.17197418212891